El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Facebook presenta un par de dispositivos para facer videoconferencias

O Portal e o Portal+ destacan por facer un seguimento dos usuarios pola habitación durante as chamadas de vídeo. Tamén integran Alexa como asistente de voz.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 08.10.2018 
A- A+

Nalgúns mercados as chamadas de voz e vídeo a través de Facebook son moi populares, pero a compañía de Mark Zuckerberg quere que este servizo se introduza aínda máis na vida dos seus usuarios e presentou hoxe un par de dispositivos para a realización de videoconferentecias: o Portal e o Portal+.
Falamos dunha especie de tabletas que integran unha cámara controlada por tecnoloxía de intelixencia artificial que buscan que as videoconferencias sexan como compartir habitación con nosos interlocutores, xa que están orientadas a un uso en mans libres. Para conseguir un funcionamento natural a Smart Camera procura seguir a acción que aconteza diante da mesma ou procurar captar na imaxe ás persoas que estean diante, para o que amplía e afasta a imaxe, así como corrixe o plano para encadrar ás persoas que estean a participar na conversa. Tamén integra Smart Sound para reducir o ruído de fondo e mellorar a recepción da voz das persoas incluso estando en movemento pola habitación, ou sexa, que que a cámara fai un seguimento tanto da imaxe coma do son.

Estes dispositivos poden empregarse para comunicarse con calquera usuarios de Facebook e Messenger, poden controlarse por voz contando tamén con Alexa como asistente e, entendendo a desconfianza que pode ter o usuario ante a posibilidade de que a cámara e o micrófono poidan empregarse para espialo, de aí que permitan a súa desactivación con só premer un botón (e incluso a cámara inclúe unha tapa para tranquilizar aos máis desconfiados).
Facebook segura que as conversas realizadas a través destes dispositivos están cifradas de extremo a extremo (ou sexa, que eles non ven o que acontece nas comunicacións), a tecnoloxía de Smart Camera e Smart Sound corre no dispositivo e non nos servidores de Facebook, e as ordes de voz realizadas poderán borrarse do historial de Facebook en calquera momento.
A diferenza entre ambos dispositivos de Facebook é practicamente o seu tamaño de pantalla, de xeito que o Portal ten unha pantalla de 10 polgadas cunhas resolución de 1.280 x 800 píxeles, mentres que o Portal+ medra até as 15 polgadas, a súa resolución é de 1.920 x 1.080 píxeles e o seu deseño permite pivotar a pantalla. Polo momento só sairá á venda nos EE.UU. por 199 dólares no modelo normal e de 349 dólares para o modelo grande, estimándose que os envíos destes produtos se realicen o vindeiro 12 de novembro.