Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xosé Luís Bernal Escritor, humorista e narrador

Xosé Luís Bernal: “A Rúa do Vilar é o corazón de Santiago, e Santiago o de Galicia, polo que nacín no corazón do corazón”

Publica o libro de relatos 'Cousas de Farruco' asinado polo seu fillo artístico

Xosé Luís Bernal caracterizado como Farruco

Xosé Luís Bernal caracterizado como Farruco / CEDIDA

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

O escritor, humorista e narrador Xosé Luís Bernal nacía hai 82 anos na Rúa do Vilar, e xa dende ben cativo se sentiu atraído polos contos que lle relataba unha tía na aldea paterna. Tanto é así que foi na súa infancia cando comezou Bernal a fraguar a idea do seu fillo literario, Farruco, que nacía a imaxe e semellanza dos debuxos das viñetas de Castelao. Precisamente o seu fillo artístico é quen asina o seu novo libro Cousas de Farruco, no que atoparemos varios contos inspirados no rural galego. O humor e a retranca son a base sobre as que se asentan todas as historias. O 24 de setembro no Teatro Principal, lugar no que nacía o personaxe de Farruco, realizarase a presentación oficial.

Xosé Luís Bernal

Xosé Luís Bernal / CEDIDA

Non sei moi ben se dirixirme a vostede como Xosé Luís Bernal ou Farruco porque quen firma é o último...

Nesta historia, curiosamente, o que escribe o libro é Farruco Louro Lestedo, que é un fillo artístico meu. Hai unha fantasía onomástica, na que eu xogo con Xosé Luís Bernal e Farruco. Bernal ten catro fillos, tres biolóxicos e un artístico.

Farruco escribe, pero Xosé Luís tamén colabora na segunda parte...

Efectivamente. Son 14 contos extraídos das actuacións que fixen durante máis de 50 anos por festas, romarías, camiños, televisión, radio. Extraín todas esas historias e concibín 14 contos en clave de humor que fai Farruco. Na segunda parte do libro, Xosé Luís Bernal, pai da criatura artística, escribe dez lerias das súas colaboracións en distintas radios galegas como aSer, RadioVoz ou a Radio Galega.

O seu novo libro, Cousas de Farruco, está cheo de relatos curtos inspirados no rural galego. O primeiro conto Algo de min dá pinceladas da infancia de Farruco. Pasoulle a vostede ese episodio que contaba da adicción ao viño?

Non, iso é unha fantasía. Son unhas licencias literarias que contou Farruco, non Xosé Luís Bernal. Xosé Luís Bernal é un urbanita que naceu na Rúa do Vilar e que se converteu nun narrador galego de historias enxebres e auténticas de aldea grazas a unha velliña, que se chamaba Manuela, e que era a miña tía. Foi unha velliña analfabeta e sabia, que me contaba historias nos veráns, cando aquel urbanita ía veranear a Soutomaior, a terra do meu pai. Eu apegueime a ese mundo rural e, logo, dalgunha forma, grazas a que era moi amigo do recentemente falecido Doctor Carro, sobriño de Don Jesús Carro, do gran intelectual, que tiña unhas revistas con debuxos de Castelao na portada que eu lía, saquei a idea de contar historias en galego convertido en paisaniño que anda por festas e romarías.

"Xosé Luís Bernal é un urbanita que naceu na Rúa do Vilar e que se converteu nun narrador galego de historias enxebres e auténticas de aldea grazas a unha velliña, que se chamaba Manuela, e que era a miña tía"

E así naceu Farruco?

A raíz dos veráns que pasaba en Soutomaior fun creando o personaxe, alí naceu. Tamén dalgunha forma participaron as revistas que lía na biblioteca de Don Jesús Carro porque eu sempre quixen que Farruco fose como un debuxo de Castelao que escapou das súas viñetas. Daquela, como urbanita que era, ía a un colexio de nenos de ‘familias ben’ no que falar galego era pecado. Eu contaba os contos en galego, e os rapaces escoitábanme, e así foi nacendo Farruco. Foi no Teatro Principal de Santiago, onde vai ter lugar a presentación oficial do libro, onde naceu este personaxe. Alí empecei as miñas historias e quero dalgún xeito, despedilo non o sei, pero homenaxealo como mínimo.

