Premios Gallegos del Año
“Lección de compromiso e traballo”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín / Jesús Prieto
Redacción
“En Santiago de Compostela compracémonos por volver acoller os premios que recoñecen os galegos e galegas do ano. En primeiro lugar porque, dalgunha maneira, ser sede destes premios reafirma a nosa condición de capital, da cidade en que se dá cita Galiza enteira, en que aplaudimos a quen destacou neste ano polas súas traxectorias profesionais para ben de todo o país.
En segundo lugar, alegrámonos especialmente porque este acto significa tamén a consolidación dunha nova etapa do xornal El Correo Gallego, un xornal que é parte da historia do noso concello e que iniciou hai pouco un novo tempo para o que lle desexamos as mellores noticias, baixo a dirección dun xornalista que en Compostela coñecemos ben e de longo como é Xaime Leiro.
Neste tempo de globalización en que os focos de atención mediática fan que case todas as portadas sexan iguais, en que a axenda, boa parte das veces se constrúe lonxe de nós, é de agradecer de maneira especial a existencia de cabeceiras que, como El Correo Gallego, se ocupan da información local, os acontecementos e temas que nos preocupan ás veciñas e veciños de Santiago pola súa proximidade, ese elemento de tanta importancia no feito informativo. Desde unha institución de carácter local como é o Concello de Santiago, temos que agradecer os medios que miran para nós, que son os nosos altofalantes, que difunden as iniciativas sociais que queremos que coñezan as persoas de Santiago e tamén, que nos fagan reparar en temas que, moitas veces, poden pasar desapercibidos.
Por todo isto, é unha boa noticia que un xornal como El Correo Gallego, unha cabeceira que se achega xa case para os seus 150 anos, a maior parte deles na capital galega, continúe o seu camiño e siga a cumprir un papel fundamental no noso concello, non só polo seu capital informativo senón tamén por promover e continuar con iniciativas como este Galegos e galegas do ano ou a Carreira pedestre, un clásico no deporte popular compostelán.
En terceiro lugar, e tamén a título persoal, nesta primeira convocatoria dos premios aos que asisto como alcaldesa, quero destacar a inmensa dimensión das persoas premiadas, cinco personalidades nas distintas disciplinas en que se moven, e, permítanme dicilo, boa parte cunha forte vinculación co noso concello.
Parabenizo tamén o xurado pola súa elección porque, todas e cada unha, son unha lección de compromiso e traballo, de vontade e talento. Tres mulleres e dous homes destacan neste ano por teren desenvolvido traxectorias que son espello dun país que acredita no seu propio futuro, dun país que se reinventa, que confía nos seus recursos, que mellora día a día.
A este país representa o doutor e investigador, Diego González Rivas, unha persoa a quen tanto debemos, entre outras cousas, a esperanza na difícil loita contra o cancro. Todas e cada unha de nós temos unha débeda de agradecemento a profesionais da sanidade que, cada día, traballan para o ben común, para o benestar e a saúde das persoas... unha débeda impagábel que ben merece o recoñecemento de premios como o que hoxe recibe Diego González Rivas.
Como homenaxe merecen as persoas que confían e traballan por un rural vivo, con oportunidades, como Carmen Lence, unha muller que está á fronte do máis relevante grupo lácteo galego, Grupo Lence, desde 2019 e que loita tamén por dar visibilidade a ese silencioso traballo das mulleres no ámbito agrícola e gandeiro.
E, no ámbito do deporte, este ano moito nos aprenderon as mulleres futbolistas, aprendéronnos a súa forza, a súa tenacidade, a súa honestidade, a sororidade, a resistencia, a defensa dos dereitos e a loita pola igualdade. E, nesa xenerosa listaxe de mulleres, unha é merecedora deste premio, a pontevedresa Teresa Abelleira, unha muller querida e respectada, unha muller que está no cúmio dun deporte que ten por diante aínda unha longa carreira pola igualdade, mais unha distancia que se acurta con mulleres valerosas como Tere Abelleira.
E deixo para o final dúas persoas nacidas en Santiago de Compostela, unha muller e un home que apostaron por ámbitos difíciles, por que se recoñecese e valorasen os seus traballos en disciplinas que non gozaban do prestixio social e o beneficio económico doutros ámbitos de coñecemento e actividades profesionais.
No ámbito da arqueoloxía, Felipe Criado Boado é, sen dúbida, unha autoridade. Investigación de vangarda desde Santiago, para coñecer mellor o noso pasado con métodos do futuro. Neste país de tan longa historia, o traballo de Felipe Criado fixo que fósemos referentes, que os centros de investigación tivesen que mirar para Santiago de Compostela para admirar e seguir as liñas de investigacións dirixidas polo que, sen dúbida, é un pioneiro e un dos máis recoñecidos investigadores en Ciencias Sociais”.
Con Yolanda Castaño a poesía faise pasaporte privilexiado deste país, carta de presentación excelente dunha cultura que, grazas ao seu traballo, ocupa novos espazos no panorama cultural internacional, en pé de igualdade, na nosa propia lingua. Unha voz indiscutíbel da nosa poesía, cunha obra que merece estar nas máis selectas antoloxías da nosa historia literaria, o labor de Yolanda Castaño transcende a esta altura o dunha creadora ao uso, é, nese sentido, xenerosa cunha cultura que precisa pontes para abrirse camiño e, ela, é a que vai de avanzada, explora novas vías e leva canda sí unha cultura que merece ser oída tamén lonxe das nosas fronteiras. No concello en que tamén naceu Rosalía, festexamos a Yolanda Castaño que forma parte, por dereito propio do ronsel poético desta cidade literaria.
Parabéns a todos e todas e parabéns, moi especiais, a El Correo Gallego, historia tamén desta cidade en que se xeran tantas noticias, referente de información local. Os mellores desexos para esta nova etapa e grazas por cumprir un servizo de especial interese para achegar á veciñanza a información de proximidade, tan valiosa, tan necesaria.
Hoxe é un día de festa en Santiago de Compostela. Temos, pois, moitos motivos para nos alegrar por participar nunha nova edición da entrega destes premios. Grazas a todas as persoas e entidades que constrúen país, grazas por subir chanzos nunha Galiza igualitaria, con recursos, de vangarda e orgullosa de si.”
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Así será el nuevo edificio que transformará esta zona de Santiago: 18 viviendas, locales comerciales y una fachada acristalada
- El 40% de las comunidades de vecinos gallegas registró solicitudes para prohibir los pisos turísticos
- El arzobispo de Santiago nombra a Roberto Martínez Díaz nuevo rector del Seminario Menor
- Media Galicia en alerta roja por calor mientras en este rincón sacan el paraguas: van más de 14 litros de lluvia acumulada este sábado
- Muere Manuel Lata Montoiro, fundador de la distribuidora industrial Comercial M. Lata de Santiago
- Últimas semanas para disfrutar de este parque acuático a dos horas de Santiago: 17 toboganes y una piscina panorámica para escapar del calor
- Las colas para entrar a la Catedral de Santiago llegan hasta el Casino: "Llevamos dos horas esperando"