Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ismael Ramos Escritor

Un galego fai historia no premio O. Henry: «Pensei que era unha broma»

O escritor de Mazaricos Ismael Ramos é o primeiro español en recibir este galardón literario que distinguiu aos clásicos da literatura americana

Ismael Ramos, gañador do premio 0. Henry

Ismael Ramos, gañador do premio 0. Henry / P. Souto

Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

É de Mazaricos, acaba de cumprir 32 anos e acumula xa varios premios literarios aos que acaba de sumar un novo co que marca un fito histórico. Ismael Ramos é o primeiro español en gañar o O. Henry, un prestixioso galardón que premia os mellores relatos curtos publicados en revistas literarias en lingua inglesa. O responsable da merecida distinción foi o seu conto A lebre, incluido dentro do seu único libro de narrativa ata o momento, A parte fácil, e conta unha viaxe en coche de dous irmáns que non se comunican moi ben. Foi publicado na revista The Common, e traducido ao inglés por Jacob Rogers. A pesar do logro, Ismael demostra en todo momento ser unha persoa cos pés na terra, humilde e orgulloso das súas raíces xalleiras que, asegura, marcaron o seu imaxinario literario e a súa identidade.

Es o primeiro autor español en gañar o premio O. Henry dende a súa creación en 1919. Que dimensión lle dá a este recoñecemento dentro da súa traxectoria?

Falar en termos de traxectoria literaria seguramente é algo que non me corresponde a min, senón á crítica, aos lectores ou á Academia valoralo, pero, se penso no que supuxo para min dentro da miña traxectoria persoal, diría que foi a constatación de que unha literatura e unha lingua, sexan as que sexan, son capaces de viaxar a lugares que nunca imaxinamos. Eu escribín o meu conto sen pensar nunca en gañar este premio. Non entraba nos meus plans nin en nada que puidese imaxinar. Entón, nese sentido, dentro da miña traxectoria persoal o que simboliza, dalgún xeito, é que os límites dunha lingua e dunha literatura son os límites de quen fala e de quen escribe.

Ismael Ramos

Ismael Ramos / P. Souto

Di que non agardaba o premio. O xurado escolle os galardoados entre os contos publicados en revistas de fala inglesa e atopáronse con ‘A lebre’. Debeu quedar sen fala ao recibir a noticia...

Alucinei moito. Cando me chegou o correo, alucinei moito. Non entendía nada. Ao principio pensei que podía ser unha broma, non che vou mentir. Desconfiei moito porque non o cría. Eu coñecía o premio, pero tíñao vinculado sobre todo aos clásicos da literatura americana: Faulkner, Capote, Eudora Welty, Flannery O’Connor... É un premio que relaciono con todas as miñas grandes referencias e é emocionante pensar que un conto que eu escribín está dentro dunha nómina inmensa, porque se leva convocando desde 1919, e nesa nómina hai nomes de xigantes da literatura.

Ata que punto sente que este premio lexitima a literatura escrita desde Galicia?

Penso que nunca é bo que a lexitimación veña unicamente de fóra. O máis importante para a literatura galega é que a siga lexitimando un sistema literario forte, que sinto que hoxe en día fraquea nalgúns puntos. Hoxe véndense menos libros en galego, existen poucos espazos de crítica literaria e poucos espazos de visibilidade, mesmo nas librarías. O outro día facíase público, por exemplo, que por primeira vez, a maioría dos libros que se venden no estado español proceden de cadeas de librarías e non en librarías independentes, e o lugar que ocupa o galego nas grandes cadeas de librarías é incluso máis pequeno que o que ocupa nas independentes. Entón, preocúpame máis esa lexitimación interna cá lexitimación que vén de fóra.

É de Mazaricos, dun entorno rural, como marcou isto o seu imaxinario literario?

Pois absolutamente. Penso que marcou o meu imaxinario literario e marcou a miña identidade, pois parte dela é ser do rural, do interior da Costa da Morte, qué é un lugar mal conectado. Como digo sempre, a principios da década dos 2000 non chegaban todas as canles de televisión a algúns sitios, marchaba a luz constantemente e ás embarazadas regalábanlles pexegos en almibre e caixas de galletas Cuétara de dous pisos. Isto é unha proba de que o rural, moitas veces, en contraposición á cidade, segue sendo un espazo no que hai sempre un contraste, unha convivencia de algo que parecen dous mundos, pero que nunca son mundos separados: son unha soa cousa. E convivir con iso marca moito. Creo que agora isto é algo que tamén empeza a pasar nas cidades coa cuestión da turistificación e da xentrificación: cada vez máis nas cidades hai como dous mundos que conviven. Pero no rural iso xa pasaba hai vinte anos. Tamén sinto que outra cousa que me marcou moito foi coñecer a seis dos meus oito bisavós porque tiven a sorte de que meus pais me tiveron sendo moi novos e sempre tiven un contacto moi próximo cun rural que viña case de finais do século XIX. Estou falando de xente que foi pioneira en usar maquinaria a motor na súa aldea, entendes? Entón, pensar que todo iso conviviu comigo durante a miña infancia é algo que sinto que me marcou fondamente.

