El Correo Gallego

Tecnoloxía

Apple aposta polas cámaras nos novos iPhone 11

Os iPhone 11, 11 Pro e 11 Pro Max melloran fronte a anteriores móbiles de Apple en rendemento, autonomía e cámaras.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 10.09.2019 
A- A+

O máis agardado do evento de Apple de hoxe era a presentación do iPhone 11, smartphone chamado a coller o relevo do iPhone Xr, que introduce un potente sistema de cámara dual e un procesador A13 Bionic, que non só promete un grande desempeño, senón tamén unha boa autonomía (aguantando até 1 hora máis que o iPhone Xr). Chegará ao mercado o 20 de setembro en seis cores e cun prezo que parte dos 809 euros (con 64 GB de capacidade).
Estamos ante un smartphone con pantalla de 6,1 polgadas (cunha resolución de 326 puntos por polgada), resistencia IP68, Face ID mellorado (un 30% máis rápido e con maiores ángulos e distancias de funcionamento), son espacial e, principalmente, un novo sistema de cámara traseira dual que combina un sensor grande angular de 12 Mpíxeles con outro ultra grande angular tamén de 12 Mpíxeles, buscando así conseguir mellores fotografías de grupo e de paisaxes. A nivel de software integra o agardado modo Noite (moi frecuente nos móbiles Android de alta gama e, especialmente, nos Google Pixel), melloras no modo Retrato (que agora tamén pode aplicarse a mascotas e incluso permite controlar a iluminación para tomar elegantes fotografías en branco e negro nas que se elimina o fondo) e un HDR Intelixente de última xeración (que consegue detectar a persoas para tratalas de distinto xeito que o resto de detalles dunha imaxe).
A nivel de vídeo podemos salientar que agora a cámara frontal permite gravar vídeo a cámara lenta (120 imaxes por segundo) e que as cámaras traseiras poden filmar en 4K a 60 imaxes por segundo, contando tamén con zoom de audio.
Chegará ao mercado o 20 de setembro a prezos de 809, 859 e 979 euros con capacidades de almacenamento de 64, 128 e 256 GB respectivamente.

Novos iPhone 11 Pro e Pro Max

Pero os iPhone Xs e Xs Max tamén teñen sucesores, que desta volta responden ao nome de iPhone 11 Pro e iPhone 11 Pro Max, e aínda que as súas pantallas Super Retina XDR de 5,8 e 6,5 polgadas son elementos claramente diferenciadores, o grande argumento de compra destes smartphones é a súa cámara traseira tripla, que mellora ás do iPhone 11 por incorporar tamén un teleobxectivo de 12 Mpíxeles.
Ao igual que acontecía coa anterior xeración, os novos modelos de iPhone de alta gama optan por pantallas OLED de grande calidade (fronte a tecnoloxía IPS do modelo económico), cunha resolución de 458 píxeles por polgada e HDR, de xeito que temos unha imaxes moito máis vivas e realistas. O material da carcasa tamén pasa do aluminio ao aceiro inoxidable. No que respecta á xeración anterior tamén teriamos un incremento de autonomía de até 4 horas para o iPhone 11 Pro e de até 5 horas de autonomía para o iPhone 11 Pro Max, corrixindo así o feito de que o modelo económico tivese maior autonomía que os modelos máis caros (agora cunha carga o iPhone 11 Pro Max pode reproducir até 20 horas de vídeo mentres que o iPhone 11 quedaría en 17 horas). Estas melloras na autonomía son consecuencia principalmente dunha maior optimización do seu procesador, que consume menos pese a ter un rendemento até un 20% superior ao procesador dos anteriores iPhone.
A nivel de cámara os iPhone Pro e iPhone Pro Max presumen de conseguir o vídeo de maior calidade acadado nunca nun smartphone, permitindo que os usuarios poidan saltar sen problema entre calquera das súas cámaras e empregar ferramentas de edición de vídeo que permiten realizar grandes vídeos directamente no móbil, con imaxes en 4K, con rango dinámico estendido e estabilización de vídeo cinemática.
No que se refire ao teleobxectivo, é unha boa contribución para o modo Retrato (que permite elixir entre o teleobxectivo e o grande angular) e cunha apertura f/2.0 captura un 40% máis de luz que o iPhone Xs.
Estes novos smartphones chegan ao mercado o 20 de setembro, custando o iPhone 11 Pro 1.159, 1.1329 e 1.559 euros en capacidades de 64, 256 e 512 GB, e o iPhone 11 Pro Max cen euros máis cadansúa capacidade.