Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Catro novas promesas da interpretación galega que se abren camiño

'Rondallas' foi a terceira película máis taquilleira no arranque do 2026. Nela, atopamos os galegos Judith Fernández e Fer Fraga. Xunto a Daniel Loureiro ('Rapa') e Nuno Gallego ('Olympo') son catro novas promesas da interpretación galega con menos de 30 anos pero cun pé nalgunhas das últimas producións máis exitosas en España e no mundo.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Fer Fraga, Judith Fernández, Nuno Gallego e Darío Loureiro

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Fer Fraga, Judith Fernández, Nuno Gallego e Darío Loureiro / Marta G. Brea | Netflix | Jaime Olmedo

Mar Mato

Vigo

Unha nova fornada de actores e actrices galegos despuntan nas nas pequenas e grandes pantallas. Forman unha nova xeración –menos de 30 anos de idade– refrendada polo éxito das súas series ou películas nas plataformas. Rapa, Olympo, Élite, Clanes, Las hijas de la criada, Rondallas, Animal ou Sigue mi voz son algunhas das producións onde os podemos ver.

Eliximos a catro intérpretes que tiveron no 2025 un formidable ano para seguirlles a pista neste 2026: Darío Loureiro, Fer Fraga, Judith Fernández e Nuno Gallego.

Nuno Gallego

Nuno Gallego, nun fotograma da serie 'Olympo', de Netflix

Nuno Gallego, nun fotograma da serie 'Olympo', de Netflix / Netflix

Este ourensán sobriño da actriz Miriam Gallego e formado na RESAD de Madrid, onde superou as probas conseguindo unha das 14 prazas de formación– cumprirá 25 anos ao longo do 2026. Comezou en UPA Next (2022) e despuntou na serie Élite cuxa rodaxe compaxinou coa de Clanes. Na primeira tempada desta, interpretou a Marco, un mozo sobriño de narcotraficantes cuxa xuventude lle fai meter a zoca en numerosas ocasións e complicar a trama. Gallego continuará na segunda entrega da serie que se agarda para este ano trala gravación dos novos episodios no anterior.

Os últimos seis meses do 2025 foron unha apoteose para el: papel secundario forte na longametraxe Sigue mi voz e papel protagonista coral na serie Olympo. Esta última seguía a preparación nun centro de alto rendemento deportivo de varios deportistas de elite. Nuno daba vida a Cristian Delallave. A serie foi a produción non anglófona máis vista a nivel mundial na súa primeira semana de estrea en Netflix. Durante máis dun mes, estivo no Top 10 Global. Porén, a plataforma anunciou que non habería nova tempada.

O pasado outono, foi un dos personaxes principais da longametraxe Sigue mi voz. Ademais, formou parte –inda que cun papel pequeno– doutro éxito da plataforma, Animal, que tamén foi a serie máis vista en España durante semanas e unha das máis vistas en varios países. Nesta historia sobre un veterinario rural nunha tenda de mascotas urbana, coincidiu no elenco con Fer Fraga e Darío Loureiro.

Darío Loureiro

Darío Loureiro, nun fotograma de 'Rapa', de Movistar Plus+

Darío Loureiro, nun fotograma de 'Rapa', de Movistar Plus+ / Jaime Olmedo

Este enxeñeiro e actor interpreta en Animal a un veterinario novo que namora da protagonista. O 2025 foi formidable para el: logrou o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina protagonista polo seu papel de investigador-asistente do personaxe de Javier Cámara en Rapa.

Con ese rol, deixounos admiradas ante o seu bo facer actoral. Ademais, no verán, comezou a rodaxe de Marusía, unha serie de Telecinco no que se investiga un suicidio nunha escola naval. Neste 2026, cumpre 29 anos.

Fer Fraga

Natural dunha aldea de Sanxenxo (soprará 27 velas), logrou un papel protagonista nunha das últimas producións do Centro Dramático Nacional, Los de ahí. En total, foron 44 funcións durante sete semanas de aplausos no María Guerrero de Madrid, dando vida a Nuno, un supervivinte, estranxeiro, orfo, que xunto a outros mozos reparte paquetes.

Ademais, vén de estrear o filme Mala influencia onde dá vida a un adolescente de clase alta; mentres que tamén actuou en Rapa e Animal. Porén, onde está namorando ao público é en Rondallas. A estrea da película, rodada en Galicia, foi o 1 de xaneiro e na súa primeira semana foi a terceira película más taquilleira en España.

"O importante para construir un personaxe son as relacións, as relacións que constrúe un cun mesmo e coa entorna. O director, Daniel Sánchez Arévalo, propuxo un espazo para propoñer, para buscar. Como actor, se tes esa oportunidade ves que todo vai sobre a seda porque non apreta, non fai dano", sinala Fraga que fai unha interpretación impecable. Para el, ademais, a vila d´A Guarda tivo moito peso. "Fixemos moita familia alí. Saíamos da rodaxe e iamos á mesma panadaría, iamos a adestrar, a cenar xuntos".

O seu papel é o dun mozo músico con moito talento que volta de Estados Unidos ao seu pobo. A doenza mental está presente: autolesiónase. "Un nunca sabe nas escuridades no que está o de enfronte. Cando estamos en etapas máis escuras, intentamos que non se note. Por iso, hai que ir tranquilo coa xente que te rodea: nunca sabes o inferno polo que está pasando", sinala a Faro de Vigo, do mesmo grupo editorial que EL CORREO GALLEGO.

Judith Fernández

A actriz de Corcubión (A Coruña), que fará 25 anos, é Elena en Entrepreneurs, Clara en Las hijas de la criada (a mellor estrea de Atresplayer nos últimos tres anos) e Andrea en Rondallas. Nesta última interpreta unha moza gaiteira e vendedora de pan que perdeu o seu pai mariñeiro nun naufraxio. Borda o papel cunha matrícula de honra.

"A miña mellor amiga da infancia perdeu o seu pai aos16 anos. Entón, estiven con ela en todo o proceso pero tivemos unha boa conversa, falando durante horas. Hai unha frase que digo na película que ela me dixo: ‘Teño medo de esquecer a voz de meu pai’. Ela tivo que poñer vídeos de seu pai para non olvidala. Pareceume bonito e pareceume unha homenaxe a ela. Inspireime nela para este personaxe", explica a Faro de Vigo a actriz.

Recoñece que nin ela nin Fer Fraga tocaban a frauta ou a gaita antes de Rondallas nin coñecían o concepto de rondalla. "Estivemos desde maio con clases particulares co noso profesor Darío e con Paco, que fai de Paco na película. Toda a rondalla nos axudou. Alguén nos dícía nos primeiros ensaios: ‘Isto non vai saír’", sinala a actriz que lle parecen "increíbles" as rondallas. "Gústanos a comunidade. A rondalla representa todo o que nos gusta", conclúe.

Tracking Pixel Contents