Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un fogar que acompaña, acolle e transforma vidas

A asociación Amicos busca dar un paso máis coa ampliación das súas instalacións e a mellora da súa residencia para que os seus usuarios poidan gozar da maior comodidade posible. Esta remodelación permitirá que os profesionais poidan atender de maneira continua e como merecen case o dobre de persoas.

Un fogar que acompaña, acolle e transforma vidas

Un fogar que acompaña, acolle e transforma vidas

REDACCIÓN

Santiago

Nun momento en que as residencias adoitan asociarse a espazos fríos e afastados da vida real, Amicos demostra que existe outro modelo posible. Un modelo que pon o foco na persoa, na súa historia, nos seus intereses e na súa capacidade para construír unha vida plena. Un modelo que busca ser fogar.

«Para moitas das persoas que viven aquí, esta é a súa casa, non só un recurso asistencial», explica Pilar Sampedro, responsable e psicóloga da área de Persoas da entidade. «Hai quen non conta cunha rede familiar estable pero necesitan profesionais especializados que garantan apoio 24 horas, continuidade terapéutica, seguridade e acompañamento emocional», subliña.

Para o equipo profesional, o obxectivo é claro: «crear un lugar onde vivir e non só onde residir». A vida no Fogar Amicos está moi lonxe da imaxe de pasividade ou illamento que moitas veces se lles atribúe ás residencias. As persoas residentes participan diariamente en actividades culturais, deportivas e de ocio, así como en programas de formación, estimulación cognitiva ou autonomía persoal.

A psicóloga do centro destaca que «cada persoa ten un plan personalizado, con obxectivos reais e significativos». «Hai quen está centrado en manter capacidades, quen quere mellorar a súa autonomía na vida diaria, quen participa en talleres creativos e quen goza especialmente das saídas á comunidade».

Asemade, a integración comunitaria é outra das claves. Por iso as visitas culturais, a participación no tecido asociativo local, o acceso a actividades deportivas, entre outras cuestións, son aspectos esenciais no día a día dos residentes. «A residencia non nos aparta do mundo, dálle estrutura para poder formar parte del», resume Sampedro.

Historias que amosan que outro modelo é posible

Para Martín, que chegou hai anos sen unha rede familiar que puidese acompañalo, o Fogar Amicos supuxo estabilidade e seguridade.

Así o expresa cando afirma que «aquí hai persoas que teñen familia fóra e outras que non. Eu sinto que os meus compañeiros e compañeiras son como a miña familia, e coas técnicas e técnicos pásoo moi ben». «Teño o seu apoio profesional cando o necesito pero tamén nos fan seguir unhas rutinas e unhas normas na convivencia», explica.

«O que máis me gusta é cando celebramos festas como o día de Reis, e que podo decidir sobre aquelo que quero ou me gusta», engade cun sorriso.

Por outra banda, Adriana destaca: «Aquí síntome contenta, gústame estar na ‘resi’ porque aquí facemos cousas diferentes, estamos aprendendo tódolos días e estamos entretidos». «Levo no Fogar Amicos case cinco anos, e, aínda que paso tempo coa miña familia, tamén podería dicir que tanto os residentes como os técnicos son parte da miña outra familia», sinala. «Ao final pasamos moito tempo xuntos, e compartimos os bos e os malos momentos…», conclúe a moza.

Para Ramón, pai dun dos residentes con grandes necesidades de apoio, o ingreso foi unha decisión transcendental e pola que hoxe se sente tranquilo: «Na casa xa non tiñamos as ferramentas para atender todo o que el necesitaba». «Aquí está ben coidado, ben orientado e está feliz, e seino porque o vexo. Non teño máis que palabras boas», declara.

A conciliación e a garantía de atención profesional 24 horas son dous dos motivos polos que moitas familias elixen Amicos. Un dos avances máis importantes desta ampliación é a mellor adaptación para persoas con grandes necesidades de apoio, que agora contan con espazos máis accesibles, zonas de calma, intervención terapéutica especializada e seguimento multidisciplinar constante.

«O que máis valoran as familias», explica Pilar, «é que poden ver o seu familiar máis conectado, máis activo e máis feliz».

Un modelo residencial baseado no respecto e na autonomía

O Fogar Amicos funciona coa filosofía da atención centrada na persoa. Isto significa que todo o que acode a Amicos intervén activamente na elección das actividades nas que participa cada día, o que incrementa o seu compromiso e responsabilidade coas rutinas.

Neste senso Sampedro destaca que «cada vez que un usuario escolle unha actividade, comprométese a asistir durante un determinado espazo de tempo». «Así, séntese responsable das súas decisións, o que aumenta a súa autoestima e autonomía, posto que participa activamente nas decisións que afectan á súa vida, contando sempre con acompañamento emocional», matiza.

A ampliación do Fogar Amicos, que pasa de 37 a 62 prazas, non só permite atender máis persoas, senón facelo con máis recursos, máis profesionalización e máis sensibilidade. O proxecto supón tamén un impacto social positivo no territorio, xerando emprego, servizos e oportunidades. «As persoas con discapacidade teñen dereito a un fogar que as respecte e as faga felices. Iso é o que estamos construíndo aquí», defende Amicos.

Tracking Pixel Contents