Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Alvarellos seduce Madrid: a editorial compostelá atraeu a máis de mil lectores

Acaba de chegar da Feira do Libro con bo sabor de boca, posto que triunfaron na cita cultural varios dos seus exemplares, tanto en galego como en castelán

Varias persoas visitan a caseta de Alvarellos Editora na Feira do Libro de Madrid

Varias persoas visitan a caseta de Alvarellos Editora na Feira do Libro de Madrid / CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Alba Prada Estévez

Alba Prada Estévez

O pasado 29 de maio Alvarellos Editora aterraba no parque do Retiro de Madrid para participar, por terceiro ano consecutivo, nunha das citas culturais máis agardadas da capital: a Feira do Libro, que rematou esta fin de semana. No evento literario déronse cita máis de 300 casetas e 600 selos editoriais. Entre eles, estivo Alvarellos Editora como un dos máximos representantes da cultura galega, cun stand que amosou ao público máis de 120 títulos tanto en galego como en castelán. Ata a caseta da editorial compostelá, a número 360, ubicada no paseo de Fernán Núñez, achegáronse máis de 1.000 persoas. «Estamos moi satisfeitos. O público xa nos vai coñecendo e están agardando as nosas novidades. Repartimos 1.100 catálogos a todos os interesados», explica o director da editorial , Quique Alvarellos.

Os libros máis mercados

Foron dez as seccións nas que se organizaron os máis de 1.500 exemplares que Alvarellos levou á feira: ‘Santiago de Compostela e o Camiño’, ‘Rosalía, Cunqueiro e Pardo Bazán’, ‘Facsímiles’, ‘Federico García Lorca’, ‘20 voces poéticas actuais’, ‘Libros con memoria’, ‘Colección Rescate’, ‘Narrativa’, ‘Divulgación e Ensaio’ e ‘Infantil -Primeiras lecturas. Entre as obras que mellor acollida tiveron na cita madrileña, explica Quique Alvarellos, destacaron os grandes clásicos en galego e castelán, con nomes imprescindibles como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Lorca ou Álvaro Cunqueiro.

Pola esquerda,Quique Alvarellos, Marta Pérez e José Flores

Pola esquerda, Quique Alvarellos, Marta Pérez e José Flores / CEDIDA

Tamén espertaron unha notable curiosidade entre o público os ensaios de Méndez Ferrín, os contos pensados para primeiras lecturas, a poesía asinada por diversas autoras e as guías de Compostela.

Memorias de Syra Alonso

Non pasaron desapercibidas tampouco As impactantes Memorias de Syra Alonso, unha das novidades que Alvarellos Editora levou este ano á Feira do libro. A obra recolle o seu testemuño vital, que ve agora a luz por primeira vez en castelán trala súa tradución ao galego no ano 2000 (reeditada en 2025), nun magnífico volume ao coidado do profesor e investigador do Instituto Tecnolóxico Autónomo de México Conrado J. Arranz. O libro incorpora máis de 200 páxinas inéditas sobre os diarios coñecidos ata o momento.

A través das súas redes sociais, a editorial compostelá despediuse da cita no Retiro dando as grazas a «todos os madrileños e madrileñas abertos á nosa cultura». Desde Alvarellos agradeceron tamén as conversas compartidas e a emoción de «vervos marchar con algún dos nosos títulos baixo o brazo».

Tracking Pixel Contents