A toponimia de Galicia e Portugal, ao alcance dun clic
Presentan en Santiago Topogal, programa informático que permitirá consultar todos os nomes de lugar da comunidade e do país luso, así coma a súa forma gráfica

Vítor Garabana e Eduardo Maragoto presentando a nova ferramenta para consulta dos topónimos galegos e portugueses. / Cedida
A Comisión Informática en colaboración coa Comisión Lingüística da Associaçom Galega da Língua (AGAL) deu a coñecer onte, na Libraría Couceiro de Santiago, o novo Topogal, un programa informático que permitirá ás persoas usuarias consultar todos os nomes de lugar de Galicia e Portugal, coñecendo de forma instantánea a súa forma gráfica e tamén outra información, como a advocación do topónimo ou se este leva ou non artigo.
Con respecto ás edicións anteriores deste programa informático, o novo Topogal, que se atopa actualmente en fase de probas, proporcionará información sobre toda a toponimia portuguesa e sobre a das áreas galegofalantes das comunidades autónomas de Asturias, Castela e León e Estremadura. En moitos casos, tamén ofrecerá información histórico-etimolóxica.
Segundo Vítor Garabana, responsable da Comisión Informática da AGAL, «o Topogal será, ademais, unha excelente ferramenta de investigación para os estudosos e as estudosas da nosa toponimia, pois permitirá xeolocalizar nun mapa cada unha das formas toponímicas de Galicia e Portugal, desde as grandes rexións ata os pequenos microtopónimos».
Colaboración
A colaboración coa Comisión Lingüística da AGAL concretouse principalmente nunha reforma da proposta toponímica anterior da asociación relativa ao uso do artigo e á segmentación dos topónimos. Así, nestes aspectos, o novo TOPOGAL achegarase á proposta da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia en moitos casos nos que antes diverxía.
O secretario da Comisión Lingüística, Eduardo Maragoto, exemplificou ambos os aspectos co topónimo do Concello do Íncio: «A versión anterior mantiña a forma fiel á etimoloxía: Oíncio todo xunto, mais a forma oficial actual co artigo segmentado, que xorde dunha reinterpretación en principio errónea da forma orixinal, está completamente consolidada e, cando isto acontece, sempre que a forma moderna non contradiga a converxencia co espazo lusófono, non vale a pena que o reintegracionismo continúe a diverxer».
Por outro lado, o presidente da asociación quixo salientar o labor da entidade decana do reintegracionismo: «Na AGAL continuamos a crear recursos para axudar a todas as persoas que usan o galego internacional».
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical