El Correo Gallego

Tecnoloxía

Mi 9T Pro: un smartphone de alta gama económico

O novo teléfono de Xiaomi chega a España cun procesador propio de móbiles de alta gama, pero cun prezo moi axustado.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 20.08.2019 
A- A+

En maio Xiaomi presentou os seus smartphones Redmi K20 e Redmi K20 Pro, que sorprendían por comercializarse a través dunha marca económica cando son terminais de prestacións bastante elevadas, de aí que cando o Redmi K20 chegou a España preferiron chamalo Mi 9T para encaixar mellor no catálogo de smartphones e facilitar que o público soubese mellor ante o tipo de terminal que estaba: un elegante e potente móbil cun procesador Qualcomm Snapdragon 730, batería de 4.000 mAh con carga rápida e un prezo de 299/369 euros en función da súa capacidade de almacenamento.
Agora chegou a quenda do Redmi K20 Pro, que ten como diferenza o seu procesador, que é un Qualcomm Snapdragon 855, ou sexa, un procesador propio da alta gama, de aí que podemos considerar que estamos ante o herdeiro espiritual do Pocophone F1, que chegará a España o vindeiro 26 de agosto como Mi 9T Pro a un prezo de 399 euros con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e de 499 euros con 128 GB de almacenamento.
O Mi 9T destaca polo seu deseño todo pantalla grazas a integrar o lector de pegadas dixitais na pantalla e agochar a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles nun elemento retráctil. Na súa cámara traseira tripla temos un sensor de 48 Mpíxeles que presume de boas fotografías grazas á intelixencia artificial.
Este novo smartphone tamén incorpora NFC (facilitando así a realización de pagamentos móbiles), aínda que probablemente o máis valorado deste dispositivo será o seu potente procesador, acompañado por 8 capas de grafito para disipar mellor a calor (mantendo o procesador a uns 8 graos centígrados menos que smartphones con deseños máis comúns), e por sistemas de aceleración orientados aos xogos, ou sexa, que sen que sexa un teléfono gaming, dado o seu prezo converterase nunha das opcións máis atractivas para moitos xogadores.