El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Amazon presenta un reprodutor multimedia con Alexa

O novo dispositivo de Amazon pode controlarse mediante a voz e reproduce contidos en 4K con HDR

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.06.2018 
A- A+

O vindeiro día 21 sairá á venda nos EE.UU. un novo produto de Amazon que promete ser todo un éxito, o Fire TV Cube, que ten un prezo de 119,99 dólares (102 euros), aínda que os usuarios de Prime poderán adquirilo inicialmente por só 89,99 dólares (76 euros), de xeito que é de esperar que teñan unhas vendas moi importantes, xa que este produto suporá a revolución para moitos salóns domésticos.
O concepto do Fire TV Cube é moi sinxelo, xa que supón a fusión do altofalante compacto conectado Amazon Echo Dot (que non ten unha grande calidade sonora, pero atende a ordes verbais ao integrar o asistente virtual Alexa) e os reprodutores multimedia Fire TV (que empregando unha toma HDMI converten un televisor nun Smart TV, achegándolle os contidos audiovisuais de Amazon e outros servizos en liña), pero ao integrar todas estas funcionalidades nun único dispositivo permítese que, de súpeto, poidamos ter un televisor controlable por voz, sen ter que mercar un equipo de altísima gama.

O Fire TV Cube sería o primeiro reprodutor multimedia con Alexa que pode controlarse coas mans libres, xa que integra micrófonos de profundidade para captar o que se diga en toda a habitación (en vez de ter que falar ao mando a distancia como en modelos anteriores) podendo así controlar a reprodución multimedia ou a busca de contidos, pero indo máis aló, e permitindo tamén acender o televisor e outros dispositivos compatibles ou tamén tirando proveito das posibilidades de Alexa para o control domótico ou para a realizar consultas por voz.
Como reprodutor multimedia o Fire TV Cube é compatible con vídeo 4K con HDR de até 60 imaxes por segundo, e incluso é compatible con Dolby Atmos, ofrece numerosas series de televisión e películas a través de Amazon Prime Video, conta con aplicacións como Netflix e tamén permite acceder a outros servizos en liña a través dos navegadores web Silk e Firefox. E para os que estean preocupados pola calidade de son, tamén permiten enlazarse a altofalantes Bluetooth ou barras de son (podendo controlar o seu volume coa voz), de xeito que estamos ante unha das mellores solucións do mercado á hora de querer gozar dunha grande experiencia de uso no salón doméstico.
Polo momento o produto limítase ao mercado norteamericano, pero é bastante probable que vaiamos velo en España a finais de ano, xa que Alexa en español está ultimando o seu lanzamento, e iso facilitaría que este produto puidese comercializarse no noso territorio despregando todo o seu potencial.