El Correo Gallego

Tecnoloxía

DxOMark comeza a analizar as cámaras frontais dos móbiles

O Samsung Galaxy Note9 e o Google Pixel 3 son os smartphones para selfies do mercado segundo as probas realizadas por DxOMark

MARCUS FERNÁNDEZ  | 22.01.2019 
A- A+

Nos últimos anos ao lanzamento de novos smartphones de alta gama séguelles certa discusión sobre a calidade das súas cámaras, ao que contribúe considerablemente a xente de DxOMark, que ousa facer análises das cámaras chegando incluso a pór unha puntuación numérica que os fabricantes empregan habitualmente de xeito promocional.
Temos así que actualmente o Huawei P20 Pro é o smartphone con mellor cámara do mercado, posto que mantén dende hai preto dun ano, pero que para certos usuarios sería máis que discutible, xa que o terminal telefónico non brilla do mesmo xeito en todos os apartados e, por exemplo, a súa cámara frontal non é especialmente destacable. Conscientes de que moitos usuarios dan unha especial importancia aos selfies, dende DxOMark decidiron lanzar un protocolo do probas chamado DxOMark Selfie para cámaras frontais, semellante ás probas ás que someten ás cámaras traseiras, buscando así que os usuarios teñan unha mellor información sobre as cámaras dos smartphones antes da súa compra.
Aínda que as probas realizadas para as cámaras frontais sexan semellantes ás que someten ás cámaras traseiras, tiveron que incorporar importantes modificacións para adaptarse aos distintos xeitos nos que se usan as diferentes cámaras. No caso da cámara frontal resulta máis importante analizar detalles como os tons de pel, os disparos a pouca distancia, as fotografías grupais e as imaxes tomadas coa axuda dun pau de selfie, así como o desenfoque de fondo e o alto rango dinámico.
O interesante agora é comprobar como no ranking de cámaras de móbiles de DxOMark non hai unha correlación directa entre a anterior puntuación e a das cámaras frontais, de xeito que os móbiles de Huawei quedan en mal lugar (o Mate 20 Pro consegue 75 puntos e o P20 Pro 72, aínda que superan os 71 puntos do iPhone X), mentres que o Samsung Galaxy Note9 e o Google Pixel 3 conseguen uns meritorios 92 puntos, bastante por diante dos 84 puntos o Mi MIX 3, os 82 puntos do iPhone Xs Max.