Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PREMIOS GALLEGOS DEL AÑO

«Os premios axudan a superar as barreiras de público que ten a poesía»

Chus Pato, galardonada cos premios Gallegos del Año na categoría de Artes e Comunicación

Chus Pato, galardonada cos premios Gallegos del Año na categoría de Artes e Comunicación / CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Leva dous meses sen escribir poesía, encadeando os incontables compromisos que leva consigo a concesión dun premio de tanta dimensión como o Nacional de Poesía, que, asegura, recibiu con «moita sorpresa». Pero Chus Pato é consciente de que recoñecementos como o premio Gallega del Año que recollerá o vindeiro día 28 en Santiago fan que os poemas poidan viaxar a lugares aos que doutro xeito lles custa chegar.

Un lector de poesía nace ou faise? É posible aprender a apreciar a poesía ou iso é algo innato?

Apréndese, como calquera arte. Calquera persoa pode ter unha educación que a faculte para poñerse diante dun cuadro de Seoane ou do Guernica de Picasso e comprendelo. Evidentemente, unha persoa que non está educada na historia da arte non vai sentir a emoción que si ten unha persoa que si ten datos. E coa poesía pasa o mesmo. Para leer un texto poético non chega con saber ler e escribir, evidentemente. Hai que ter unha educación, igual que pasa coa ciencia. Pero calquera persoa está dotada para poder achegarse á poesía, outra cousa é escribila.

Saber que lle concedían o Premio Nacional de Poesía deulle máis vertixe ou máis alegría?

Moita sorpresa. Cando me chamou por teléfono María José Gálvez, directora xeral do Libro, eu estaba cociñando. Parei e quedei enmudecida. Non mo esperaba. Ela tiña o micro aberto para todo o xurado, houbo persoas que me felicitaron, entre elas Yolanda Castaño, e eu tardei un tempo máis longo do normal en min en recobrar a palabra e darlles as grazas.

«Dóeme moitísimo a situación do galego. Xa non vale un remendo, hai que cambiar o modelo»

E, dende ese día, houbo algún cambio na súa vida?

Creo que hai dúas posibilidades: cambias de teléfono ou non o colles (risas). Se colles o teléfono, miras o correo electrónico e tes redes sociais, a túa vida cambia, porque chaman os xornalistas e pídenche que vaias a moitos sitios... Se te guías polos convites que tes, podes estar todo o mes facendo cousas públicas. Eu, dende o 19 de setembro no volvín escribir poesía.

E remata o ano con outro premio, máis modesto, pero que lle outorgan na terra...

Eu non diría que este é un premio pequeno. A poesía está moi valorada na sociedade, pero ten barreiras de público, e un recoñecemento como este é fantástico para conseguir que a poesía chegue a lugares onde non chega de maneira habitual. Síntome moi honrada, e moito máis polo xurado que mo concede e as premiadas e premiados que me acompañan.

Concedéronlle o Premio Nacional de Poesía pola súa obra Sonora, na que aborda a perda da súa nai, algo que lle aconteceu cando xa era unha muller feita e dereita. Nunca se está suficientemente preparado para a orfandade, non?

Non quero falar polos demais. Pero a min sorprendeume moito a reacción que tiven, porque eu era unha persoa maior, xa vivira mortes importantes, como a perda do meu pai, da miña avoa ou dalgunhas amigas. A morte non era unha novidade na miña vida. Pero a morte da miña nai foi algo brutal, un sentimento de orfandade biolóxica tremendo, moi duro, realmente, e moi sorprendente.

En Sonora hai, ademais desa presenza da morte da nai, moitas voces distintas. Nese sentido, non é unha obra doada de clasificar...

