El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Apple abre a WWDC presentando iOS 12

A keynote de Apple presentou as novas versións de iOS, watchOS, tvOS e macOS

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.06.2018 
A- A+

A presentación inaugural da WWDC 2018, conferencia organizada por Apple para desenvolvedores que estenderase até o vindeiro venres, chegou con moita expectación por parte dos seareiros da compañía da mazá, tras moitos meses con poucas novidades e adiamentos de produtos (por exemplo, o AirPower presentado en setembro de 2017 aínda non chegou ao mercado, e seguimos sen data de renovación do Mac Pro, produto actualizado en 2013), finalmente a keynote foi unha decepción, por limitarse a dar conta de pequenas actualizacións de software e a ningún grande anuncio de hardware.

iOS 12

A estrela da presentación foi sen dúbida a nova versión do sistema operativo móbil de Apple, iOS 12, que estrea versión preliminar, para chegar ao público xeral en setembro, e que céntrase principalmente en mellorar o seu rendemento despois das moitas críticas recibidas por iOS 11, de xeito que os usuarios percibirán como as aplicacións abren máis rápido, e será compatible con móbiles a partires do iPhone 5s.
iOS 12 continúa a avanzar no aproveitamento de aplicacións de realidade aumentada, polo que incorporará ARKit 2, que contará con novas prestacións e tamén adoptará un formato de código aberto (Usdz) deseñado en colaboración con Pixar.

Os Animoji tamén dan un salto, e estrean unha variedade chamada Memoji, que consistirán en personaxes personalizables, que lembran aos AR Emoji de Samsung, e que buscan animar os chats.
A aplicación de FaceTime tamén ponse ao día, e estrea conversas de vídeo ou audio en grupo de até 32 persoas á vez, o que semella unha funcionalidade imprescindible xa que Instagram e WhatsApp van incorporar unha función semellante en breve.
Siri incorpora atallos, un novo método para axilizar tarefas de todos os días mediante ordes de voz, aínda que as aplicacións precisarán de adaptacións para poder tirar proveito desta funcionalidade (de xeito que tardaremos bastante en que resulte de utilidade).
Unha das novidades máis curiosas é a incorporación de Screen Time, ferramenta que permite ver de xeito detallado o tempo que se emprega usando aplicacións e páxina web, con informes de actividade diarios e semanais por aplicacións individuais, categorías de aplicacións, volume de notificacións recibidas... o que pode combinarse con medidas de control parental para, por exemplo, limitar as horas de uso do dispositivo (por exemplo, para impedir que o empreguen á hora de durmir).
Apple tamén atendeu unha reivindicación histórica: a partires de iOS 12 CarPlay ábrese a aplicacións de navegación de terceiros, ou sexa, que en automóbiles compatibles será posible empregar Waze ou Google Maps.

watchOS 5

Os Apple Watch tamén reciben novidades, mellorando nas súas funcións orientadas a levar hábitos de vida saudables, e incorporando outras novidades interesantes. Así será posible compartir a actividade para competir cos amigos, detectará automaticamente cando esteamos a adestrar, mellora as súas prestacións para o running, recupera a función de Walkie-Talkie (anunciada para o primeiro Apple Watch, pero que finalmente non veu a luz), estrea aplicación de Podcasts de Apple, mellora o uso de Siri e abre as notificacións aos desenvolvedores para que as aplicacións poidan ter controis interactivos sen ter que abrilas.

tvOS 12

O Apple TV 4K tamén recibirá novidades, aínda que bastante tímidas, xa que con tvOS 12 incorporan compatibilidade co son Dolby Atmos. Tamén renovan os protectores de pantalla aéreos. iOS 12 tamén facilitará a identificación en aplicacións do Apple TV dende o iPhone ou iPad, o que resultará bastante cómodo.

macOS Mojave

Finalmente o sistema de escritorio de Apple tamén renóvase, actualizando profundamente a súa tenda de aplicacións (a través da que Microsoft comercializará tamén o seu Office 365, mentres que Adobe tamén a usará para distribuír as súas aplicacións), incorporando novas aplicacións (Bolsa, Notas de Voz e Casa) e ofrecendo un modo escuro. A aplicación de FaceTime tamén ábrese ás conversas de grupo.