El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Comeza o F8 anunciando numerosas novidades para os produtos de Facebook

Instagram, Facebook, WhatsApp e Messenger amosan algunhas das súas novidades que estarán dispoñibles nos vindeiros meses

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.05.2018 
A- A+

O encontro de desenvolvedores de Facebook, o F8, comezou onte en San José, onde o propio Mark Zuckerberg fixo numerosos anuncios de novidades para os seus produtos e servizos, aínda que foi preciso que comezase a súa intervención reiterando as súas desculpas polo desleixo na seguridade da súa plataforma e prometendo ser máis coidadosos cos datos dos usuarios no futuro.

Nesta liña temos precisamente que unha das grandes novidades que ofrecerá Facebook será a posibilidade de borrar o noso historial. Esta funcionalidade permitiranos ver as páxinas web e aplicacións que remiten información a Facebook, permitindo o seu borrado e podendo rexeitar o seu almacenamento asociado á nosa conta de usuario.

Como contraste, estenden o uso das relacións interpersoais a un novo eido, de xeito que Facebook entrará no mercado das aplicacións de citas, aínda que destacando que tratarase de funcións para fomentar o establecemento de novas relacións serias e non relacións esporádicas. Esta novidade buscará perfís afíns en funcións das preferencias que indiquemos e tamén facilitará o descubrimento doutras persoas a través de grupos e eventos comúns. Esta actividade estará deparada do uso normal de Facebook (ou sexa, que a actividade non se compartirá cos amigos).

Continuando na liña dos cambios das principais aplicacións móbiles de Facebook, poténcianse unha ver máis as historias, e desta volta facilitarase que as aplicacións poidan compartir a nosa actividade nas mesmas a través deste formato de moda, o que tradúcese inicialmente en que, cando esteamos a escoitar unha canción en Spotify, poderemos premer a opción de compartir para amosala aos nosos seareiros a través de historias de Facebook e Instagram.

Outras novidades que terá Instagram será o uso de efectos de realidade aumentada na súa cámara (que poderán ser deseñados por terceiros), mellorarase a opción de explorar e, como grande novidade, será posible realizar conversas en vídeo a través de Instagram Direct, tanto cunha única persoa como en grupo. Estas conversas grupais en vídeo tamén chegarán nos vindeiros meses a WhatsApp, aplicación móbil que está a ultimar a incorporación de adhesivos.

E no que ao Messenger se refire, temos que a súa cámara integrará elementos de realidade aumentada (de xeito que as marcas poderán permitirnos integrar os seus produtos virtualmente no noso contorno) e o Marketplace poderá gozar de tradución automática (inicialmente entre o inglés e o español).