Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Feira do Viño de Amandi

«É unha homenaxe ás mulleres e homes que se dedican ao mundo do viño»

O Concello de Sober celebra a 46ª Feira de Amandi este venres, sábado e domingo

Á dereita, o alcalde de Sober, Luis Fernández, sinalando o cartel da 46º Feira do Viño de Amandi.  | CEDIDA

Á dereita, o alcalde de Sober, Luis Fernández, sinalando o cartel da 46º Feira do Viño de Amandi. | CEDIDA

Sober

No sur de Lugo atópase un pequeno concello duns 2.000 habitantes cunha importante historia vencellada ao viño e o oficio da viticultura. Trátase de Sober, un municipio integrado na rexión vinícola da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que presume dunha paisaxe única cara os canóns do río Sil. Unha terra que este venres, sábado e domingo estará engalanada para celebrar unha festa dedicada aos traballadores do produto máis especial dunha das subzonas da Ribeira Sacra, a 46ª Festa do Viño de Amandi. «É a cita máis grande do ano para Sober porque é unha homenaxe que lle facemos ás mulleres e homes que se dedican ao mundo do viño e constitúe a principal fonte económica do Concello», apunta o seu alcalde, Luis Fernández Guitián.

Tras case medio século de historia, este evento mantense vivo grazas ao seu comprometido público. «Os nosos vistantes son moi fieis. Esta festa saíu á luz todos os anos, ata na pandemia. Adoitamos acoller milleiros de persoas, moitas veñen de Monforte ou de Ourense pola proximidade, pero tamén recibimos turistas de Santiago ou Vigo. Aqueles que veñen por primeira vez adoitan repetir. Eu diría que Sober é un destino turístico en alza os días de Semana Santa. De feito, cada ano temos que habilitar máis lugares para aparcar pola enorme afluencia de público que chega», di o rexedor.

O eixo central da festa atópase na carpa que alberga as adegas participantes, que serán 22 nesta edición. Un pequeno espazo que «deixa á xente moi sorprendida», indica Fernández, porque está decorada cunha imaxe da propia Ribeira Sacra: «É unha forma de saborear a riqueza o viño á vez que se contempla unha paisaxe singular». O alcalde pon en valor o labor dos viticultores da rexión por adaptarse ás novas formas de traballar o viño. «A subzona de Amandi é a máis histórica en nome da Ribeira Sacra», e engade que a feira «é un momento idóneo para gozar da música e ambiente que fará vibrar o Concello de Sober». n

Tracking Pixel Contents