El Correo Gallego

Tecnoloxía

Mi A2 e Mi A2 Lite: os vindeiros éxitos de Xiaomi

Os novos smartphones de Xiaomi con Android One chegarán a España o 10 de agosto a prezos moi competitivos

MARCUS FERNÁNDEZ  | 24.07.2018 
A- A+

Conscientes da importancia de Xiaomi no mercado español (onde xa está no terceiro posto en vendas de smartphones), o fabricante chinés elixiu a cidade de Madrid para presentar globalmente os seus novos teléfonos con Android One, o Mi A2 e o Mi A2 Lite, que buscan repetir o éxito do Mi A1, o que posiblemente foi o móbil máis recomendado dos últimos meses na liña no que anos atrás acontecía cos Moto G, xa que a proposta de teléfonos competentes cunha versión do sistema operativo o máis pura posible resulta moi axeitada para a meirande parte dos consumidores.

Mi A2
O sucesor do Mi A1 supón un importante salto cara adiante, adoptando as novas tendencias do mercado, renovando as tecnoloxías integradas e, especialmente, incorporando unhas cámaras de auténtico luxo para un terminal no seu rango de prezo.
Temos así como o Mi A2 equipa un potente procesador Qualcomm Snapdragon 660, 4/6 GB de RAM (LPDDR4X), 32/64/128 GB de almacenamento interno, pantalla de 5,99 polgadas, cámara traseira dual de 12 e 20 Mpíxeles con apertura de f/1.75, cámara frontal de 20 Mpíxeles con luz para selfies, Bluetooth 5.0, batería de 3.010 mAh con Quick Charge 3.0 por USB-C, prescinde de toma de auriculares e contén o seu grosor en 7,3 milímetros.
Temos así un produto ideal para quen busca un móbil de gama media cunha boa cámara, que busca claramente competir co Samsung Galaxy A8, e que chegará ás tendas españolas o 10 de agosto a 249 euros na súa versión con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, 279 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 349 euros con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.

Mi A2 Lite
Pero 249 euros é unha barreira de entrada bastante elevada, polo que decidiron contar tamén cunha versión económica do terminal, reducindo prestacións xerais, pero estreando unha pantalla Full HD+ de 5,84 polgadas en formato 19:9 (con pestana superior) e contando cunha xenerosa batería de 4.000 mAh, capaz de manter unha autonomía de até 2 días, de xeito que non serán poucos os que preferirán este dispositivo que, ademais, é máis económico, xa que parte dun prezo de 179 euros para a súa versión con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento non terá un prezo tan axustado (229 euros), dando a impresión de que busca ocupar o lugar que actualmente ocupa no mercado o Mi A1 (que cos seus prezos actuais non tería moito sentido).
O Mi A2 Lite funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625, a súa cámara dual traseira ten cámaras de 12 e 5 Mpíxeles, a cámara frontal confórmase cun sensor de 5 Mpíxeles e, pese a ter unha batería maior que o Mi A2, prescinde de carga rápida por USB-C e confórmase cun porto micro USB.