‘Resonancias’, de Diana Gonçalves, chega a Madrid con SGAE en Corto
O documental da tudense é unha das 20 curtametraxes seleccionadas nesta edición e proxéctase este martes e mércores na Sala Berlanga, con senllas sesións ás 19 e ás 20.30 horas

Fotograma de ‘Resonancias’, curta documental de Diana Gonçalves / CEDIDA
Ás portas do Reina Sofía, ante a Verbena de Maruxa Mallo que cobre a fachada do museo que expón a obra da artista galega até o 16 de marzo, a cineasta Diana Gonçalves (Tui, 1986) conversa con EL CORREO GALLEGO para falar da selección da súa última curtametraxe documental, Resonancias, no certame SGAE en Corto. Un traballo de 15 minutos que «na procura de recuperar a memoria local» de San Sadurniño (A Coruña) –por convite do Laboratorio da Chanfaina, con Manolo González á fronte– resulta atravesado polos portugueses que viñan a traballar a Galicia e a pegada que ese paso deixou.
Para a autora, o filme, define "a miña maneira de entender e facer cinema", nun Resonancias que conxuga documental e ficción dende esta "pegada dos portugueses" detectada en San Sadurniño e sostendo a hipótese de que puideron ser estes traballadores os que construíron o palco da música. E precisamente a música, enlaza coa propia vida da realizadora, co seu "primeiro oficio" dentro da Banda de Música Popular de Tui. Unha historia que conxuga pasado e presente porque, para Gonçalves "o cinema é a vida que acontece".
"O cinema é a vida que acontece"
«Direi que é un orgullo que nunha selección a nivel nacional, con 20 traballos e deles tres documentais, un sexa Resonancias», explica Diana Gonçalves, «cunha historia que está falada en galego e en portugués, ademais do castelán. É un paso moi importante». Un paso que se vai dar na tarde do martes na madrileña Sala Berlanga (Calle de Andrés Mellado, 53) en Chamberí, ás 19 horas, e mércores no mesmo lugar ás 20.30 horas.
Sobre a repercusión que estes pases do filme poden ter na súa difusión e distribución noutras salas, a autora recoñece que «todo vai sumando, é unha xanela aberta que se proxecte nunha sala de cine como tal porque, moitas veces, os que facemos cinema non sempre chegamos ás salas de cine».

As cineastas Adriana Páramo e Diana Gonçalves durante a rodaxe de 'Resonancias' / César Galdo
Cineclubles e asociacións
O circuito de proxeccións das curtametraxes, e máis de xénero documental, ten nos festivais, coma SGAE en Corto ou a MICE de Compostela, un obxectivo importante pero non só neste tipo certames, como explica Gonçalves. «Isto é unha aposta profesional independente e moi persoal. Un cinema que conta historias que ademais teñen un punto de partida xeográfico moi concreto ten dificultades de programación fóra dos festivais, pero interésame estar noutros lugares onde a cultura tamén fai falta, coma os cineclubes, onde Resonancias ten o seu percorrido, e outros espazos culturais que existen».
«Interésame estar noutros lugares onde a cultura tamén fai falta»
Fala a cineasta non só de cineclubes ou espazos de cultura alternativos, tamén de asociacións do rural que programan este e outros tipos de curtametraxes. Unha selección de espazos tamén «coherente» con esa outra forma de facer cinema que Diana Gonçalves realiza e defende. O futuro, logo de SGAE en Corto, engrosar o calendario de proxeccións. Tamén co ollo posto en integrar o catálogo Shorts from Galicia, de Agadic.
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Chisco Lema, veterinario experto en lobo: 'Hay manadas especializadas en cazar perros
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Evitas el estrés del aparcamiento': el proyecto de dos vecinos de Milladoiro para compartir coche en los trayectos a Santiago
- Susto en la urbanización teense de Augas Mansas por un vecino atrincherado en casa
- La patronal acepta la mediación pero de momento la huelga de buses se mantiene en Santiago
- Borrasca 'Ingrid': ¿Nevará en Santiago de Compostela este viernes?
