Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conciliar aínda ten xénero en Galicia: as mulleres asumen a carga familiar

Os últimos datos indican que case un 88% das galegas pediron unha excedencia para coidar dos fillos fronte ao 12% dos homes

A corresponsabilidade segue a ser unha asignatura pendente e, mentres tanto, as consecuencias na saúde das mulleres fanse notar: son os maiores consumidores de psicofármacos para tratar problemas de ansiedade, estrés ou insomnio provocados pola carga mental

Unha muller, cansada, traballando no seu portátil

Unha muller, cansada, traballando no seu portátil / PEXELS

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

«E como fas cos nenos?», pregúntanlle a Ana, santiaguesa de 37 anos que acaba de ter ao seu terceiro fillo e se reincorpora tras o permiso por maternidade. «E como fas coa nena?», pregúntanlle tamén a Lara, santiaguesa de 33 anos que volve á oficina despois de pedir unha excedencia dun ano para coidar do seu bebé. Son cuestións sempre dirixidas a mulleres e, en moitas ocasións, feitas por outras mulleres porque temos normalizado que é a nai e non o pai quen ten que renunciar á súa carreira ou adaptar os seus horarios laborais para coidar da familia.

En pleno século XXI a historia repítese: os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE) amosan que case un 88% das galegas pediron unha excedencia en 2024 para coidar dos fillos fronte ao 12,2% dos homes. A nivel estatal, os últimos datos do Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE) mostran que a desigualdade no reparto do tempo segue sendo moi clara: o 56% das mulleres con fillos de 0 a 11 anos dedica máis de 35 horas semanais ao coidado infantil, fronte ao 29% dos homes. Ademais, o 59% das mulleres realiza tarefas domésticas todos os días, fronte ao 39% dos homes.

Este luns, que se celebra o Día Nacional da Conciliación e a Corresponsabilidade, as mulleres piden, antes que nada, o segundo.«Non se avanzou en corresponsabilidade. As mulleres logramos ocupar máis espazo público e laboral pero non conseguimos que a administración pública e os nosos compañeiros se responsabilizasen do ámbito dos coidados», sentencia Concha Fernández, coordinadora da Comisión Intersectorial Feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG).

Responsabilidades

Para que esta situación cambie, a tamén profesora de Intervención Social e Comunitaria, explica que, por un lado, «na parella hai que ser consciente de que a aportación no desenvolvemento social e laboral é igual para homes e mulleres e debe ser igual no soporte e coidado do fogar, nese espazo común que compartimos. O coidado de dependentes a cargo, xa sexan menores ou maiores, debe ser compartido, corresponsabilizado», sinala. Algo, di, que tamén tería vantaxes para os homes: «supón coñecer, explorar e gozar un ámbito moi asociado á afectividade, aos sentimentos e ao benestar persoal», argumenta. Por outro lado, a psicóloga afirma que tamén teñen que cambiar moitas cousas a nivel administrativo para que tanto homes como mulleres concilien. «O primeiro que ten que mudar son os horarios laborais, que deberían ser moito máis reducidos e estar moito máis regulados. Trátase de facer compatibles o ámbito profesional e o persoal. Aínda hai un montón de traballos que case son de dispoñibilidade absoluta, con horarios de fins de semana e festivos. Tamén habería que pór en marcha servizos de coidados máis individualizados e de maior calidade para poder deixar aos nosos maiores e nenos ben atendidos».

Una mujer agotada

Una mujer agotada / PEXELS

Unha trampa para a muller

Tal e como explica Concha Fernández, dende os anos 60-70 as nosas nais empuxáronnos a reivindicar o noso espazo nos ámbitos laboral, político e social, pero ninguén fixo o camiño de entrar no ámbito dos coidados e da reprodución da sociedade. «Soportamos unha dobre ou tripla carga porque todo o que ten que ver co coidado da comunidade, co desenvolvemento de asociacións e coa dinamización social e cultural, leva selo de muller», apunta.

Saúde mental

Toda esta situación desigual implica graves consecuencias na saúde mental das mulleres, pois a carga mental é insoportable. «Ter que ter na cabeza toda a organización e planificación non só do ámbito laboral, senón do fogar, é dicir, a economía doméstica, as actividades, coidados, necesidades básicas diarias... implica unha gran carga mental e física», di. «A sintomatoloxía psicosocial é manifesta. As mulleres somos os principais consumidores de psicofármacos para lidiar coa ansiedade, a depresión ou o insomnio».

«A sintomatoloxía psicosocial é manifesta. As mulleres somos os principais consumidores de psicofármacos para lidiar coa ansiedade, a depresión ou o insomnio»

Os datos avalan esta afirmación. E é que segundo o estudo EDADES 2024, o consumo de hipnosedantes nos últimos 12 meses foi do 14,7% en mulleres fronte ao 9,3% en homes. E segundo a Base de Datos Clínicos de Atención Primaria 2022 (BDCAP), entre a poboación de 40 e máis anos, o consumo foi maior en mulleres nos tres grandes grupos: antidepresivos (131,7 fronte ao 73,9 DHD), ansiolíticos (77,2 fronte ao 53,5) e hipnóticos e sedantes (48,7 fronte ao 34,6).

Desenvolvemento profesional

A falta de corresponsabilidade non só implica consecuencias na saúde das mulleres, senón tamén no seu desenvolvemento profesional. «Somos as que renunciamos, as que collemos as reducións de xornada, as excedencias, o que limita, sen dúbida, a nosa progresión profesional e o noso poder económico e toma de decisións. Temos un teito non só de cristal, senón de diamante, porque é irrompible».

. «Somos as que renunciamos, as que collemos as reducións de xornada, as excedencias, o que limita, sen dúbida, a nosa progresión profesional e o noso poder económico e toma de decisións»

É por todo isto, explica Fernández, polo que «a nova xeración de mulleres xa se deu conta de que esa idea de que podemos con todo, tanto cos coidados como co laboral é unha falacia. A falta de corresponsabilidade non é compatible co benestar persoal e co coidado da familia e por iso moitas mulleres están renunciando á maternidade ou a retrasan sustantivamente», indica. «Saben que van estar soas, sen acceso a servizos públicos para a corresponsabilidade ou non van ter compañeiros de vida dispostos a renunciar e corresponsabilizarse e entón xa ignoran a idea de formar unha familia», sentencia.

Tracking Pixel Contents