As voces galegas que conquistan o mundo
Galicia conta con varios autores cuxas obras, orixinalmente en galego, foron traducidas, lidas e recoñecidas noutros idiomas, o que proba que unha lingua minorizada non limita a literatura cando a voz é poderosa

Autores cuxas obras escritas en galego tiveron éxito máis alá das nosas fronteiras / ECG
Decantarse por unha lingua minoritaria e minorizada como o galego para desenvolver unha carreira literaria é, cando menos, unha decisión valente porque implica optar polo camiño menos sinxelo para chegar a grandes mercados. Pode parecer que quen o fai, quizais, non teña a pretensión de que a súa escrita saia de Galicia, pero o certo é que hai unha lista numerosa de escritores que, grazas ao seu talento, conseguiron que as súas páxinas, escritas orixinalmente en galego, viaxasen máis alá das nosas fronteiras. A traxectoria de autores como Manuel Rivas, Chus Pato, Yolanda Castaño, Ledicia Costas ou Berta Dávila demostran que escribir en galego non é unha renuncia, senón unha afirmación. As súas obras foron traducidas, lidas e recoñecidas noutros idiomas, probando que unha lingua minorizada non limita a literatura cando a voz que a sostén é poderosa.
1. Manuel Rivas
Trátase dun dos autores máis recoñecidos da literatura galega contemporánea fóra de Galicia. A Real Academia Galega, da que é membro de número dende 2009, salienta que é autor de máis de corenta títulos, traducidos a máis de vinte linguas, e que varias das súas obras foron levadas ao cinema. A súa consagración chegou con Que me queres, amor?, libro de relatos publicado orixinalmente en galego por Galaxia, que gañou o Premio Torrente Ballester e o Premio Nacional de Narrativa en 1996. Entre os seus libros máis relevantes traducidos a outras linguas destaca sobre todo O lapis do carpinteiro, unha das súas obras máis internacionais. Outro título fundamental é Os libros arden mal, publicado en galego en 2006, que recibiu o Premio da Crítica Española. Tamén hai que citar Que me queres, amor? porque inclúe o relato A lingua das bolboretas, levado á gran pantalla por José Luis Cuerda. Nos últimos anos, o recoñecemento institucional á súa carreira medrou aínda máis. En 2022 recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e en2024 foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas.

Manuel Rivas / Laura Trives
2. Chus Pato
É unha das voces máis importantes da poesía galega contemporánea e unha autora clave para entender como unha lingua minorizada pode ocupar un lugar central na literatura internacional máis esixente. Un dos seus fitos máis importantes foi a chamada pentaloxía Decrúa, traducida ao inglés por Erín Moure. Esta tradución continuada é fundamental porque non se trata dun poema illado nin dunha antoloxía puntual, senón da incorporación dun proxecto poético galego complexo ao sistema literario anglófono.
Entre as obras traducidas máis relevantes destacan especialmente Hordas de escritura, Secesión, Carne de Leviatán e Un libre favor. A súa obra circulou tamén noutras linguas. Poetry Daily sinala que seis dos seus doce libros de poesía foron traducidos do galego ao inglés por Erín Moure, e que as súas obras tamén apareceron en castelán, catalán, neerlandés, portugués e búlgaro. Recentemente, en 2024, chegou a súa consagración institucional máis ampla: o Premio Nacional de Poesía por Sonora, publicada por Xerais.

Chus Pato / CEDIDA
3. Yolanda Castaño
Nada en Santiago, gañaba o Premio Fermín Bouza Brey de Poesía con tan só 17 anos. Entre os seus libros máis relevantes están Elevar as pálpebras, Delicia, Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da egoísta, Profundidade de campo, A segunda lingua, Materia e, máis recentemente, A falsa autónoma. A súa obra adoita partir do galego e circular despois noutras linguas, nun proceso que converte a tradución nunha parte esencial da súa proxección. O seu gran recoñecemento institucional chegaba co libro Materia, polo que recibía o Premio Nacional de Poesía en 2023. Outro aspecto esencial da súa proxección é que Yolanda Castaño non só escribe poesía, tamén crea espazos para que a poesía galega dialogue co mundo: dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos mensuais con autores galegos e internacionais.

Yolanda Castaño / EFE
4. Berta Dávila
Tamén compostelá, a súa é unha das traxectorias máis sólidas da literatura galega recente: comezou publicando moi nova e, en poucos anos, pasou de ser unha promesa a converterse nunha autora recoñecida pola crítica, polos premios e pola circulación da súa obra noutras linguas. O seu traballo máis coñecido internacionalmente ata o momento é probablemente Os seres queridos. Publicado en galego por Xerais, obtivo o Premio Xerais de Novela, e a súa versión en castelán, Los seres queridos, foi publicada por Destino. A proxección exterior da novela medrou coa tradución ao inglés, The Dear Ones, publicada por 3TimesRebel Press e traducida do galego por Jacob Rogers. Tamén é relevante Illa Decepción, novela coa que recibiu o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2020, e a súa entrada na literatura xuvenil con Un elefante na sala de estar, obra que obtivo o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. O recoñecemento internacional máis simbólico chegou co Premio Ostana 2025, na categoría Giovani, un galardón dedicado a autoras e autores que escriben en linguas minorizadas.

Berta Dávila / ECG
5. Ledicia Costas
É unha das escritoras máis recoñecidas, lidas e traducidas da literatura galega actual. A súa traxectoria está especialmente vencellada á literatura infantil e xuvenil, aínda que tamén publicou narrativa para adultos, poesía e álbum ilustrado. O gran salto chegou con Escarlatina, a cociñeira defunta, publicada en galego por Xerais. A obra recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil en 2014 e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015. A maior relevancia desta obra reside en que conseguiu converter unha historia escrita en galego, con humor negro e unha visión nada convencional da morte, nun libro capaz de chegar a lectores doutras linguas e culturas. Outro título clave é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, co que obtivo o Premio Lazarillo de Creación Literaria en 2015. A súa traxectoria recibiu tamén recoñecementos institucionais importantes.

Ledicia Costas / José Lores
En 2020 foi galardoada co Premio da Cultura Galega das Letras e en 2023 recibiu a Medalla Castelao. Nos últimos anos seguiu sumando premios e visibilidade. Así, en 2025 fíxose co Premio Barco de Vapor de literatura infantil con Feriópolis. Con todo, o que fai que Ledicia Costas sexa recoñecida fóra non é só a cantidade de galardóns nin o número de linguas ás que chegou, senón a súa capacidade para escribir en galego historias que conectan con lectores moi diversos.
A todos estos autores poderían engadirse outros como o compostelán Suso de Toro, cuxa obra naceu en gran parte en galego, a compostelá María Solar ou a lucense María Reimóndez.
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- Un compostelano idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: 'Ojalá sea una realidad
- El aeropuerto de Santiago cambia Heathrow por Gatwick, pero mantendrá su vuelo diario con Londres este invierno
- Circula en dirección contraria esquivando coches en Santiago y desoye las advertencias de los viandantes: 'Quen eres ti pa mandar
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- Las Festas de San Paio marcan en A Estrada la temporada turística con Bustamante y la oficina de información en marcha
- La instalación de caños en las gárgolas del Hostal se planteó hace casi 600 años
- Avistan un ejemplar de la tortuga más grande del mundo en Fisterra
