El Correo Gallego

Tecnoloxía

DJI presenta unha cámara con estabilizador de tamaño reducido

A nova cámara DJI Osmo é sumamente compacta, facendo que poidamos gozar dunha cámara con gimbal no noso día a día

MARCUS FERNÁNDEZ  | 29.11.2018 
A- A+

O fabricante de drons DJI aproveitou a tecnoloxía desenvolvida para estabilizar as cámaras dos seus dispositivos voadores para facilitar a realización de gravacións de certa calidade coas cámaras con gimbal integrado DJI Osmo, que nestes tres anos contaron con 2 versións da cámara con estabilizador e outras dúas versións do modelo que, en vez de integrar cámara, permite empregar a estabilización coa cámara dun smartphone.
As dúas primeiras cámaras (a DJI Osmo e DJI Osmo+) levaban un tempo fóra do mercado, dando a entender que chegaría unha versión renovada en breve, e finalmente temos a DJI Osmo Pocket, revisión deste tipo de cámaras que destaca por reducir enormemente o seu tamaño para poder transportarse no peto, facéndoa moito máis transportable e facilitando así o seu uso no noso día a día e non só en exclusións e outro tipo de actividades programadas.
Estamos ante unha cámara que integra o estabilizador portátil mecánico en tres eixes máis pequeno de DJI, que axústase aos movementos do usuario en tempo real para facer que os vídeos caseiros teñan un resultado moi profesional. A cámara do Osmo Pocket incoprora un sensor de 1/2.3”, cun campo de visión de 80 graos e apertura f/2.0 que pode capturar fotografías de 12 Mpíxeles (incluso en formato RAW) e vídeo 4K a 60 imaxes por segundo. A súa batería ten unha autonomía de até 140 minutos, mide 121,9 x 36,9 x 28,6 milímetros e pesa 116 gramos, polo que o seu transporte e o seu uso cunha soa man resultan cómodos, contando tamén con funcións intelixentes como ActiveTrack, Motionlapse e Panorámica, conseguindo así desatar a creatividade do usuario, para o que tamén contribúe a aplicación DJI Mimo, que consegue dar aos vídeos un toque bastante profesional.
Este atractivo produto pode mercarse a un prezo de 359 euros aínda que non chegará a mans dos consumidores até dentro de 2-3 semanas.
Estamos ante un produto que pode resultar práctico para usuarios que queiran poder gravar vídeo nunha grande variedade de situacións, podendo converterse tamén nunha grande alternativa a moitas cámaras de acción, con seguindo uns resultados de grande calidade a través do aproveitamento da estabilización mecánica de vídeo.