El Correo Gallego

Tecnoloxía

Chegan a España os novos equipos da familia Surface

O Surface Studio 2 é o primeiro todo-en-un da serie Surface en chegar oficialmente ao noso territorio

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.02.2019 
A- A+

Na tenda en liña de Microsoft para España por fin poden adquirirse 3 novos produtos de xeito que xa podemos consideralos oficialmente dispoñibles no noso territorio. Trátase concretamente das novas xeracións dos equipos Surface Laptop 2 e Surface Pro 6 e a chegada do Surface Studio 2, ordenador todo-en-un para o escritorio, orientado á creatividade, e que na súa primeira xeración non chegou a comercializarse en España.
Estes novos equipos anunciáranse hai 4 meses, destacando o Surface Pro 6 e o Surface Laptop 2 basicamente pola integración de procesadores Intel de 8ª xeración, o que supón melloras de velocidade, mentres que o Surface Studio 2 mellora o rendemento un 50%, o brillo da súa pantalla un 38% e o seu contraste un 22%, de xeito que temos un equipo máis sólido para os creativos que opten por este tipo de ordenador que permite abater a súa pantalla para convertese nunha mesa de debuxo, polo que sería unha sorte de convertible que, en vez de ter formato portátil, temos no noso escritorio (contando así cun lenzo de traballo de grande tamaño (28 polgadas).
No que aos prezos destes novos equipos se refire, o Surface Laptop 2 chega a un prezo que parte dos 1.149 euros para o seu modelo cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de SSD, podendo chegar até os 2.849 euros se o equipamos cun procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 1 TB de SSD; o Surface Pro 6 parte dun prezo de 1.049 euros; e, pola súa banda, o Surface Studio 2 chegará en 3 configuracións, todas cun procesador Intel Core i7: o modelo básico, con 16 GB de RAM e 1 TB de SSD custa 4.149 euros; o modelo intermedio, con 32 GB de RAM chega aos 4.999 euros; e, finalmente, o modelo con 32 GB de RAM e 2 TB de SSD custa 5.499 euros. Deixan así claro que estamos ante equipos orientados a un público profesional, que en moitas ocasións realizan este investimento como alternativa á compra dun ordenador de escritorio e unha tableta gráfica adicional, que nalgúns casos podería ter prezos superiores.