Teófilo lanza unha xoia literaria: a prosa de Rosalía nun estoxo de luxo
Recolle as súas sete obras en prosa, todas elas en pequeno formato e tapa dura

Portada da edición especial polo aniversario de Rosalía / Teófilo
O 23 de febreiro cumpríronse 189 anos do nacemento de Rosalía de Castro, figura clave na nosa cultura, gran voz do Rexurdimento, movemento que recuperou a lingua e literatura galegas tras séculos de marxinación, e unha das escritoras máis importantes da literatura española do século XIX. Falar de Rosalía é falar de Galicia e por iso, aproveitando a efeméride, Teófilo vén de sacar á luz unha coidada edición que se converte na mellor homenaxe. Os amantes da figura e a obra de Rosalía teñen a oportunidade de dispoñer dun estoxo único que reúne as sete obras en prosa da autora.
No exterior do estoxo co título: Rosalía de Castro. A prosa dunha muller valente vemos un fermoso retrato de Rosalía e o interior é de coleccionista. Unha tratada imaxe do Parador Nacional dos Reis Católicos protagoniza a parte superior e na inferior atópanse os sete libros, en pequeno formato e tapa dura, cada un ilustrado cun retrato distinto de Rosalía. «Foi precisamente aquí na Capela do Hospital Real de Santiago de Compostela, hoxe convertido en Parador Nacional dos Reis Católicos, onde ao día seguinte do seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837, Rosalía de Castro se atopa por primeira vez con Deus a través do sacramento do bautismo», reza a inscrición en dourado que se ubica enriba da foto do Parador.
«Queremos poñer en valor o esforzo, o traballo e a dedicación dunha muller que plantou centos de árbores a sabendas de que nunca gozaría das súas sombras»
Un pequeno alegato que enxalza a Rosalía e no que dende Teófilo Edicións explican a intención deste formato especial: «Queremos poñer en valor o esforzo, o traballo e a dedicación dunha muller que plantou centos de árbores a sabendas de que nunca gozaría das súas sombras. Unha galega que case dous séculos despois segue sorprendéndonos coa maxia dos seus versos e a valentía da súa prosa, deixando unha herdanza literaria que debemos coidar como ouro en pano para que as futuras xeracións a sigan gozando».
A colección
A colección está composta pola obra Flavio, unha novela que conta a historia dun mozo sensible, idealista e soñador que se namora de Mara. Flavio vese abrumado por unha intensa frustración cando se decata de que o seu amor é imposible e está cheo de sufrimento. Ruinas é outros dos traballos en prosa de Rosalía que compoñen o estoxo. Narra unha historia marcada pola decadencia, o sufrimento e a perda. Os personaxes de Ruinas viven en medio da pobreza e a desgraza, e amosan como o paso do tempo e as circunstancias destrúen ilusións e esperanzas.

O estoxo por dentro, cos sete libros de Rosalía / Teófilo
El caballero de las botas azules é outro dos libros recompilados aquí. É considerada a novela máis lograda de Rosalía. Céntrase nun misterioso personaxe que aparece na alta sociedade madrileña causando admiración, intriga e escándalo. Este cabaleiro cuestiona as normas sociais, a superficialidade da aristocracia e o mundo literario da época.
Outra novela é El primer loco, que relata a historia de Luis, un mozo profundamente sensible que se namora de Berenice. O seu amor é intenso e obsesivo, pero non é correspondido como el agarda. O libro está ambientado en Santiago, e concretamente ten unha clara referencia a Conxo. Contos da miña terra, outra das obras que contén esta edición especial, reúne relatos que describen a vida e as dificultades do pobo galego, defendendo a súa identidade e cultura. Tamén atopamos Lieders, unha breve obra en prosa de carácter romántico e intimista. Non é unha novela, senón un texto reflexivo no que Rosalía expresa os seus sentimentos e pensamentos máis persoais. A autora fixo todo un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade.
Por último, La hija del mar, ambientada na paisaxe de Costa da Morte e Muxía, conta a historia de Teresa, unha moza que descobre que a súa orixe está relacionada cun pasado tráxico e un home cruel que representa a inxustiza e o abuso.
Teófilo Edicións
Con esta edición especial a editorial compostelá demostra de novo que o seu máis alto valor se atopa na creación de edicións de auténtico luxo. A calidade e o apoio a traballos e figuras culturais galegas importantes segue sendo o selo da casa.
- Londres dice que el dron que alcanzó la base británica en Chipre no fue lanzado desde Irán
- David Arcay y Manuel Ramos 'sobreviven' al frío y al viento en A Fervenza para proclamarse campeones gallegos de lago
- Ganadería Xesteiro de Zas compra una vaca frisona criada en Val do Dubra por más de 5.300 euros
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- El alcalde de Valga celebra la victoria judicial contra Audasa que permitirá cobrar el IBI de la autopista a otros concellos afectados
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
