A TVG e Agalega.gal renden homenaxe a Castelao no seu 140 aniversario
Emiten desde este domingo ficcións, documentais, pezas divulgativas e unha ampla selección de títulos que invitan a redescubrir ao pai do galeguismo desde múltiples olladas e xeracións

Cris Iglesias e Xoán Fórneas, en ‘Antes de nós’, no papel de Virxinia Pereira e Castelao / Cedida

A Televisión de Galicia (TVG) e a súa plataforma de streaming AGalega.gal renden homenaxe desde este domingo á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao con motivo do 140 aniversario do nacemento do chamado pai do galeguismo. Fano cunha programación especial —que recibe o título de Universo Castelao—, a cal inclúe unha ampla selección de contidos que achegarán unha visión plural e accesible de Castelao como creador, pensador, político e símbolo colectivo.
Entre os contidos máis destacados atópase a estrea o vindeiro 1 de febreiro na primeira canle da TVG, en horario de prime time, de Antes de nós, filme que mostra a un Castelao antes de ser Castelao a través de dous momentos da súa vida. Por unha parte, achegando o papel crucial que desempeñou como médico no seu Rianxo natal durante a epidemia da gripe española que afectou a toda a poboación en 1918 e, máis tarde, mediante a súa viaxe a Bretaña en 1929.
Un relato íntimo, dirixido por Ángeles Huerta e protagonizada polos actores Xoán Fórneas e Cris Iglesias, que foxe do mito que rodea á figura de Castelao ao mesmo tempo que presenta a unha persoa coas súas virtudes e defectos. Antes de nós poderase ver tamén en AGalega.gal durante os dous días posteriores a súa estrea en televisión. Previamente, o vindeiro venres, a segunda canle da TVG (G2) afondará nos retos, a paixón e os esforzos técnicos e artísticos que deron vida ao filme de Ángeles Huerta coa emisión do making off da película, Antes de nós, o Castelao máis íntimo.

Xoán Fórneas, en ‘Antes de nós’, no papel de Castelao / Cedida
Documentais sobre Castelao
Precisamente, a G2 ofrece desde este domingo unha ampla escolma de documentais e pezas relativas a Castelao, arrincando cos traballos Filmando a Castelao e 1986, centenario do nacemento de Castelao. Xa este luns emitiranse Os señores da palabra: Castelao, Letras Galegas 1964, As mil e unha páxinas: Castelao e a literatura galega da diáspora, A trabe de ouro: O teatro galego e Nós, semente de futuro, unha aproximación a unha das xeracións intelectuais máis prolíficas da comunidade galega.
Outros contidos que publicará a G2 a vindeira semana, a partir das 22.30 horas, serán Un mundo de historias: O retrato, unha dramatización do relato de Castelao que se publicará o martes; Historias a pé de páxina: o nacemento da Rianxeira, que dará a coñecer o mércores a historia do himno oficioso de Galicia; No bico un cantar: Lela, proxecto sobre a canción baseada no texto de Os vellos non deben namorarse que tamén se emitirá o mércores; Virxinia Pereira, a community manager de Castelao, peza que o xoves achegará a figura da muller de Castelao; e Xeración Nós, documental que poderemos ver o vindeiro domingo, 1 de febreiro.
Todos os contidos que se emitirán na G2 quedarán recollidos na plataforma de streaming da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —antiga CRTVG— AGalega.gal, que ampliará a súa oferta con máis pezas para revisitar a figura, a obra e o legado dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea.
Desta forma, Universo Castelao complétase con, entre outros títulos, tres faladoiros históricos: A Chave: Castelao na luz e na sombra, A Chave: Castelao na emigración e Encontros: Castelao.
Unha programación especial con motivo do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 29 de xaneiro de 1886 co que a CSAG convida a redescubrir a vixencia de Castelao desde múltiples olladas e xeracións.