Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mercedes Veites, autora das camisas de liño que triunfaron nos Mestre Mateo

Zeltia Outeiriño, directora do documental galardoado 'Filmei paxaros voando', luciu uns zocos de Eferro que mercou na súa tenda

Mercedes Veites, creadora de Lumecú

Mercedes Veites, creadora de Lumecú / CEDIDA

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

Mercedes Veites, a costureira de Celanova, asentada en Vilar de Santos, que vestiu a María Vázquez (actriz de Matria) nos Feroz co famoso vestido Q+, non deixa de crear pezas para os eventos audiovisuais máis famosos a través da súa empresa Lumecú. E é que as camisas de liño que triunfaron nos Mestre Mateo o pasado sábado pola noite tiñan o seu selo. As perchas foron, desta vez, dous membros do equipo audiovisual do documental Filmei paxaros voando, da directora Zeltia Outeiriño, unha produción que se fixo co galardón ao mellor documental na gala máis famosa do audiovisual galego.

O encargo chegoulle a Mercedes por medio da artesá e tecedora Concha Outeiriño, a creadora das teas de liño, xunto ao seu irmán, xa falecido. «Concha escolleume porque confía no meu traballo. É unha gran compañeira que sempre me impulsou a dedicarme a isto», conta Mercedes.

Camisa de liño en cor natural

Camisa de liño en cor verde / CEDIDA

«Levaba xa un tempo confeccionando as camisas. Unha delas, foi feita en liño natural tecido a man e ten un corte natural e informal. A outra, tamén cen por cen artesanal, é de corte clásico en liño verde».

Camisa de liño clara de Lumecú

Camisa de liño clara de Lumecú / CEDIDA

Zeltia Outeiriño, a directora do documental, deixouse ver nos Mestre Mateo cuns zocos vermellos de Eferro que adquiriu na tenda física de Lumecú, que acaba de abrir recentemente en Vilar de Santos. «Zeltia confiou en min. Foi a primeira persoa en comprar uns zocos de Eferro, que acaban de chegarnos».

Zeltia Outeiriño cos zocos vermellos (esq.) xunto a Concha  Outeiriño

Zeltia Outeiriño cos zocos vermellos (esq.) xunto a Concha Outeiriño / CEDIDA

Novos proxectos

A tenda física de Lumecú estreouse cunha acollida brutal, coincidindo co Entroido. Tanto Mercedes como a súa socia traballaron arreo todo o mes pasado para ter a tempo os numerosos encargos de traxes de pantalla, o símbolo por excelencia do Entroido limiao. Agora que esta festa quedou atrás, Lumecú emprende novos proxectos. «Estamos elaborando as prendas da nova colección, preparando todos os pedidos para as tendas (tamén se venden as súas creacións en comercios de Pontevedra, Ourense, Betanzos e Allariz) e organizando unha pequena inauguración do local», conta. Por suposto, máis alá da novidade, continúan os vellos proxectos. «Estamos tamén retomando os encargos do traxe galego, pois achégase o momento de entregalos para as romarías».

Lumecú

A costureira Mercedes Veites creaba Lumecú en 2019 e comezaba a vender as súas elaboracións dende a web (lumecu.gal) e en distintas feiras de Artesanía de Galicia. Na súa páxina poden verse as diferentes coleccións que forman parte desta empresa artesanal. Baixo o nome de ‘Contemporánea’ atopamos dende prendas con estampados inspirados na muiñeira ou de vacalouras ata calcetíns de Nadal.

Lumecú conta tamén cunha boa variedade de boinas, bolsas ou cadros bordados. Con todo, Veites revela que o traxe tradicional é o que máis lle gusta crear.

Tracking Pixel Contents