Petisca e Risiola son as dúas gatiñas que ilustran estas liñas e que representan aos 116 felinos que chegaron ata o Refuxio de Bando de Santiago o pasado mes de xuño, marcando un récord histórico na fundación. Unha situación sen precedentes que a directora do Refuxio de Bando, Olalla García, califica de “moi rara”. E é que o ano pasado na mesma data entraron 61. “O certo é que foi un ano diferente porque normalmente comezan a chegar gatos a partir de abril, pero desta vez viñeron todos xuntos. É certo que xuño adoita ser un mes de moitas entradas porque coincide cos tempos de xestación das gatas, pero nunca se dera semellante volume”, asegura. Asemade engade Olalla que “en abril ou maio os que entran son moi pequeniños, chegan da man de xente que os atopa na rúa ou ben que os descubre nos contedores... Hai que ter en conta que o 80 ou 90% dos gatos que acollemos son de particulares que os teñen sen esterilizar e ao ter camadas comezan a desfacerse deles. No caso destos felinos é un auténtico descontrol”, asegura. “Nos meses de xuño e xullo xa son máis grandes e é máis doado velos e recollelos”, di.

A pesar desta inxente cantidade de gatos sen familia, actualmente aínda hai máis cans no refuxio santiagués á espera dun compañeiro de vida. E é que se contan 240 cans fronte a 230 gatos. Son centos de animais que agardan un golpe de sorte no refuxio ou nunha familia de acollida, como é o caso de Petisca e Risiola, que foron recollidas en Santiago, con tan só 3 semanas de vida, e esperan a súa familia definitiva. “Moitos estudantes, sobre todo mulleres, acollen gatos nos seus pisos durante o ano. O problema é que agora no verán como a xente marcha hai menos acollidas”, lamenta a directora do refuxio.

Preocúpalle tamén á responsable da fundación o menor número de adopcións e o maior abandono de animais, algo que achaca en parte ao descoñecemento que existe da nova lei de benestar animal. “A xente está pensando cousas que non son, teñen medo e en consecuencia estamos detectando un abandono de cans maiores. Asemade a primeiros de ano chegaron camadas de cachorros, algo que facía tempo que non pasaba.

"Dá tamén a sensación de que a xente adopta menos por non saber o que vai pasar”. Unha lei que a pesar de que ten voces en contra, considera boa porque “todo o que sexa información e dereito animal é positivo. En Galicia por exemplo dende 2018 está prohibido sacrificar a un animal pero hai puntos de España no que sigue facéndose, polo que aínda hai moito que andar, pero é un paso”, manifesta. Por outro lado, cre que tamén inflúe nas adopcións e no abandono o factor económico. “Subiron os prezos de todos os produtos, dende a area para os gatos ata os pensos”.

E é que este ano, ata o pasado mes, adoptáronse un total de 185 animais fronte aos 206 de 2022 no mesmo período de tempo.

Axudas

A estas alturas do ano o Refuxio de Bando xa conta con 230 gatos JESÚS PRIETO

Á parte dos concellos que forman parte do refuxio, este conta con socios, padriños e colaboradores que interveñen a algún animal fóra do recinto. Fan ademais eventos como feiras, sorteos, e a xente pode colaborar achegando un euro ao mes a través de Teaming. Tamén se pode doar comida ou material. Asemade existe a posiblidade de ser voluntario para pasear os cans e sacalos aos parques do refuxio, axudando así na súa socialización, ou ben pódese pasar tempo cos gatos. Tamén ao ser voluntario axúdase ao refuxio nos eventos para recadar fondos e nas charlas que realizan polos colexios. Non hai que esquecerse da posiblidade de acoller temporalmente a un animal, que case sempre son gatos, mentres non atopa a súa familia definitiva.

Demandas

Olalla denuncia que “hai moitos concellos galegos que seguen sen ter servizo de recollida de animais, algo que por lei é obrigatorio. Cando alguén dese municipio atopa un animal na rúa chama ás veces aquí, pero a solución non pasa por saturar os refuxios que están funcionando, senón por obrigar a eses concellos a que contraten un servizo de recollida axeitado”. Fai ademais unha chamada á poboación para que sexa responsable e esterilice os animais.

Todos e todas as interesadas en adoptar un can ou gato non teñen máis que contactar a través do correo, das redes ou vía teléfono. “Mandámoslle un formulario pre adopción para ver cal é o máis axeitado e se vemos que a persoa é apta, dámoslle cita para coñecer o animal. Algúns poden marchar ese día, e outros teñen que esperar”.

Petisca, Risiola, pero tamén Flashito, Dolfi, Totoro, Calipo e Lousiña. Todos eles son gatos que agardan un fogar axeitado que queira ampliar a familia. Tamén Brincadeira, Airis ou Magia son tres dos centos de cans que buscan construír unha historia de vida nova xunto a alguén que os adopte.