"Foi no Teatro Principal de Santiago, onde vai ter lugar a presentación oficial do libro, onde naceu este personaxe. Alí empecei as miñas historias e quero dalgún xeito, despedilo non o sei, pero homenaxealo como mínimo"

Volvendo aos contos. Outro está dedicado a personaxes populares que poden atoparse en todos os pobos. Moitos deles saen airosos da súa suposta ignorancia. Por que decidiu dedicarlle un relato ao ‘tonto do pobo’?

Con este conto quixen dalgunha forma homenaxear a eses personaxes populares, ás veces tan maltratados, pero que en realidade son auténticos sabios da vida, disparatados pero cun inxenio e vivencias especiais. Quixen homenaxealos porque teñen ese apelativo tan tráxico de ‘parvo do pobo’. Entón tratei de que en todos os casos quedasen ben. Cando o último destos personaxes di “a min chámanme parvo, parvos os do meu lugar que traballan e non comen e eu como sen traballar” fai unha reivindicación total.

As historias que recolle na segunda parte, custoulle moito recompilalas? Hai incluso unha do ano 77...

Cando ía ás radios eu loxicamente escribía as historias e fun arquivándoas. Custoume moito seleccionar porque teño moitas colaboracións, tiña máis de 300 arquivos. Decidinme a incluír as que me parecían máis atractivas e que dalgunha forma falaban sobre algunha efeméride como o Día dos namorados, por exemplo.

O humor e a retranca, como humorista que é, están presentes en todos os contos deste libro. Vostede tamén toma a vida con humor?

É a miña mellor medicina para facerlle fronte a todos os avatares e golpes da vida. Para poder subsistir non hai mellor alimento que tomar a vida con humor e un par de cuncas de vez en cando para poder regalo como se regan as plantas.

Portada do libro

Portada do libro / CEDIDA

Seguiremos gozando de máis libros?

Xa me están tentando con outro, pero pouco a pouco. O primeiro fou un pequeniño que fixen a raíz de organizar durante 32 anos en Compostela a homenaxe ás bandas populares de música de Galicia. Cheguei a reunir ata 23 bandas. Entón publiquei un libro chamado Bandas populares de música de Galicia. O segundo titúlase Eles e máis eu. Compostelaneando, un libro dedicado a personaxes composteláns. Este libro funcionou moi ben porque recollía personaxes entrañables da cidade como As Marías. Agora chegou o terceiro, Cousas de Farruco, que máis ben xa non escribe Xosé Luís Bernal, senón que o fai Farruco. Nunca chegarei á altura dos libros que escribiu o meu irmán, o xornalista Diego Bernal, que foi compañeiro voso, pero dalgún xeito sigo un pouco a súa traxectoria.

E máis alá da escritura, segue con algún proxecto?

Fago de vez en cando algunha escapada aos medios artísticos e algunha colaboración en televisión. Agora estou chamado para colaborar con Roberto Vilar no Land Rober. E así vou pasando o tempo, pasmoneando por Compostela, dando voltas polas tabernas e as rúas e, de vez en cando, ilústrome lendo un pouco e recordando vivencias. Igual algún día me atrevo a facer unha biografía na que tería moito que contar.

De onde saca as ganas e a vitalidade para todo?

Valle Inclán dicía que Compostela é máis eterna que antiga, e eu debo ter esa ansia de Compostela. Tiven o privilexio de nacer no corazón de Santiago, na Rúa do Vilar, e si a Rúa do Vilar é o corazón de Santiago e Santiago o corazón de Galicia, eu nacín no corazón do corazón de Galicia. E debe ser esa galeguidade a que me empuxa a ter ganas de seguir contando e protestando. Hai pouco mandei as miñas protestas a medios municipais por certas cousas que suceden na miña terra e non me gustan.

Tracking Pixel Contents