Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Apple reduce o prezo do cambio de baterías dos vellos iPhone

Como medida para paliar o feito de que as últimas versións de iOS reducían a velocidade dos móbiles con baterías desgastadas sen informar ao usuario, Apple rebaixará temporalmente o prezo da substitución de baterías dos iPhone 6 en adiante.

A crise de reputación de Apple por mor da polémica suscitada pola súa escura práctica de reducir a velocidade dos iPhone vellos por mor do estado da súa batería sen advertir aos consumidores, alimentando así as teorías da conspiración da obsolescencia programada para levar aos usuarios a cambiar periodicamente os seus terminais parece que quere atallarse antes de que se consoliden cas numerosas demandas colectivas que están iniciando nos EE.UU., pois nun comunicado publicado hoxe mesmo por Apple a compañía descúlpase polo sucedido e anuncia medidas para reparar o seu mal proceder.
Para comezar anuncian que a partires de finais de xaneiro e até finais de 2018 os usuarios con móbiles a partires do iPhone 6 que presenten problemas coa súa batería terán un prezo de substitución moi inferior ao habitual (pasa de 79 a 29 dólares, descoñecéndose polo momento o prezo en España, que actualmente é de 89 euros), proceso sobre o que darán detalles en breve. Adicionalmente actualizarán iOS para os usuarios poidan ver de xeito doado o estado de saúde da batería do seu iPhone, para que así poidan comprobar por si mesmos o seu deterioro polo uso.
Dende Apple confirman que con iOS 10.2.1 introduciron a funcionalidade que reduce a velocidade en móbiles iPhone 6, 6 Plus, 6s, 6s Plus e SE ao detectar que a súa batería está degradada, para así solucionar os problemas de apagados bruscos que estaban a detectar, e en vista de que tal solución resultaba efectiva, en iOS 11.2 ampliaron a medida aos iPhone 7 e 7 Plus (preparándose así para cando eses teléfonos vaian vellos).
Tamén recoñecen que durante o outono recibiron numerosas queixas dos usuarios que vían como baixo certas condicións os seus teléfonos ían extraordinariamente lentos, pero dende Apple pensaron que só eran consecuencia da acumulación de pequenos fallos nas últimas versións de iOS que foron corrixindo paulatinamente, pero finalmente tiveron que recoñecer que os problemas os causaran eles ao mudar o comportamento do sistema operativo ante o envellecemento das baterías dos móbiles.

29 dic 2017 / 02:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito