El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os Cazapantasmas estrean un xogo móbil inspirado en Pokémon GO

O novo xogo tira proveito do posicionamento GPS e da realidade aumentada para que a caza de pantasmas estea ambientada no noso contorno

MARCUS FERNÁNDEZ  | 22.10.2018 
A- A+

Claramente inspirado en Pokémon GO chega a dispositivos móbiles o xogo Los Cazafantasmas – Ghostbusters World, que podemos descargar de balde para Android ou para iOS, e que permítenos vivir a experiencia de ser un novo membro do equipo dos Cazapantasmas máis cinematográficos na procura de espectros que neutralizar e capturar.
Este novo título ten mecánicas claramente tomadas de Pokémon GO, como o feito de que as pantasmas que capturamos están distribuídas nun mapa sacado do mundo real e no que podemos movernos desprazándonos polo mesmo (grazas ao GPS do móbil). No momento no que nos enfrontamos ás distintas criaturas tamén podemos aproveitar a cámara do móbil para usar a realidade aumentada e así ambientar os combates no noso contorno.
Pero o elemento que si pode sorprender un chisco é o aproveitamento das criaturas capturadas para montar equipos que participen en combates con outros seres doutras dimensións, ou sexa, que teremos unha inmensa colección de pantasmas que facer progresar para así poder defender o mundo de ameazas espectrais.
No que si destaca este novo xogo con respecto ao de Pokémon é na narrativa, xa que inclúe unha historia orixinal, de xeito que iremos introducíndonos pouco a pouco nas mecánicas e no contorno, á vez que réndese homenaxe á franquía na que está baseada este título, tanto pola participación dos personaxes principais, como por moitos dos seus inimigos clásicos, que farán acto de presenza nalgún momento para pór as cousas difíciles.
En Ghostbusters World haberá que fornecerse de moito equipamento, que vai dende os raios de protóns até as trampas para capturar pantasmas, polo que os recursos son un factor crucial que facilita que esteamos ante un xogo free-to-play, de xeito que, aínda que poidamos gozar do mesmo de balde, é posible adquirir paquetes de subida de nivel con cartos reais, poñendo así as cousas máis doadas ao usuario.