A RAGC pon en valor o talento científico e divulgador de Galicia
O traballo do IDIS supón un grande avance, xa que cada ano 7000 galegos sofren un ictus

A RAGC pon en valor o talento científico e divulgador de Galicia / CEDIDA
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos seus principais galardóns anuais, nunha cita que puxo en valor o papel estratéxico da ciencia, a tecnoloxía e a súa divulgación no desenvolvemento de Galicia. Durante o evento fixéronse entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas —convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN)— e o Premio de Divulgación Científica.
O acto contou cunha ampla representación institucional e académica, coa presenza, entre outras autoridades, do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da GAIN, Carmen Cotelo; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa M. Crujeiras; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez.
Premio para o IDIS de Santiago
No eido da transferencia de coñecemento, os premios —dotados con 5.000 euros en cada categoría— recoñeceron, por unha banda, o proxecto do Grupo Ictus Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos, galardoado co premio Francisco Guitián Ojea. O equipo desenvolveu un innovador fármaco destinado ao tratamento do ictus isquémico que busca protexer o tecido cerebral tras o episodio, reducir a extensión da lesión e mellorar a recuperación funcional dos pacientes. Trátase dun avance de grande relevancia nun contexto no que máis de 7.000 persoas sofren un ictus cada ano en Galicia, sendo esta patoloxía a principal causa de discapacidade permanente na idade adulta e unha das principais causas de demencia. O propio Campos salientou a importancia de trasladar os avances científicos á práctica clínica, co obxectivo de converter a Galicia nun referente en investigación biomédica translacional neste ámbito.
Pola súa parte, o premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito empresarial foi para o Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, coordinado por Miguel Díaz-Cacho. No ámbito da comunicación científica, o Premio Celia Brañas foi concedido á xornalista Teresa Rocamonde pola reportaxe Os fármacos do centeo, emitida na Televisión de Galicia e dotada con 3.500 euros. A peza aborda a historia dos primeiros medicamentos elaborados en Galicia a partir do caruncho do centeo para tratar doenzas como a migraña, o glaucoma ou as hemorraxias posparto. O xurado outorgou ademais un accésit de 1.500 euros á reportaxe Así es el Google Maps de los cirujanos, de Cinthya Martínez e Alejandro López-Benito.
Finalmente, o Premio de Divulgación Científica recoñeceu a traxectoria do neurocientífico Xurxo Mariño, investigador do grupo Neurocom da Universidade da Coruña, cunha ampla e consolidada carreira na comunicación do coñecemento científico. Ao longo de máis de tres décadas, Mariño desenvolveu unha intensa actividade divulgadora a través de medios de comunicación, conferencias e formatos innovadores como os cafés-teatro científicos. Con esta entrega de premios, a RAGC reafirma o seu compromiso coa promoción da excelencia científica, a transferencia de coñecemento e a divulgación, elementos esenciais para o progreso social e económico de Galicia.
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto