El Correo Gallego

Tecnoloxía

Facebook presenta unha plataforma de pagamentos de seu

Facebook Pay permitirá realizar pagamentos dentro de Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.11.2019 
A- A+

Hoxe presentouse nos EE.UU. o novo servizo de pagamentos Facebook Pay, que promete unha experiencia segura e consistente a través de Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp, de xeito que poderá empregarse para realizar doazóns, mercar produtos e enviar cartos a outros usuarios mantendo a información de pagamento segura e protexida durante as operacións.
Os usuarios en EE.UU. poden agora entrar na configuración de Facebook ou Messenger para configurar o método de pagamento que terán en Facebook Pay, que máis adiante integrarase tamén en Instagram e WhatsApp, e permitirá non só pagar con tarxetas bancarias, senón tamén con PayPal, deixando caer que esta infraestrutura é totlamente independente dos moedeiros de Calibra, que correrían na rede da moeda dixital Libra (que promete facerse realidade en 2020).
Os usuarios poderán protexer o uso de Facebook Pay mediante PIN ou identificación biométrica (pegada dixital ou recoñecemento facial), conseguindo así unha maior seguridade nas operacións con esta plataforma de pagamento que non semella que inicialmente vaia ser na que máis confianza depositen os consumidores, pero que podería ter un grande potencial se atendemos a emerxencia de tendas dentro de Facebook e Instagram, ou incluso os catálogos de produtos dentro de WhatsApp, polo que tardaremos bastantes meses en ver se estamos ante un servizo anecdótico ou nun sistema de pagamentos que rivalice con Apple Pay ou PayPal.