De Rosalía a María Casares: mulleres galegas que dan nome ás rúas de Santiago
Durante moito tempo o rueiro galego funcionou como un arquivo de memoria case exclusivamente masculina, pero agora podemos atopar moitas rúas que honran a activistas, escritoras, mestras, artistas ou intelectuais que axudaron a construir Galicia

Imaxe da Rúa de Julia Minguillón, en Santiago / ECG
Esta mañá o café ten outro sabor. Sabe a reivindicación, a forza, a resistencia. No fondo doe, doe que aínda hoxe as desigualdades entre homes e mulleres sexan ben patentes en tantos ámbitos da vida: elas asumen moita máis carga de coidados non remunerados, teñen máis presenza en empregos peor pagados ou máis precarios e seguen estando infrarrepresentadas nos espazos de poder político e económico. Con todo, non nos detemos e a nosa voz soará alto un ano máis.
Remato o café e collo o coche para ir a oficina, pero, antes, opto por facer un percorrido tranquilo polas rúas compostelás. Agrádame reparar en que moitas das pracas que locen teñen nomes de mulleres, e entre elas, aparecen representadas moitas galegas.
Durante tempo, o rueiro español funcionou como un arquivo de memoria case exclusivamente masculina. Os nomes que ocupaban o espazo público eran, sobre todo, os de militares, políticos, relixiosos ou escritores, mentres que as mulleres apenas aparecían e, cando o facían, adoitaban quedar asociadas a santas, virxes ou advocacións relixiosas máis que a traxectorias civís, intelectuais ou artísticas. Galicia reproduciu ese mesmo patrón e, aínda que non hai un estudo recente sobre os nomes femininos que aparecen no rueiro compostelán, o que si sabemos é que hoxe son moitas máis as que bautizan ás nosas rúas. Esto ten un dobre valor: non só corrixen unha desigualdade histórica, senón que restitúen no espazo público a memoria de escritoras, mestras, artistas, activistas e intelectuais que axudaron a construir Galicia.
1. Avenida de Rosalía de Castro
Non podía faltar entre o rueiro compostelán unha homenaxe a Rosalía de Castro, escritora e poeta galega fundamental do Rexurdimento e gran defensora dos dereitos da muller. Coa súa obra, e especialmente con Cantares gallegos, converteuse nun símbolo da dignificación de Galicia, da defensa da nosa lingua e da expresión da identidade dun pobo que durante moito tempo fora marxinado. Actualmente dá nome á rúa na que naceu, xa que as fontes institucionais e de referencia sobre Rosalía sosteñen que naceu en Santiago nunha casa do Camiño Novo, que sería o entorno da actual avenida que hoxe leva o seu nome.

Avenida de Rosalía de Castro / ECG
2. Rúa de Concepción Arenal
Concepción Arenal foi unha pensadora, xurista, escritora e reformadora social galega. Nada en Ferrol en 1820, está considerada unha das grandes pioneiras do feminismo e da defensa dos dereitos humanos en España. A Real Academia da Historia defínea como escritora e reformadora moral, social e relixiosa, especialmente vinculada á reforma penitenciaria e á reflexión xurídica e social. En Santiago leva o seu nome unha rúa como homenaxe a esa traxectoria intelectual e cívica, e tamén polo seu vínculo coa cidade.

Rúa de Concepción Arenal / ECG
3. Rúa de Xohana Torres
Compostela bautizou co nome de Xohana Torres unha das súas rúas como homenaxe ao legado cultural e literario da autora. Foi unha escritora galega fundamental da literatura contemporánea, cultivou a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio e a literatura infantil. A Real Academia Galega (RAG) considéraa unha voz imprescindible da cultura galega. Entre os seus logros, a RAG destaca que foi unha pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego e tamén unha referencia para as novas xeracións de autoras e lectores.

Rúa de Xohana Torres / ECG
4. Rúa de María Miramontes
Nada en Guísamo (Bergondo) en 1895 foi unha activista e intelectual galega. Estivo vinculada ao galeguismo, ás Irmandades da Fala e ao entorno cultural e político de Ánxel Casal, con quen compartiu militancia e proxectos como a Escola de Insiño Galego, considerada a primeira escola primaria con ensinanza no noso idioma. Tralo golpe de 1936 e o asasinato de Casal, exiliouse a Bos Aires, onde morreu en 1964. Santiago homenaxea a María Miramontes cunha rúa por toda esa traxectoria de compromiso cultural e político e pola súa relación directa coa cidade durante os anos da Segunda República.

Rúa de María Miramontes / ECG
5. Rúa de Maruxa Mallo
Entre o rueiro compostelán actual atópase o nome de Maruxa Mallo, que foi unha pintora galega de vangarda, nada en Viveiro, e unha das artistas máis innovadoras da Xeración do 27. O Museo Reina Sofía preséntaa como unha figura clave da arte española do século XX, e hoxe a súa obra reivindícase tamén por encarnar unha imaxe de muller moderna, libre e rupturista.

Rúa de Maruxa Mallo / ECG
6. Rúa de María Casares
Actriz galega de enorme prestixio internacional, Santiago dedícalle unha rúa como homenaxe a ese legado artístico e a súa condición de gran referente galega da cultura contemporánea. Naceu na Coruña en 1922, exiliouse a Francia trala Guerra Civil e acabou converténdose nunha das grandes figuras do teatro e do cine francés do século XX. O Consello da Cultura Galega reivindícaa como unha artista de referencia da cultura galega, e o Ministerio de Cultura descríbea como unha estrela da escena francesa marcada polo exilio republicano.

Rúa de María Casares / ECG
7. Rúa de Julia Minguillón
Foi unha pintora galega, nada en Lugo en 1907 e falecida en Madrid en 1965, considerada unha das artistas destacadas do século XX. O Museo do Prado sinala a súa sólida formación artística e o Consello da Cultura Galega destaca que foi a única muller que obtivo a Primeira Medalla de Primera Clase nunha Exposición Nacional de Belas Artes, en 1941, grazas a súa obra máis coñecida, A escola de Doloriñas.

Rúa de Julia Minguillón / ECG
Este é só un pequeno listado das mulleres galegas ás que Santiago homenaxeou a través das súas rúas, pero hai moitos outros nomes que quedan no tinteiro como os de Josefa García Segret, a Mestra Victoria Míguez ou Francisca Herrera Garrido.
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo
