"Hoxe en día, con Instagram e TikTok, Castelao sería un ‘influencer’ total"
O cantante e escritor Rubén de Lis réndelle homenaxe a unha das personalidades que "máis caracteriza a Galicia", no 75 aniversario do seu pasamento, coa publicación da obra ‘Celebrando a Castelao: O artista polifacético’, un texto que forma parte dun proxecto que trascende o papel

Rubén de Lis posa coa obra 'Celebrando a Castelao: O artista polifacético', na praza do Obradoiro de Santiago / Jesús Prieto

Para o cantante e escritor Rubén de Lis (Gondomar, 1977), Castelao é toda "unha fonte de inspiración", unha "influencia literaria" que se trata dunha das personalidades que "máis caracteriza a Galicia" e que "utilizou todas as súas ferramentas e habilidades (a pintura, a política...) para defender unha identidade". Unha figura á que, agora, no 75 aniversario do seu pasamento, réndelle homenaxe coa publicación da obra Celebrando a Castelao: O artista polifacético, texto que presentou esta semana en Santiago na sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Co seu novo libro –o sexto, o primeiro escrito en galego–, Rubén de Lis pretende "chegar ás novas xeracións". "O obxectivo é que os máis novos coñezan a figura de Castelao, a realidade dun artista que hoxe, se tivera Instagram ou TikTok, sería un influencer total", asegura este artista galego en plena praza do Obradoiro, lugar do que garda un gran recordo xa que foi nesta praza compostelá onde realizou un dos seus concertos máis multitudinarios. Foi no ano 2022, durante a celebración da Peregrinación Europea de Jóvenes (PEJ) que acolleu Santiago, para interpretar o himno daquel evento, composición que el mesmo creou.
"Castelao utilizou todas as súas ferramentas e habilidades para defender unha identidade"
Un libro creado "con moito cariño"
Nese mesmo escenario, tres anos despois, sinala que Celebrando a Castelao: O artista polifacético trátase dun libro "simple de ler" que foi feito "aos poucos con moito cariño". "É unha obra que leva no meu corazón anos. Estou de xira todo o ano. O pasado 2024 estiven en sete países. Este ano xa levo tres. Nunca encontraba o momento e foi feita aos poucos, pero, agora, para min supón unha ledicia completa poder achegar a figura de Castelao con esta homenaxe, unha figura que é toda unha influencia literaria. Teño ganas de que a xente o coñeza realmente, aínda que, con que chegue ao corazón dun rapaz ou dun adulto que lea o libro e o acerque a Castelao e a cultura galega, que é o noso tesouro, estarei feliz. Porque, cando ando de xira, doume de conta de que, ás veces, valoramos aos de fóra máis que aos da casa. De ahí que queira resaltar a unha das personalidades que máis caracteriza a Galicia con moita información simple e cercana", salienta Rubén de Lis, que engade que nel poderemos atopar "as maiores facetas de Castelao".
"Fálase da traxectoria de Castelao en todos os seus ambientes. Como médico, como político e como defensor da nosa cultura. Fálase de literatura, pero tamén de música pola influencia que tivo nela Castelao aínda que non foi músico. Estamos ante un libro interactivo que ten poemas, pero tamén cancións que lle renden homenaxe a Castelao e que se poden escoitar a través de códigos QR", desvela Rubén de Lis.
Máis aló do papel
E é que a obra Celebrando a Castelao: O artista polifacético, en realidade, forma parte dun proxecto que trascende máis aló do papel, xa que se suma a unha "proposta musical que une historia, música e emoción" e que Rubén de Lis bautizou hai xa sete anos co nome de Volta a Galicia en 6 Cordas.
"Cando ando de xira, doume de conta de que, ás veces, valoramos aos de fóra máis que aos da casa"
Neste espectáculo, o artista gondomareño interpreta un amplo repertorio, coa súa voz e guitarra, no que combina composicións propias con homenaxes non só a Castelao, senon tamén a outras figuras relevantes da cultura galega. "Este ano o espectáculo estará centrado en Castelao, pero tamén hai cancións dedicadas a Rosalía, a Eduardo Pondal, a Curros Enríquez... É un abano moi grande", declara De Lis.
Cada actuación, en palabras deste músico natural de Gondomar, é "unha viaxe sonora que nos traslada á esencia de Galicia fusionando tradición e modernidade cun estilo que conmove e inspira". Un espectáculo que chegará a varios puntos da xeografía galega, pero tamén fóra da nosa comunidade.
"Eu penso que este ano vai ser un ano moi bo para levar a cabo de novo este proxecto. Non só en Galicia, en lugares como Santiago, senón tamén en centros culturais galegos de toda España e de fóra de España, onde xa funcionou moi ben. Estiven en Arxentina o ano pasado, no Centro Betanzos, e este proxecto funcionou moi ben. Se tocas en Galicia e lle gustas á xente, é xenial, pero cando estás a tantos kilómetros lonxe da casa e ves á xente, a galegos e descendentes de galegos encher un local para verte e lles gusta a túa proposta, pois quedas moi contento", relata Rubén de Lis, que sinala que "aínda non hai datas confirmadas".
"Estamos niso, confeccionando todo, pero en breve coñeceránse todas as actuacións nas miñas redes sociais (@rubendelis)", sentencia. Haberá que estar pendentes!
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Tres alcaldes del área de Santiago, entre los diez mejor pagados de Galicia
- El presidente del Ateneo de Santiago: «La sala Yago puede ser ese recinto de actos con más aforo que necesitamos»
- La comisión de fiestas de Conxo denuncia la venta ilegal de rifas por falsos miembros en la zona de Volta do Castro
- Rosalía cuenta en la televisión brasileña cómo se cortó el pelo en A Coruña: 'Cometí un error
- El Ejército del Aire planea dotar de almacén de munición a la base militar de Lavacolla
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- La fábrica de IA de Santiago es la tercera mejor valorada de las 19 concedidas en Europa

