Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As mulleres non son superheroínas que poden con todo

A carga mental que soportan é responsable dos trastornos de ansiedade e do consumo de psicofármacos

Unha muller cansada

Unha muller cansada / PEXELS

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

Vivimos nunha sociedade patriarcal que se resiste a tombar certos mitos. Un deles é o da ‘supermuller’ ou a muller que pode con todo. Unha mentira que se instauraba con forza alá polos 80 e 90, cando se producía en Europa e EEUU unha incorporación masiva das mulleres aos empregos remunerados. Desta forma, os homes seguían dedicándose só ao traballo fóra, mentres que as mulleres mantiñan o seu rol de coidadoras e de amas de casa, ao que sumaban agora, o de traballadora remunerada.

Concha Fernández, coordinadora da Comisión Intersectorial Feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) afirma que vivimos nunha sociedade na que as mulleres foron dando, xa dende os 70, pasos moi importantes no ámbito laboral e na vida pública, "pero non tivemos a contraparte, é dicir, non deron ese mesmo paso os nosos compañeiros homes", sentencia. "É un feito real que as mulleres dedicamos moito máis tempo diario ao coidado das outras persoas que viven con nós, maiores ou pequenos. E, polo tanto, destinamos moito máis esforzo mental, cognitivo, emocional e físico ao coidado dos demais", sinala Concha. "E non se trata de que as mulleres teñan que delegar tarefas porque niso vai implícito que é unha responsabilidade exclusiva delas, e non o é, senón que se trata de compartir ou corresponsabilizarse", aclara.

A última enquisa do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) deixa claro que as mulleres en España seguen a destinar moito máis tempo que os homes ao coidado do fogar e dos fillos. Mentres elas dedican case sete horas aos fillos nun día laborable, eles fano case catro. As tarefas do fogar ocupan case tres horas do tempo das mulleres nun día laborable e dúas do tempo deles. Tamén elas dedican máis tempo ao coidado dos adultos dependentes: seis horas fronte ás cinco dos homes.

Rol coidador

Concha Fernández incide en que a sociedade segue atribuíndolle á muller un rol coidador, que ademais está infravalorado. "Non se recoñece nin económica nin socialmente e a partir deste traballo de coidado do entorno e de coidado das demais persoas, establécense o resto de desigualdades, tanto no ámbito público como no económico", sinala. "As mulleres temos menos tempo para dedicar, por exemplo, a profesións de maior recoñecemento e valor económico. Temos menos tempo para dedicarnos a nós mesmas e, polo tanto, é frecuente que teñamos moitos máis problemas de saúde asociados a esa falta de tempo e enerxía", aclara. E é que as mulleres son as que máis sofren de ansiedade e as que máis psicofármacos consumen, precisamente derivado desa carga mental que teñen que afrontar.

Culpabilidade

A sociedade encargouse tan ben de crear ese mito da ‘supermuller’ que aínda hoxe na maioría dos fogares mixtos onde hai nenos son as nais as que se senten culpables por permitirse algo de tempo para elas. As nais novas de hoxe son as milenials que foron coidadas por unhas nais que, na súa gran maioría, se encargaban de todo. Son mulleres que creceron vendo como papá traballaba fóra da casa, e mamá tamén, pero ademais era quen limpaba, cociñaba, se encargaba de levalas e recollelas do colexio, de falar cos profesores e de axudalas cos deberes. Por iso, aínda que as nais de hoxe romperon con todos eses estereotipos machistas, non é raro que lles custe desfacerse duns roles que calaron tan fondo no seu subconsciente.

Non obstante, coas novas xeracións sempre hai esperanza. A chamada xeración Z xa foi educada nuns valores moi distintos. "Sempre son optimista cos novos porque efectivamente fomos progresando notablemente e creo que hoxe en día con respecto das identidades e roles sexuais hai unha maior fluidez e recoñecemento. Por iso son moderadamente optimista, pero non podemos deixar de ver que existen correntes ideolóxicas autoritarias e fascistas que teñen un modelo absolutamente patriarcal dos roles de xénero e teñen bastante seguimento entre as xeracións mozas", explica. "Non obstante, eu son profesora de intervención sociocomunitaria e traballo con mozos e mozas e creo que lle van poñer cerco. Con todo, hai unha minoría que plantexa resistencias a estos avances e defende un modelo tradicional e patriarcal e faino con moito poder a través de certas redes sociais".

Corresponsabilidade

As mulleres, tal e como sinala Concha Fernández, vemos mermadas a nosa participación pública, política e económica no que se refire á asunción de responsabilidades profesionais a causa de asumir este rol coidador. A única solución para acabar con esta violencia estrutural, aclara, é corresponsabilizarse. "Creo que se teñen que corresponsabilizar non só as administración públicas, asumindo que o coidado e a reprodución da sociedade, sobre todo no que ten que ver con pequenos e maiores, non é algo exclusivo das mulleres, senón toda a sociedade". E sobre todo, incide, "o paso teñen que dalo os homes no ámbito privado, compartir, corresponsabilizarse, facerse cargo en igualdade do esforzo, do tempo e enerxía mental e emocional que require coidar dos que conviven con nós e do entorno". Concha Fernández lembra que ese rol coidador segue tan patente que incluso, aínda que profesionalizado e remunerado, as profesións coidadoras seguen estando rexentadas por mulleres.

Conciliación

A coordinadora da Comisión Intersectorial Feminista do COPG sinala que no ámbito da conciliación déronse pasos para asumir unha parte dos coidados de menores e persoas dependentes a través de plans de conciliación. "Aínda que, curiosamente, parece que se dirixen ás mulleres", apunta. Non obstante, sinala, "déronse pasos para ter servizos que tratan de conciliar o ámbito dos coidados co produtivo". Agrega que "algúns homes, afortunadamente, cada vez máis, van dando pasos para corresponsabilizarse e compartir coas súas compañeiras de vida as tarefas de coidado, pero aínda temos un camiño importante por percorrer". E é que á hora de adaptar a xornada laboral para conciliar, o habitual é que sexan as mulleres, nas parellas mixtas, as que deciden sacrificar o seu futuro laboral. "Os homes non van estar tan dispostos a renunciar porque está claro que eles están moito máis cómodos no seu rol tradicional no ámbito produtivo, e ademais, están mellor pagados e máis recoñecidos. Eles non tocan o seu traballo porque adoitan ter o salario máis alto, pero ese soldo superior é posible porque antes alguén se fixo cargo do coidado e se quedou na casa para que eles puidesen prosperar no seu ámbito profesional", manifesta Concha Fernández. "O mesmo ocorre cando hai crises económicas, de novo se nos devolve ás mulleres ao noso ámbito de coidado reprodutivo".

A saúde mental feminina, afectada

"Non se pode chegar a todo nin estar permanentemente presionadas porque iso afecta a nosa saúde mental", pon de manifesto a coordinadora da Comisión Intersectorial Feminista.

O feito de que as mulleres sexan, en moitos casos, as encargadas de traballar e coidar dá como resultado unha merma da súa saúde mental. Así o demostran os estudos. Este mesmo ano o Ministerio de Sanidade realizaba un estudo sobre o consumo de antidepresivos, ansiolíticos e hipnóticos e sedantes. Os datos son reveladores, xa que o consumo de psicofármacos está disparado en España e concéntrase nas persoas con menos ingresos, nos colectivos marxinados e, como non, nas mulleres. Son, sobre todo, as mulleres de máis de 40 anos as maiores consumidoras de antidepresivos. En concreto, 131,7 doses ao día por cada mil persoas. Os homes, pola contra, están nunha dose de 73,9, é dicir, case a metade. No tocante aos ansiolíticos, vemos un 77,2 en mulleres e un 53,5 en homes. Finalmente, no caso de hipnóticos e sedantes, hai un 48,7 en mulleres e un 34,6 en homes.

Por outro lado, o ministerio alerta do número de persoas que empregaron polo menos un envase de psicofármacos ao ano. Novamente, son as mulleres maiores de 40 as que presentan os datos máis altos. Pasa o mesmo cos antidepresivos.

O estudo tamén valora os casos de ansiedade. A prevalencia dos casos de ansiedade alcanza o seu pico máis alto (17,9%) nas mulleres de entre 50 e 64 anos. Unhas cifras moito máis altas que as dos homes, posto que a súa porcentaxe máis elevada nin se achega a esta cifra, con un 10,3% no grupo de 40 a 44 anos.

Tracking Pixel Contents