Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta presenta en Córdoba o plan para facer de Galicia un destino MICE

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, expuxo as liñas do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027

Adiantou que están traballando en novas vías para colaborar co sector da organización de congresos e convencións

O director de Turismo de Galicia Xosé Merelles

O director de Turismo de Galicia Xosé Merelles / Cedida

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou onte no 38º Congreso Nacional da Organización Profesional de Congresos (OPC) que tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Córdoba, un foro no que están a participar 270 operadores de toda España e que puxo o foco na innovación como factor clave para a competitividade turística e no que Galicia compartiu a súa folla de ruta para atraer eventos de alto impacto.

Merelles aproveitou esta cita para presentar o plan de incentivos no que está a traballar o Goberno galego para captar congresos, convencións e encontros profesionais no marco do Xacobeo 2027, co obxectivo de aproveitar a proxección internacional desta celebración como unha oportunidade estratéxica para reforzar o posicionamento de Galicia no turismo MICE, que engloba reunións, congresos e eventos.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia presentou o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, concibido para ordenar e estruturar a colaboración público-privada e achegar seguridade xurídica á programación. Lembrou que a Xunta ten aberta a convocatoria para seleccionar proxectos e eventos de grande impacto que poidan integrarse na programación oficial, incluíndo iniciativas preparatorias previstas para 2026 e outras que, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto tamén durante 2028.

Estas propostas, segundo indicou ou director de Turismo de Galicia, poden abranguer actuacións musicais e artísticas, divulgación, exposicións e edición, patrimonio material e inmaterial, turismo e eventos singulares de proxección internacional, deporte e vida saudable, así como innovación, ciencia, tecnoloxía e creatividade.

Pero ademais, Xosé Merelles adiantou que desde a Xunta «estamos traballando en novas vías de colaboración co sector da organización de congresos e convencións», engadindo que unha desas liñas pode ser a convocatoria de axudas dirixidas explicitamente a este ámbito da actividade turística. «Queremos converter 2027 nun punto de inflexión definitivo para o turismo MICE galego», afirmou.

Apelou asemade ao valor engadido de celebrar congresos en Galicia durante o Xacobeo: unha experiencia dual para os asistentes na medida en que se aúnan obxectivos profesionais e vivencia dun fenómeno cultural recoñecido pola UNESCO e unha maior visibilidade internacional asociada ao impacto mediático do Xacobeo 2027. Ao tempo, destacou as vantaxes do destino en sustentabilidade (proximidade de servizos, produto local e certificacións ambientais) e o reforzo da marca Galicia Calidade como selo de identidade e excelencia tamén aplicable á experiencia turística.Incidiu en que o Xacobeo 2027 ofrece unha oportunidade singular para atraer congresos internacionais vinculados a ámbitos como o turismo sostible, o patrimonio cultural, a innovación social, a espiritualidade, o desenvolvemento rural ou a ciencia e tecnoloxía.

Xosé Merelles puxo o acento na capacidade actual do destino para competir no mercado MICE, grazas á mellora de infraestruturas, á ampliación da capacidade hoteleira e á profesionalización do ecosistema de servizos (cátering, audiovisuais, organización de eventos, etc.) «Galicia conta con máis de 4.000 establecementos de aloxamento, dos que máis de 140 son hoteis de 4 e 5 estrelas, ademais dunha oferta complementaria singular con espazos históricos, pazos, mosteiros e contornas termais», afirmou.

Destacou ademais que o turismo de reunións representa, con carácter xeral, o 1,2% do gasto turístico total na comunidade, e «é o segmento con maior gasto medio diario: algo máis de 200 euros por persoa e día, fronte á media global de 59 euros».

Tracking Pixel Contents