A lebre forma parte do seu primeiro libro de narrativa A parte fácil. Foi pensado xa para formar parte desta obra de relatos ou xurdiu de forma autónoma e logo atopou aí o seu oco?

Xa desde o principio estaba pensado para ser parte dun libro de contos, pero acabou traducido ao inglés porque os contos son cómodos para iso ao ser pezas máis curtas. Hai algúns países, como por exemplo Estados Unidos, e algunhas literaturas, nas que o xénero do conto ten unha especial importancia. Así por exemplo, en Estados Unidos existen moitas revistas que publican contos, de feito case todas as revistas, mesmo as de corte informativo e xurdiu a oportunidade de traducilo ao inglés con Jacob Rogers, que foi o encargado de intentar publicalo nunha revista. Acabou en The Common, e tivemos a sorte de que despois decidiron concederlle este premio, que é a parte máis surrealista. Gustaría moito subliñar o traballo de Jacob e, en xeral, o traballo dos tradutores literarios, sobre todo dos que traballan con linguas pequenas e con linguas con moi pouco apoio institucional, como é o caso do galego. Aí hai que facer un exercicio de xenerosidade, de entusiasmo, e require de moita dedicación e moita resistencia. Os tradutores son fundamentais para a internacionalización.

Preocupáballe que certos matices culturais ou lingüísticos se perdesen ao traducir a súa obra?

Preocupábame o diálogo porque hai moitísimo entre os dous irmáns, e aínda que ás veces parece intranscendente porque semella que non se están contando gran cousa, en realidade o forte é o que non se din, e non perder iso parecíame especialmente difícil de conseguir, pero a verdade é que con Jacob tiven moitísima confianza, deixeino facer. A tradución é algo que admiro moito porque supón ter un material moi sensible nas mans e saber que si ou si por algún lado vai ter que romper. A cuestión é decidir por onde o rompo, para que rompa menos ou para que rompa máis bonito porque é imposible que sexa igual.

É moi novo pero xa ten varios premios ás súas costas. Cáusalle presión á hora de escribir?

Diría que procuro non pensar demasiado niso porque, ademais, creo que estes recoñecementos teñen máis que ver coa literatura unha vez publicada que coa escrita en si mesma. Cando me sento a escribir e cando teño a sorte de conseguir escribir durante varios días seguidos ou durante varias semanas seguidas, non penso en nada que non sexa no que estou escribindo. Nese sentido considérome moi afortunado porque nunca sentín esas presións. E, a ver, son unha persoa que catro meses despois de recibir o Premio Nacional de Poesía Nova publicou un libro de contos. Non penso moito niso. Se pensase moito, non publicaría un libro de contos e poríame a escribir outro poemario.

Sempre escribiu poesía ata A parte fácil. Por que de repente decidiu experimentar coa narrativa?

Puiden escribir ese libro de contos porque houbo unha pandemia e un confinamento. Acababa de rematar un poemario antes do confinamento e pensei: «Teño que aproveitar este tempo, que podo escribir?». E sempre me gustou ler contos e entón díxenme: «Bueno, pois probarei a escribir un conto». Escribín un, dinllo a ler ás miñas persoas de confianza, gustoulles, e escribín outro. Ten moito que ver con isto que che contaba antes de non planear demasiado as cousas e facer un pouco o que a escritura che pide.

E por último, pode desvelarnos en que proxectos está traballando agora?

Agora mesmo estou intentando rematar un libro que espero que quede listo este ano e que será o meu segundo traballo de narrativa. O que pasa é que me custa moito compaxinar a escritura co resto da vida. Traballo como profesor de secundaria e, realmente, unha das razóns polas que me fixen profesor, ademais de porque me gusta dar clase e estar cos adolescentes, foi porque pensaba que tería tempo para escribir. E descubrín, cando empecei, que nada máis lonxe da realidade, porque realmente isto cada vez se nos pon peor: hai máis burocracia, hai ratios máis altas, hai máis diversidade dentro da aula... e por iso se me complicou compaxinar as dúas cousas.

Tracking Pixel Contents