É que iso é a poesía. A poesía non ten trama. É unha escritura fulminante. Ti nun momento determinado tes un encontro con algo, que pode ser moi variado. Un poeta non é un ser que sente máis que os demais. Un poeta é unha persoa que sabe que a intimidade do poema é o mundo. E no mundo hai milleiros de cousas variadas, aínda que a poesía sempre ten catro temas: o nacemento, o amor, a xustiza e a morte. Entón, ti tes ese encontro co que sexa —unha flor, unha pedra ou o veciño de enfronte, dá igual— e aí empeza un proceso lingüístico e, ata que o poema acaba, ti estás ao servizo dese proceso lingüístico. Despois veñen os estudosos, os críticos e os lectores, que teñen liberdade para interpretar o que lles dea a gana.

«A literatura galega está á altura de calquera literatura en calquera outro idioma»

A súa obra é moi coñecida fóra de Galicia e de España. Sorpréndelle que máis aló das nosas fronteiras, e sobre todo no mundo anglosaxón, capten tan ben a esencia dos seus poemas?

Non (risas). A poesía viaxa moi ben, non a miña, a de todo o mundo. É moi raro ter sete libros traducidos ao inglés, non só en galego, en calquera lingua peninsular, incluída a portuguesa. Eu tiven a sorte de que a gran poeta canadense e gran tradutora Erin Mouré namorara dun libro como m-Talá, que traduciu ao inglés. E iso fixo que se me coñecera non só no ámbito anglo, senón noutros ámbitos, porque a xente le en inglés. Sorpresa non, porque, se ti entras nas liñas poéticas do sistema anglosaxón, tes o mundo mirando cara a ti, tes unhas posibilidades que non tes escribindo só en galego ou só en castelán.

Vostede co Nacional de Poesía, Manuel Rivas co Nacional das Letras Españolas, o ano pasado Yolanda Castaño e Paula Carballeira recoñecidas tamén con senllos premios nacionais... Todo é froito do azar ou viven as nosas letras un momento especialmente bo?

A literatura galega, como todas as literaturas escritas en linguas pequenas, teno difícil para internacionalizarse, pero está á altura de calquera literatura en calquera outro idioma a nivel internacional. Iso dalgunha maneira, dentro dos xurados dos premios nacionais, dalgunha maneira se percibe e por iso acadamos tanto premios.

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 / CEDIDA

Ata que punto lle preocupa a situación do galego?

Eu diría que me doe moitísimo. Dóeme dunha maneira tremenda. Na miña opinión, reverter esta situación é complicado e levaría consigo unhas políticas culturais e lingüisticas moi, moi fortes, que parece ser que non se van levar a cabo. E se iso é así, isto non ten solución, porque nun país que leva migrando dous séculos, como o pobo galego, as correas de transmisión xeracional rompen. Xa non vale con poñer un remendo. Se non se cambia o modelo, podemos facer o que sexa que non hai maneira de reverter a situación.

Está ao tanto do que escriben as novas xeracións de poetas?

Na medida en que podo, si. Moitas veces estou no xurado do Premio Nacional Miguel Hernández e iso obrígame a estar moi pendente do que escribe a xente de menos de 30 anos. E aí hai uns poetas extraordinarios. Basta citar os tres galegos que levaron o premio na última década: Gonzalo Hermo, Alba Cid e Ismael Ramos. E xa teñen remuda. Este ano estiven no xurado do premio e propuxen dous poemarios que non ganaron, pero que son extraordinarios.

A poesía estalle dando moitas satisfaccións, pero que lle deron os anos que dedicou ao ensino?

Nos últimos quince anos dinlles clases a persoas adultas. Nese tempo collín toda a crise téxtil da comarca do Deza onde vivo e as rapazas e rapaces que empezaron a traballar nesas fábricas ao acabar a EGB tiveron que reconvertirse profesionalmente cando esas plantas pecharon. E pedíaselles ter a ESO para entrar na FP. Moita desa xente veu pasivamente ao instituto e algúns, non moitos, quedaron a facer o Bacharelato. Para min, iso foi algo dunha felicidade extraordinaria. Foi moi gratificante dar clase a persoas que, cando chegaban, estaban moi asustadas e que despois foron felicísimas no instituto. Foi unha experiencia humana extraordinaria. Estou moi orgullosa de todo ese alumnado.

Tracking Pixel Contents