Entrevista | Marta Villar Xornalista e escritora
Marta Villar: “Na trama hai unha homenaxe ás mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles”
A xornalista da Opinión A Coruña conquistou ao xurado coa riqueza e o ton cómico da novela

A xornalista e escritora Marta Villar / CEDIDA
Carolina Sertal
A escasos días do seu 51 aniversario, paseando polas rúas de Málaga, a redactora da Opinión A Coruña (pertencente a Prensa Ibérica, mesmo grupo de EL CORREO GALLEGO) Marta Villar (Malpica, 1973) descolgou o teléfono e soubo que era a nova Premio Xeral de Novela.
–Escrita en dous meses, como senta saber que esa obra é agora Premio Xerais de Novela?
–Para min é unha honra enorme formar parte dunha longa listaxe de autores e autoras como Berta Dávila, Emma Pedreira, María Solar, Pedro Feijoo, e tamén Darío Xohán Cabana, que é un dos meus favoritos, porque me marcou moito con Galván en Saor, obra coa que me fixo ver que se poden escribir mundos máxicos. Formar parte desta listaxe non o agardaba para nada. É moi difícil gañar un premio así, pero estaba de vacacións e nin sequera sabía que era finalista, nin que se fallaba o pasado xoves. É tamén unha gran responsabilidade, pero estou moi agradecida ao xurado por escoller esta historia, na que eu confiaba moito, e quero dar os parabéns ao resto de premiados e finalistas, que teñen que estar moi orgullosos.
–Esta nova novela ten tintes autobiográficos como Non temerás os coches amarelos?
–A diferencia da miña novela anterior, que había parte autobiográfica, neste non. Si que hai personaxes inspirados en xente que coñezo ou coñecín, pero non ten conexión coa realidade. Na obra hai un asasinato e eu emprego os crimes como escusa para contar outras cuestións, fago reivindicacións, denuncio temas que afectan á sociedade actual. Esta é unha obra coral na que hai personaxes secundarios que teñen moita forza e aos que se lles colle moito cariño. A coprotagonista, Sol Cortés, é unha muller que leva moitos anos fóra da vila natal, vila urbana galega á que regresa. É patronista en Inditex e fai un cambio radical de vida, volve á vila natal e monta unha libraría e coincide que uns días despois é asasinado un veterinario, unha persoa dunha sensibilidade extraordinaria, que era case como un antigo albeite e que facía maxia cos animais. Ela comeza a investigar de forma paralela á Garda Civil e forma un tándem cun policía local. Aproveito a trama para homenaxear a todas esas mulleres que nos anos 80 e 90 traballaron nas cooperativas téxtiles en Galicia, porque o seu traballo foi fundamental e básico para que hoxe en día haxa un imperio téxtil internacional como o de Zara. Coñezo a familiares destas mulleres e era un traballo durísimo, pero moitas mulleres sempre falan moi ben porque foi o primeiro salario, a primeira vez en ter independencia económica, dáse esa dualidade, e eu quería facerlles un recoñecemento. Hai outras temáticas, como a natureza ou os animais, que son recorrentes en min, e outro obxectivo era facer unha defensa de todos os colectivos minoritarios. Quixen sacar de min prexuízos que podo ter, esa vergoña que me dá telos, sendo consciente de que iso ten que rematar.
–O xurado puxo en valor o ritmo narrativo e moi especialmente os toques de humor.
–Nunha novela o básico e o fundamental é o ton. Para moitas persoas a miña novela anterior era dura, penso que depende moito do momento no que esteas, pero é certo que tiña outro ton e despois dela eu quedei aliviada dunha carga emocional grande, quedei liberada e sentín que me recuperaba, máis alegre, e defendo sempre o humor para rirme de min mesma a primeira, póñome a parir un montón de veces (risas), porque é fundamental para quitarse importancia sempre. E nesta nova novela naceu o meu ton auténtico, de tomarse as cousas con humor, coa retranca que teño, e por iso a novela ten moita ironía. Iso gústame porque hai mensaxes de fondo que penso que así entran moito mellor.
–Como compatibiliza a escrita co seu día a día como xornalista?
–É practicamente imposible. Para escribir unha novela precisas moitos días seguidos e tiña tantas ganas de escribir esta historia que me andaba pola cabeza que pedín no traballo unha pequena excedencia de tres meses. No primeiro fixen outras cousas pendentes e logo dediquei xullo e agosto do ano pasado a escribila. Só tiña aqueles meses e dixen: Ten que ir! Agora pregúntanme cando vai saír a próxima e respondo que non o sei, porque ideas teño moitas, pero o xornalismo na prensa escrita é tan esixente que cando non estás traballando fins de semana, festivos, mañá, tarde e noite, estás pensando no tema que tes que conseguir para o día seguinte. Estás permanentemente atada e iso dificulta moito.
–Vén de publicar Os peidos máxicos de Sultán, que foi o que a animou a adentrarse na literatura infantil? Foi complexo o cambio de chip?
–Non ten nada que ver coas novelas e penso que é moito máis difícil escribir para nenos, porque eu teño unha certa idade e conseguir enganchalos e atrapalos era algo que me daba moito respecto. Pero apetecíame moitísimo porque cando era nena gustábame escribir historias estrañas e tiña unha imaxinación desbordante. Quixen recuperar aquela fantasía e creatividade, conectar con aquela época na que todo era posible. Non descarto seguir escribindo para os máis pequenos se ten éxito.
- Treinta camiones al día, 63.500 t de residuos y 50.947 m3 de aguas industriales: los peros a la planta de biogás de A Laracha, en cifras
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Hablan los okupas de Bertamiráns: 'Solo pedimos una oportunidad
- Un hombre recibe una paliza de tres individuos a plena luz del día en el barrio de la Almáciga
- Los 6 clubs de lectura que llenan las librerías de Santiago: del casco histórico a O Castiñeiriño
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- La fiebre por las tartas de queso aterriza en Galicia con un gran festival cerca de Santiago