Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Disfrázate con cabeza: a maquillaxe pode pasar factura

É importante usar maquillaxe de calidade, que cumpra os requisitos de seguridade para o consumidor, para evitar consecuencias inmediatas ou a longo prazo na pel

Ante calquera sinal de alarma trala aplicación dun cosmético é imprescindible suspender o uso e facer probas de irritación ou alerxia

Nos nenos hai que usar produtos con bases acuosas, sen alcol nin perfumes

Unha persoa coa cara totalmente maquillada

Unha persoa coa cara totalmente maquillada / PEXELS

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

O Nadal xa quedou ben atrás para dar paso a outra celebración máis colorida, cargada de música, disfraces e desfiles. Nos colexios e garderías os máis pequenos levan toda a semana acudindo ás clases disfrazados e os concellos galegos máis festeiros están xa metidos de cheo no evento da tempada. Os amantes do Entroido teñen escollidos os personaxes nos que se convertirán durante uns días e, por suposto, para unha boa caracterización non pode faltar a maquillaxe. Hai disfraces sinxelos que non precisan de moita dedicación neste aspecto, pero para os máis esixentes é necesario tirar de maña, tempo e, sobre todo, de maquillaxe de boa calidade. E é que o uso de cosméticos inadecuados pode acarrear consecuencias inmediatas e a longo prazo sobre a pel. Un dos dermatólogos de referencia en Santiago, Emilio del Río, advirte dos problemas de empregar maquillaxe de mala calidade: «Os cosméticos inadecuados ou mal utilizados poden ser causa directa de dermatite ou irritación aínda que máis comúnmente o que fan é agravar un proceso dermatolóxico previo: unha dermatite seborreica, un eccema atópico, unha rosácea ou un acne», indica o experto. Ademais aclara que certos cosméticos poden provocar reaccións cando se expoñen ao sol ou á luz ultravioleta por ser fotosensibles.

Dermatite perioral

Del Río explica que nos últimos anos están detectando un tipo moi particular de reacción peribucal e, ocasionalmente periocular, coñecida como dermatite perioral. «Nesta dermatose aparece irritación e pequenos grans con moito picor arredor da boca. Anteriormente debíase á utilización inadecuada, repetitiva ou abusiva de cremas con corticoides –que son medicamentos, non cosméticos- nesa zona. Pero nestes últimos anos estamos vendo este proceso, que é case exclusivo de mulleres de mediana idade ou nenos e mozos, en persoas con rutinas cosméticas imposibles, excesivas ou con produtos moi graxos e oclusivos», di.

Ingredientes dañinos

A tan só un clik de distancia podemos comprar todo tipo de produtos de imitación, dende roupa ata dispositivos electrónicos. O mundo dos cosméticos non é unha excepción e tamén proliferan en internet maquillaxes que só teñen en común co produto orixinal o packaging. Todos eles están prohibidos en España e son un verdadeiro perigo para a saúde.

Nai e filla maquilladas

Nai e filla maquilladas / PEXELS

No noso país a venda de cosméticos réxese polo Reglamento (CE) n.º 1223/2009 do Parlamento Europeo e do Consello sobre produtos cosméticos, que establece os requisitos de seguridade que deben primar nun produto para protexer a saúde do consumidor. A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) é a autoridade responsable de regular e controlar a venda de maquillaxe, con apoio das comunidades autónomas e organismos de consumo. «Hai produtos estritamente prohibidos nos cosméticos», indica o dermatólogo compostelán. «Por obriga legal deben facer constar na súa embalaxe a composición e os ingredientes dese cosmético, sempre en orde decrecente de porcentaxe de peso, aínda que sen precisar a concentración exacta para preservar o segredo industrial. Estas sustancias aparecen cunha nomenclatura que se denomina INCI», sinala Emilio del Río. Aclara que, aínda que merquemos un produto que cumpra os estándares indicados, é importante «evitar produtos excesivamente oleosos, que poidan provocar alerxias e reaccións co sol».

Sinais de alerta

Para saber si unha maquillaxe non é indicada para a nosa pel, Del Río explica que existen uns sinais de alarma claros: «O picor intenso ou ardor, a aparición progresiva de grans, pequenas ronchas ou pústulas, a descamación ou os cambios na coloración da pel deben ser signos de alarma e hai que suspender de inmediato ou pór en cuarentena ese produto», di. O problema para detectar o posible produto problemático xorde cando existe un uso desproporcionado deles. «Ás veces a xente mestura produtos destinados a quedar sobre a pel (Leave-On) con outros destinados a retirarse (Rinse-Off) e é complicado, en caso de alerxia ou irritación, saber cal é o responsable». Neste caso os dermatólogos recomendan suspender todos os produtos para «buscar que a pel recupere o seu equilibrio e normalidade e realizar probas de irritación ou alerxia coas maquillaxes utilizadas, para logo ir reintroducindo unha a unha con diferencia de varios días» explica Del Río.

«O picor intenso ou ardor, a aparición progresiva de grans, pequenas ronchas ou pústulas, a descamación ou os cambios na coloración da pel deben ser signos de alarma e hai que suspender de inmediato ou pór en cuarentena ese produto»

Maquillaxe para nenos

No caso dos nenos é importante ser especialmente coidadosos á hora de aplicar maquillaxe para este Entroido. É imprescindible mercar unha específica para nenos, que teña unha base acuosa, para que se elimine facilmente con auga e xabón, sen frotar. Ademais debe carecer de perfumes, alcol, colorantes sintéticos agresivos ou conservantes potencialmente irritantes. Os expertos recomendan facer unha proba previa nunha pequena zona do brazo 24 horas antes, evitar partes sensibles como ollos, labios e feridas, retirar a maquillaxe en canto remate a festa e aplicar unha crema hidratante suave despois.

En definitiva, é fundamental apostar por produtos de calidade e desconfiar daqueles, aparentemente de marcas fiables, pero excesivamente baratos, de venda en internet. Coa pel non se xoga e a dos máis pequenos non é para experimentar.

Tracking Pixel Contents