Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Apple presenta os novos iPhone con prezos que chegan até os 1.659 euros

Os iPhone Xs e Xs Max serán os novos modelos de alta gama da compañía, mentres que o iPhone Xr sacrifica calidade de pantalla e cámara para conseguir un prezo máis axustado e unha maior autonomía

O prato forte do evento de Apple desta tarde estaba moi claro, a presentación dos novos iPhone que sucederían ao iPhone X, e non decepcionaron, confirmándose os rumores dos últimos meses, ou sexa, que o iPhone Xs chegará cunha pantalla OLED 5.8 polgadas no seu modelo normal e con pantalla OLED de 6,5 polgadas no seu modelo Max.
Os novos iPhone Xs e Xs Max están equipados cun potente procesador A12 Bionic, que presume de ser o primeiro procesador de smartphone fabricando en tecnoloxía de 7 nanómetros e que posibilita un Face ID máis rápido, cámaras máis intelixentes e outras posibilidades que veñen acompañadas cun son estéreo máis amplo e unha novidade especialmente importante: a integración dunha tarxeta eSIM á vez que ten unha bandexa para unha tarxeta SIM tradicional, ou sexa, que pode comportarse como un smartphone con dobre SIM se o noso operador de telefonía soporta eSIM, estando confirmado que Vodafone será unha destas compañías (á que irán incorporándose outras nos vindeiros meses).
A capacidade de almacenamento tamén deu un importante salto, e os iPhone Xs e Xs Max poderán mercarse con capacidades de almacenamento de 64, 256 e 512 GB.
Pola súa banda, as cámaras mantéñense na súa lña, desbotando os rumores que apuntaban a unha cámara traseira tripla. Agora a cámara traseira dual de 12 Mpíxeles mellora especialmente grazas ao Neural Engine, mesturando distintas imaxes para conseguir imaxes con grande rango dinámico e con espectaculares efectos de desenfoque selectivo que por fin poden axustarse a posteriori no modo retrato.
Tamén melloraron de xeito considerable a tecnoloxía de Face ID (cada vez máis precisa e segura) e a conectividade móbil (incorporando agora Gigabit LTE).
Estes novos móbiles poderanse reservar a partires do 14 de setembro, chegando a España xa o 21 de setembro, ou sexa, que desta volta a primeira vaga de lanzamentos chega a máis de 30 países á vez, evitando así os incómodos lanzamentos progresivos de anos anteriores.
O iPhone Xs poderase mercar en cor prata, gris espacial e ouro, e capacidades de 64, 256 e 512 GB a 1.159, 1.329 e 1.559 euros respectivamente; mentres que o iPhone Xs Max tería uns prezos respectivos de 1.259, 1.429 e 1.659 euros respectivamente, superando por moito o prezo do iPhone X de 256 GB, que custaba 1.329 euros no seu lanzamento.
Un iPhone económico
Precisamente os elevados prezos dos iPhone Xs son un atranco para que Apple poida manter a súa presenza no mercado, de aí que esta tarde tamén presentasen o iPhone Xr, un modelo con pantalla LCD de 6,1 polgadas, que pese a asegurar dende Apple que é «a pantalla LCD máis avanzada nun smartphone» ten unha resolución de 1.729 x 828 píxeles, ou sexa, 326 puntos por polgada, o que queda bastante lonxe dos 458 puntos por polgada dos iPhone Xs (e a unha distancia abismal dos 570 puntos por polgada de, por exemplo, un Samsung Galaxy S9) e máis preto dos 295 puntos por polgada de móbiles de baixo custo como o Redmi 6A de Xiaomi.
Outro elemento no que este móbil realiza concesións é a cámara, de xeito que colle a cámara traseira principal do iPhone Xs, pero esquece a segunda cámara traseira (a de telefoto), de aí que esteamos ante un smartphone chamado a coller o relevo dos últimos iPhone con pantalla de 4,7 polgadas (que tampouco contaban con cámara dual).
Onde si dá o talle é en potencial, xa que o iPhone Xr funciona cun procesador A12 Bionic de 7 nanómetros, de xeito que é un trebello á última, que presume de ter unha autonomía até 1,5 horas maior que a dun iPhone 8 Plus, polo que poderiamos estar ante o iPhone de maior autonomía por unha ampla diferenza.
O iPhone Xr poderá reservarse a partires do 19 de outubro, chegando ás tendas o 26 de outubro en 6 cores distintas (branco, negro, azul, amarillo, coral e (PRODUCT)RED) e con capacidades de 64, 128 e 256 GB a prezos de 859, 919 e 1.029 euros respectivamente, o que fai repensar moito o adxectivo de barato que queren pórlle algúns. Parece razoable pensar que estamos simplemente ante un móbil que busca ocupar o lugar do iPhone 8, ao que incorpora elementos de deseño do iPhone X, conseguindo así un equilibrio que agradecerán os que non sexan moi esixentes nos aspectos de cámara e pantalla.

13 sep 2018 / 03:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito