Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos

O camiño de Daniela por ser mellor cada día

A rapaza recibe o apoio de Amicos cada venres para traballar as súas habilidades sociais

Daniela nunha das súas sesións de apoio xunto con Marta. | CEDIDA

Daniela nunha das súas sesións de apoio xunto con Marta. | CEDIDA

Redacción |

Daniela é unha rapaza que desborda alegría, tenacidade e unha enorme vontade de superarse. A moza de catorce anos, con trastorno do espectro autista e discapacidade visual, acode ao instituto sen ningunha adaptación curricular, aprobando curso tras curso a base de esforzo, constancia e unha impresionante capacidade de traballo.

Parte desa progresión acompáñase do apoio que recibe en Amicos, concretamente no Centro de Educación Especial de Ribeira (CEEPR), onde cada venres dende hai tres anos, reforza as súas habilidades sociais, emocionais e condutuais coa axuda de Nuria Fernández, responsable do departamento de Pekes, e Marta González, psicóloga especialista en desenvolvemento infantil e apoio á diversidade.

«O obxectivo con Daniela é que dispoña dun espazo tranquilo e seguro onde mellorar as súas habilidades sociais, practicando como expresar emocións de forma correcta, adaptación aos cambios, as relacións cos demais, resolución de conflitos cotiás, mellorar a capacidade de atención e concentración… Todo o relacionado co proceso global de autonomía persoal», explica Marta.

O traballo realízase sempre a través de dinámicas que resulten motivadoras para ela. «É unha rapaza sempre disposta a traballar, moi cariñosa e con moitas ganas de aprender. Iso facilita moitísimo o proceso», engade a profesional, «e ela xa tiña adquiridas moitas das habilidades, polo que traballamos por reforzar esas áreas», conclúe.

Dende que forma parte da asociación, súa nai, Lucía, está encantada cos seus avances. «Véxoa máis segura de si mesma. Pónseme a pel de galiña ver como interactúa con normalidade con outras persoas, como loita por ser independente, poder saír a tomar algo ou facer cousas sen que eu estea sempre ao seu lado», confesa.

A historia de Daniela non é de grandes barreiras, senón de pequenos pasos firmes. No instituto loita cada día por seguir o ritmo das clases ordinarias, e os resultados académicos chegan grazas á súa perseveranza. «A súa mellor ferramenta é o esforzo», conta Lucía. «Ela non se rende e iso é marabilloso para traballar con ela», di.

O servizo de atención especializada do CEEPR forma parte dunha aposta de Amicos por ofrecer apoios personalizados, que respondan ás necesidades concretas de cada pequeno ou pequena. Grupos reducidos, trato individual, metodoloxías específicas e profesionais formadas en desenvolvemento evolutivo e diversidade converten o espazo nun recurso de alto impacto.

«Non é só traballar habilidades», insiste a psicóloga, «é acompañar, reforzar a autoestima e axudar a que cada rapaz ou rapaza poida construír a súa maneira de estar no mundo», indica.

Tracking Pixel Contents