Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Android Wear 2.0 mellorará a interacción dos smartwatches

Os novos reloxos conectados con tecnoloxía de Google incorporarán interesantes melloras e poderán ser máis independentes do teléfono (podendo realizar chamadas de xeito autónomo).

Google vén de facer oficial Android Wear 2.0, o novo sistema operativo para dispositivos wearables, de xeito que os smartwatches que empreguen esta versión renovada do software de Google poderán gozar de esferas con máis información, uns reloxos mellor pensados para seguir a práctica deportiva dos usuarios, novos xeitos de empregar as aplicacións e incluso a posibilidade de aproveitar as axudas do Asistente de Google.
As novas esferas de Android Wear achegarán información e accións das nosas aplicacións favoritas, de xeito que cun simple xiro do pulso poderemos ver a nosa seguinte cita, o seguimento das nosas actividades deportivas ou outra información que consideremos oportuna, á vez que tamén poderemos lanzar accións cun simple toque, como iniciar un adestramento ou solicitar unha viaxe a través de Uber. Tamén será posible alternar entre distintas configuracións de esfera ao longo do día (de xeito que podemos ter unha configuración para o traballo, outra para casa...).
A integración de Google Fit tamén mellora, e agora non só rexistra os nosos desprazamentos, as calorías queimadas e o pulso, senón que tamén é capaz de rexistrar exercicios como o levantamento de pesas ou as contraccións abdominais. Durante os adestramentos tamén continuaremos a recibir mensaxes de texto e chamadas, ou incluso poderemos reproducir música.
Entre as grandes melloras de Android Wear 2.0 é que agora poderemos elixir as aplicacións que estarán instaladas directamente no móbil, con independencia do smartphone, de xeito que poderemos empregalas sen importar onde teñamos o teléfono, podendo así levar no pulso de xeito independente aplicacións como Android Pay, Uber ou Telegram.
E falando de aplicacións de mensaxería, agora tamén contaremos con máis xeitos para responder a través de Hangouts, Telegram, Facebook Messenger ou WhatsApp, xa que cando recibamos unha mensaxe poderemos elixir entre responder ditando, tecleando, escribindo a man ou debuxando unha emoticona.
Outra tecnoloxía que se introduce no pulso coa nova versión de Android Wear é o Asistente de Google, que agora permitiranos consultar o estado do tempo, a realización dunha reserva nun restaurante ou a navegación GPS a un destino con só ordenalo a viva voz, aínda que polo momento esta función só está dispoñible en inglés e alemán.
Android Wear 2.0 chegará nas vindeiras semanas a un bo número de smartwatches (ASUS ZenWatch 2 e 3, Casio Smart Outdoor Watch, Casio PRO TREK Smart, Fossil Q Founder, Fossil Q Marshal, Fossil Q Wander, Huawei Watch, LG Watch R, LG Watch Urbane e 2nd Edition LTE, Michael Kors Access Smartwatches, Moto 360 2nd Gen, Moto 360 for Women, Moto 360 Sport, New Balance RunIQ, Nixon Mission, Polar M600 e TAG Heuer Connected) e estará dispoñible de serie nos novos LG Watch Style e LG Watch Sport.

08 feb 2017 / 22:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito