Amicos
José Ignacio, un exemplo de esforzo e perseveranza
O barbanzán puido reintroducirse no mercado laboral grazas ao seu firme interese por traballar e o apoio da súa orientadora Mirta

José Ignacio, á dereita, xunto a Mirta, a súa orientadora laboral na área de Alianzas con Persoas e Empresas da asociación Amicos. | CEDIDA
Redacción
A José Ignacio Mos (Nacho), veciño da comarca do Barbanza, cambioulle a vida por completo este verán. Aos cincuenta anos, cunha cardiopatía tratada dende a infancia e unha traxectoria laboral marcada polas interrupcións, por fin conseguiu o que levaba tanto tempo buscando: un emprego estable que lle achega moita satisfaccións a nivel persoal.
«Nos últimos anos custábame moito atopar un traballo porque non podo realizar labores de moito esforzo físico, a maioría da miña traxectoria está vinculada á hostalería», confesa.
Desde hai uns meses traballa nunha gasolineira de Oleiros, un oficio que afronta cheo de ilusión, compromiso e motivación. Detrás deste logro hai moito esforzo persoal, e tamén o apoio constante de Mirta, a súa orientadora laboral na área de Alianzas con Persoas e Empresas da asociación Amicos.
«Para min este traballo significa independencia e tranquilidade», declara José Ignacio. «Estou moi orgulloso de poder demostralo» afirma. Destaca, ademais, que dende a empresa «ofrecéronme dende o primeiro momento tódalas facilidades e fixéronme sentir valorado». «Estou moi contento», di .
Nacho leva case catro anos acudindo ao servizo de orientación laboral de Amicos. Alí atopou un espazo seguro no que, paso a paso e con calma, foi recuperando a confianza en si mesmo e deseñando un plan realista para volver ao mercado laboral.
Apoio incondicional
Desde a súa entrada en Amicos, Mirta foi a súa guía en todo o proceso, a persoa que o axudou nos aspectos máis básicos e complexos, como na xestión de trámites, procura de formacións compatibles cos seus intereses, asesoramento para atopar ofertas axeitadas, adaptación do currículo, manexo das plataformas de procura de emprego, entre outras cuestións.
«Nacho é un exemplo de constancia. Sempre veu con ganas, con disposición e coa mente aberta ao cambio», describe Mirta. «El puxo o esforzo, e nós o camiño, pero un punto moi positivo del é que ten as ideas moi claras e puidemos traballar encamiñados a obxectivos específicos», explica a orientadora sobre a súa evolución.
Se ben ao comezo «veu a tiro fixo para interesarse por unha formación específica, a sensación que me deu nas primeiras orientacións é que non confiaba moito en que este tipo de servizo fora a axudalo» declara Mirta, ao que el asinte: «xa estivera nun servizo similar na zona, pero era algo máis distinto porque as charlas non me achegaban demasiado, e é certo que ao principio mostrábame moi escéptico».
Durante este tempo, José completou varias formacións ofrecidas pola entidade: conserxería, manipulador de alimentos, control de accesos e técnicas de procura de emprego. «Todo o que aprendín sumou. De feito, a primeira formación que fixen coa entidade foi de ofimática, e os coñecementos que obtiven facilitáronme moito aprender a manexarme co programa que utilizamos na gasolineira», conta daquela etapa.
«Cando cambiou a mentalidade e se deu conta de que isto si que lle estaba servindo, o cambio foi maiúsculo, comezou a realizar cursos e a actualizarse» destaca a orientadora. «Ver como lle iba cambiando o currículo, como iba avanzando… eu xa lle dicía: ‘só necesitas ter o carné de conducir e podes chegar a onde queiras’», confesa.
Un dos momentos clave chegou este verán, cando conseguiu sacar o carné de conducir, un requisito que abriu portas e ampliou as súas posiblidades laborais. «Foi un salto enorme para el. Eu xa levaba tempo dicíndolle que se animase, que obter o carné ampliaría moitísimo as súas opcións porque ten un perfil moi bo como traballador, é unha persoa moi polifacética e moi comprometida» describe Mirta.
Unha gran oportunidade
Co tempo, e tras perfilar o seu currículo e preparar a entrevista coa axuda de Mirta, apareceu a oportunidade da gasolineira. José non o dubidou e en canto se enterou da vacante achegouse ao local, onde lle pediron que lle enviase a súa documentación.
Nada máis saír contactou con Mirta: «Chamoume e díxome que o necesitaba o antes posible». «Nos momentos libres entre orientacións adapteillo a un novo modelo máis acorde co posto ao que quería optar, e conseguimos telo para esa mesma tarde», declara. «Si, leveillo e xa me chamaron para ir á entrevista ao día seguinte», engade el.
O caso de José é un exemplo dos moitos procesos de acompañamento que se realizan desde Alianzas con Persoas e Empresas. O obxectivo é claro: acompañar ás persoas con discapacidade, problemas de saúde ou dificultades de inserción para que poidan acceder a un emprego digno e adaptado ao seu perfil, potenciando ao máximo a súa autonomía.
Mirta apunta que «o acompañamento laboral non é só ensinar como elaborar un currículo ou buscar ofertas, é escoitar, motivar, ordenar ideas, traballar medios e reforzar fortalezas», e engade: «Cada persoa é distinta e cada proceso único. O importante é avanzar ao ritmo de cada quen e atopar o espazo que os faga sentirse motivados».
E así, o impacto vai máis alá do emprego, vai de sentirse realizado, de recuperar a seguridade. ¿E o futuro? Segundo Nacho: «seguir aprendendo, traballando e seguir demostrando que podo» responde cun sorriso.
- Santiago tendrá vuelo directo a Cork: Aer Lingus operará dos frecuencias semanales a partir del año que viene
- Una familiar del desaparecido viaja a Muxía con llaves del coche para inspeccionarlo
- Fallece Francisco Barreiro, el doctor que impulsó la Cirugía Mayor Ambulatoria en el CHUS
- Segundo día de huelga de buses en Santiago: los piquetes permiten salir a los urbanos que llegan al Hospital Clínico y al de Conxo
- Dos septuagenarios pierden la vida al impactar un coche contra un camión en Arzúa
- El aeropuerto de Santiago agudiza su crisis tras la salida de Ryanair: 2.600 viajeros menos al día
- Nueva jornada de huelga de los autobuses urbanos de Santiago: consulta los servicios mínimos
- La brutal paliza al camarero del pub Bloom de Santiago salta a la escena nacional