El Correo Gallego

Tecnoloxía

Bose anuncia unhas lentes con realidade aumentada sonora

As lentes de sol integrarían son e poderían empregarse, por exemplo, a xeito de guía turístico, reproducindo son en función de onde esteamos e de cara a onde esteamos a mirar.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.12.2018 
A- A+

Cunha aparencia de lentes de sol as Bose Frames queren converterse nun produto revolucionario ao combinar unhas lentes de sol de calidade cun dispositivo de audio persoal sen fíos que pretende converterse na primeira plataforma do mundo de realidade aumentada sonora.
Temos así que estas lentes de Bose non se limitan a permitir empregar o noso asistente persoal no móbil, a escoitar música ou a realizar chamadas telefónicas, senón que a través de aplicacións de realidade aumentada podería innovar no sector dos wearables, xa que valéndose da posición GPS do usuario e os sensores de posición, poden saber o que ten diante o usuario e automaticamente reproducir unha capa de son asociada, o que podería ter grande utilidade para viaxes, educación, lecer, xogos...

As Bose Frames sairán á venda en xaneiro a un prezo de 199,95 dólares, estando xa aberta a súa reserva. As lentes, de só 45 gramos de peso, ofrécense en dous deseños diferentes (o estilo Alto, cadrado e angular, ou o estilo Rondo, máis redondeado e compacto) e os altofalantes integrados en cada patilla prometen unha grande calidade sonora, á vez que manteñen o son restrinxido ao propio usuario. Poden controlarse mediante o tacto ou a voz, sendo compatibles con Siri e o Asistente de Google.
A batería destas orixinais lentes achegan unha autonomía de até 3,5 horas de reprodución e 12 horas en espera, podendo recargarse en menos de dúas horas.