Terelu Campos, sobre as traballadoras do mar: «Ningunha muller pode ser invisible»
«Sorpréndeme o traballo de todas as mulleres que coñecín en Galicia estes días. Fano entregadas, fano con amor», resalta impactada a malagueña, que completa o segundo capítulo entre redes, marisqueo, a tasca e a queimada

Terelu Campos, sobre as traballadoras do mar: «Ningunha muller pode ser invisible» / Cedidas
R. V.
A TVG continúa este luns ás 22:50 horas por Ortegal a viaxe galeguizadora de Terelu Campos da man do fisterrán Eddy Insua, en «A miña gran cidade. Corazón galego». Tras unha primeira entrega mariscando, vivindo o ambiente dunha taberna e aprendendo da nosa música coa Escola de gaitas de Ortigueira, a malagueña mergullarse de cheo na tradición da comarca coruñesa noutras tres divertidas experiencias.
Comezan na nave das redeiras de Cariño, un oficio imprescindible e, como di Eddy, «moitas veces esquecido, pero moi importante». Alí reciben a Rocío Lozano e a María José Fernández, dúas profesionais que encarnan como poucas a transmisión xeracional do traballo do mar. María José resume a súa vida nunha frase que impresiona a Terelu: «O meu pai era mariñeiro, o meu marido é mariñeiro, meus irmáns son mariñeiros e miña nai traballaba nunha conserveira». Un oficio durísimo, pouco recoñecido e que deixa marca: «Case todas estamos operadas do túnel carpiano».
Explícanlle a arte da volanta, usada para capturar pescada, e como as redes -chamadas panos- se esgazan no labor diario requerindo o arranxo por parte destas profesionais. Algo remove a Eddy por dentro. «A miña nai era redeira. Agradezo moito esta visita porque me fai revivir recordos da infancia», di o fisterrán. A súa voz transmite orgullo e nostalxia.
Xa co mandil posto, Terelu enfróntase á agulla mariñeira. Sente o respecto polo oficio dunha maneira moi física: «Para isto hai que ter forza», recoñece, mentres o cabo se lle resiste como se tivese vida propia. As redeiras vana guiando pouco a pouco, ata que ambas -tamén Eddy- lle conceden que «algo de maña colleu». A visita remata coa mostra das redes do cerco, do tamaño de dous campos de fútbol, transportadas en zorra. Un material complicado que require «catro ou cinco anos de aprendizaxe» e do que só quedan dúas redeiras expertas, María José e a súa compañeira Julia.
A malagueña queda impactada cando lle explican que este traballo tan duro e longo se paga a 25 euros a peza. O seu ton cambia: «A xente ten que saber isto!». E cando María José lamenta que se senten invisibles, Terelu respóndelle con contundencia: «Ningunha muller pode ser invisible, ningunha persoa». A comunicaora sincérase nesta experiencia: «Sorprendeume o traballo de todas as mulleres que coñecín en Galicia estes días. Fano entregadas, fano con amor».
Da artesanía do mar pasan á gastronomía, no restaurante Marea. Eddy advirte: «Non só é o produto, tamén hai que saber cociñalo», ao que Terelu responde, entre humor e sinceridade que o de cociñar «sempre o fai con medo». O cociñeiro Cristian Santiago preséntalles uns percebes impecables e un lumbrigante vivo do Ortegal que prepararán xuntos. Xa lles adianta o segredo dunha cocción perfecta: «Hai que metelo en auga fervendo e, cando volve ferver, sacalo. Non ten máis!”, revela o cociñeiro, que engade 30 gramos de sal por litro de auga.
Eddy non perde ocasión de bromear: «Penso que Terelu xa comeu máis percebes ca min». Ela, por suposto, demostra mestría e amosa a súa técnica depurada para tentar comer todos os percebes que poden. Está claro, como di Eddy, que «deixar un no prato é un pecado».
O descubrimento chega cos berberechos á cariñesa. Entre patacas fritidas, cebola e tomate, Terelu queda sen palabras: «Estaba boísimo, nunca probara unha pataca tan crocante na miña vida». Eddy non queda atrás e toma boa nota da receita para facer na casa. Tamén quedan fascinados co sabor do lumbrigante, a cocer mentres probaban os demais pratos.
A última experiencia é a máis simbólica: unha queimada galega. Eddy introdúcea con solemnidade porque «Galicia é unha terra crente en meigas e conxuros». Terelu admite que probara a queimada, pero nunca a fixera, e o primeiro encontro co bruxo Mon non a deixa indiferente. De feito, asústase ao velo coa coroza -traxe típico de xuncos que usaban os pastores na montaña- e uns cornos prominentes.
Mon presume de oficio asegurando que é experto en «males de ollo, posesións, calamidades e mal aire». O asunto complícase cando Eddy, moi serio, menciona a Santa Compaña. Terelu córtao en seco, sen marxe para negociación: «Non, dáme susto, con iso si que non podo, logo non durmo pola noite».
O momento máis cómico chega cando o bruxo afirma: «Por cada gran de café que vos toque na queimada, un foguete!». Eddy escacha e engade preocupado: «Ela solteira e eu coa parella lonxe… Que non nos toque gran de café, que non queremos problemas!». Pero as bromas con picardía do bruxo sucédense unha tras outra. «Pero que bruxo me trouxestes? Un bruxo verde?», ri con humor Terelu.
Ao ritmo dos berros de «¡lume!», a queimada prende e medra. A malagueña bebe con valentía e describe a sensación: «Tiña o seu punto, queima por dentro». Eddy afirma que «notas como vai baixando» e Mon sorrí coa satisfacción.
Coas seis experiencias completadas, Terelu queda á espera da derradeira palabra: a de Eddy Insua, o único con potestade para decidir se todo o aprendido, das redes e o marisqueo á tasca ou a queimada, é abondo para concederlle o carné de corazón galego. Se o consegue ou non, saberémolo ao final do programa, este luns pola noite na TVG.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Aire polar, temperaturas bajo cero y fuertes heladas: Galicia se prepara para un fin de semana gélido
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- El Ensanche celebra el plan para Santiago de Chile pero pide más aparcamiento: «Lo ideal es el modelo de Pontevedra»
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario
- Oleada de robos: vecinos de Ames recurren a grupos de Whatsapp para avisar sobre «movimientos sospechosos»