Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A compostelá que dobra en galego: "A través da dobraxe pódese chegar a moitísima máis xente"

Esta moza compostelá empezou a subir vídeos nas súas redes sociais dobrando debuxos animados, personaxes de series e películas e ata cantando cancións das princesas de Disney. Aos poucos logrou crear unha comunidade que a anima a seguir crecendo e a crear novos personaxes nun mundo no que a dobraxe en linguas como o galego, aínda non está tan visibilizada.

Antía Castro

Antía Castro / Cedida

Santiago

Antía Castro (Santiago de Compostela, 1996) empezou a subir vídeos dobrando, ao galego, películas, series e debuxos animados as súas redes sociais. Todo comezou como un xogo, pero agora xa ten case 10 mil seguidores no seu Instagram (@antiacastroactriz) e outros case 2 mil en TikTok.

Cando foi a primeira vez que se deu conta que a súa voz podía ser unha profesión e non un «simple» hobby de imitar voces?

Digamos que eu son actriz. Primeiro que nada, eu son actriz. Estudei teatro e, despois de todo iso, sempre me gustou moitísimo ver as pelis dobradas, foi un mundo que me fascinou inmensamente. E atopei un curso de dobraxe un pouco por casualidade e, a verdade, encantoume. E, a partir de aí, comezaron a saír cousiñas e comecei un pouco a traballar. Desde pequena gústame cantar, desde pequeniña eu quería ser cantante de orquesta. E sempre ao facer teatro, cando xogaba ás bonecas, poñía voces diferentes e todo iso. Unha vez que empecei no teatro,si que descubrín que, a través da voz, se transmitía unha gran parte. E un pouco empecei a especializarme e por seguir mellorando.

Que significa para vostede dobrar en galego? Sente que contribúe a que a lingua «se expanda» tamén no cinema ou a televisión?

Eu creo que a través da dobraxe pódese chegar a moitísima máis xente. Por exemplo, eu crieime co Xabarín Club, da xeración Xabarín, e ademais na miña casa falábase galego, pero aparte diso eu son filla única, entón pois consumín bastante tele e é verdade que poder ver as túas personaxes favoritas falando galego, creo que é algo que te conecta moitísimo co idioma. Ademais de que a dobraxe, máis alá de traducir, creo que a importancia que ten é que contextualiza na túa localidade. Eu sempre poño o exemplo de Shin-Chan, que a mín en castelán, pois non me chega a facer moita gracia, pero véxoo en galego, e como están todos os chistes adaptados e está todo como moi localizado a Galicia, faime moitísima gracia e encántame velo. Creo que a gracia da dobraxe está máis alá de comunicar un idioma, senón en adaptar a cultura do sitio, e iso é fascinante. É unha forma de conectar coa audiencia.

Cre que a dobraxe en galego fáltalle visibilidade ou recoñecemento?

Un pouquiño creo que si. Poderíanse dobrar bastantes máis cousas, porque, por exemplo, Disney ten moitas cousas dobradas ao catalán e en galego Disney non se dobra. E sei que hai moitas películas dobradas, pero despois non se chegan a emitir nos horarios de máxima audiencia. Pero gustaríame que fora moito máis. Creo que é unha plataforma para motivar nenos a falar galego. Agora mesmo acaban de saír unhas cifras bastante preocupantes, moitos rapaces e rapazas non falan galego e creo que se as súas personaxes favoritas falasen nese idioma, sería unha forma tamén de impulsalo.

Se puidese pedir un desexo para «a dobraxe en galego» cal sería?

Que todo o que se dobrara a castelán, que se dobrara tamén a galego.Creo que se Disney empezara a dobrar en galego, todos irían detrás.

Ten algún papel dobrado co que senta un agarimo especial?

Calquer personaxe de Disney, xa sexa princesa ou vilá,sería o meu soño. En galego non cheguei a dobrar nada, todo o que fago é para redes e para visibilizar, por hobby.

Como compaxina a disciplina da dobraxe co resto das súas profesións?

Ás veces é complicado. Eu creo que todas se nutren entre elas, ao final todas parten do mesmo, da mesma dinámica que é a interpretación, entón todas se retroalimentan e simplemente intentar dedicar o espazo que cada unha merece. Si que é verdade que nalgúns puntos estou máis focalizada nunha que noutra.

Se tivese que elixir dobrar e por que: a voz dun personaxe animado, unha actriz en directo no teatro ou a súa actriz preferida nunha película?

Estou como entre papá e mamá. Creo que a maxia do teatro non cha dá nada, pero para elixir dobrar, eu son moi fan da animación, así que creo que me quedaría cun debuxo animado, porque che permite xogar máis. Os personaxes, por exemplo, vocalmente permítenche investigar máis, dáche un pouquiño máis de libertade, e para min ten algo especial. É un pouco como volver á infancia e pódelo tomar máis como un xogo. Creo que nesta profesión canto máis xogamos, mellor é o resultado.

Ten algunha frase favorita en galego que lle guste repetir cando está a practicar dobraxe?

Pois, a verdade gústame ir probando, investigando. Supoño que cada un temos algo de identidade. Si que cando estou un pouco perdida igual volvo a imitar a voz deVanellope de ¡Rompe Ralph! porque me gusta moito esa personaxe e paréceme moi divertida, entón volvo a ela. E como frase, a que máis repito cando teño dúbidas é «o único galego mal falado é o que non se fala».

Que hai de Antía Castro máis alá da súa voz?

Creo que ás veces chégome a perder un pouco quen é Antía actriz e perdo un pouco quen é Antía persoa. Somos máis alá dunha profesión, pero creo que ós artistas que nos apaixona moito o noso traballo, nos costa separalo. No meu caso, é algo que é intrínseco en min. Por exemplo, a Antía persoa é unha amante da música, do cine, da lectura, das series,e sobre todo, da comedia. De feito, cando empecei en redes, empecei facendo vídeos de broma de Aquí no hay quien viva.

Tracking Pixel Contents