Así é a inmigración na Coruña segundo a ollada dunha estudante da USC
Pauli González estreou hoxe na súa canle de YouTube un proxecto chamado ‘Portas Abertas’ para o que entrevistou a cinco mulleres que residen na cidade herculina

Pauli González entrevistando a Inés Rey, alcaldesa da Coruña / CEDIDA
Pauli González é unha estudante do Doble Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago (USC) e amante da radio que non perde o tempo mentres remata os estudos, o que por certo fará este ano. Aínda que é coruñesa, vive en Santiago e ten previsto seguir facéndoo máis tempo unha vez finalice a carreira. Pode que moitos a coñezan a raíz do seu podcast Nadie T Preguntó, no que fai entrevistas a mozos da provincia da Coruña que sexan anónimos. E é que conseguiu pór en marcha unha idea que funciona ás mil marabillas, pois xa leva dúas temporadas e un especial de verán, e aínda que agora está parado, ten previsto retomalo pronto.
En paralelo, Pauli apostou por un novo proxecto que ocupou ata agora boa parte do seu tempo libre e que entregará como traballo de final de grao: un vídeo podcast documental de cinco capítulos no que analizou o fenómeno da inmigración na cidade da Coruña. Un arduo traballo feito por ela de principio a fin e para o que só contou coa axuda dalgunhas amigas: Antía, Marta, Zaira, Irene e Lucía

Pauli González coa súa amiga e axudante Antía / CEDIDA
Portas Abertas, que así se chama o proxecto, aborda a pluralidade de xente que vive na cidade da Coruña. “O tema central é a inmigración e analízoo en cinco capítulos que duran entre 25 e 30 minutos cada un. Sempre hai unha invitada que reside na cidade e conta a súa historia”. Coa idea de mostrar distintos puntos de vista da inmigración, Pauli entrevista a dúas mulleres que son coruñesas de nacemento: a alcaldesa Inés Rey e Sara Alvar, presidenta de BoanoiTe, unha asociación que apoia ás persoas sen recursos dende a acollida e o voluntariado. As outras tres entrevistadas son latinoamericanas que agora residen na cidade herculina. Estas tres mulleres teñen diferentes idades e migraron en condicións distintas. Por un lado, atopamos a Salma Sepúlveda, mexicana que estuda na Universidade da Coruña (UDC) e que aporta a visión de migrar en situación de certo privilexio.

Pauli entrevistando a Sara Sepúlveda / CEDIDA
Por outro, está Luhana Mariveck que chegou dende Perú hai ano e medio por necesidade, a raíz dun diagnóstico de autismo da súa filla, coa idea de buscarse a vida. A última é Andrea Díaz, unha uruguaia que se foi da súa terra fai décadas e que explica como é facer toda a tua vida lonxe do lugar de nacemento.
Hoxe xoves saíu un tráiler de Portas Abertas en Youtube, na canle @portasabertas.mp4. Cada xoves das vindeiras semanas irán saíndo os cinco capítulos. «Foron gravados a varias cámaras e cada un deles desenvólvese nun par de localizacións, escollidas polas entrevistadas, con ánimo de que resulten fluídos». O primeiro que sairá é o da alcaldesa da Coruña Inés Rey, pero para ir facendo boca xa se poden ver avances sobre o documental tanto en Instagram como en TikTok.
O por que de ‘Portas Abertas’
Que Pauli escollese abordar a inmigración na Coruña non foi casualidade. Estivo residindo en Xapón catro meses grazas a un Convenio Bilateral da USC e alí decatouse de que onde quería vivir era en Galicia e a longo prazo na Coruña. «Alí estaba moi feliz así que sorprendinme a min mesma querendo ficar nunha cidade tan pequena. Dinme conta de que ao meu arredor pasa un pouco o mesmo e púxenme a pescudar na razón pola que a xente da Coruña é tan da Coruña. Durante as miñas investigacións foi cando atopei un informe que dicía que era a cidade galega que máis xente de fóra de España tiña vivindo nela, e foi o que me deu a idea», conta. «Ademais na miña familia somos metade de galegos e metade de uruguaios, de feito a invitada uruguaia é a miña propia nai. Así que con este documental indago un pouco en todo isto e na historia da miña familia, que ata entón era un pouco tabú porque chegaron a Galicia por necesidade», di. Sinala ademais que considera que hai «bastante prexuízo» cara a xente que migra dende latinoamérica a Galicia e no documental, a través dos datos e das historias desta xente, lógrase comprender que é exactamente o mesmo que fixeron moitos galegos hai anos. «Moitos emigraron para aló e agora son eles os que chegan a Galicia».
Por certo que Pauli decantouse por facer enteiramente en galego este documental con ánimo de reivindicar o uso do noso idioma nos proxectos culturais.
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- La joven de Santiago que inmortaliza recuerdos en resina: 'Hay encargos que empiezas con lágrimas
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Falece na entrada de Santiago un peregrino por un paro cardíaco

