Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Tecnoloxía

Facebook recolle en Galicia historias inspiradoras

A través da iniciativa Facebook Estación Central informan sobre as ferramentas de Facebook e do potencial da plataforma en liña para potenciar iniciativas sociais moi diversas.

03.05.2019 
A- A+

Esta mañá abriron as súas portas no centro comercial Marineda City na Coruña as instalacións de Facebook Estación Central Galicia, iniciativa que forma parte dun proxecto de Facebook que busca achegar a plataforma social ás persoas para que coñezan de primeira man algunhas das súas ferramentas e, paralelamente, escoitar historias inspiradoras e emotivas que tivesen lugar en Galicia e nas que Facebook xogasen un rol para dar voz a persoas, xerar conexións humanas ou contribuír ás súas causas. Cunha selección destas historias realizarase unha peza audiovisual que conta coa colaboración do actor galego Tamar Novas.
Entre as historias emotivas recollidas en Galicia a través dun chamamento a través de Facebook, están confirmadas as do grupo do Galeón de Ribadeo, a da Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA) e tamén La Pescadería de mi Barrio, confiando en que nos vindeiros días atopen algunha historia máis entre os visitantes na Coruña.

Nas instalacións efémeras de Facebook Estación Central Galicia na praza Emilia Pardo Bazán don andar baixo de Marineda City os visitantes poderán descubrir as ferramentas e controis de Facebook, comezando polas posibilidades das historias, para o que terán dispoñible unha especie de photocall no que xogar con máscaras e efectos, animando así a crear fotografías e vídeos informais que de publicarse en liña só permanecerán visibles durante 24 horas, o que é a clave do seu éxito.
Nun dos puntos de información deste enclave tamén facilitaranse as chaves para un correcto control da privacidade, de xeito que os usuarios entenderán como tomar o control sobre con quen comparten a súa información e os seus contidos.

Un dos elementos nos que tamén están a insistir ultimamente en Facebook é nos grupos, e precisamente por iso en Facebook Estación Central queren salientar a facilidade coa que as persoas poden crear comunidades en torno aos seus intereses, obxectivos ou problemas comúns, así como atopar grupos que xa estean creados.
Para completar a experiencia está a disposición dos visitantes un casco Oculus Go, que é un bo xeito de introducirse nas experiencias de realidade virtual.
Os coñecementos recollidos nesta instalación física tamén están resumidos nun folleto en papel para que os visitantes poidan levar ao seu fogar e así repasar o aprendido de xeito privado e individual, resultando tamén este folleto de certo interese porque, ao despregarse completamente, inclúe unha das súas caras un mapa de Galicia no que se indican 21 das festas máis salientables da nosa comunidade.
Facebook Estación Central Galicia estará aberto ao público durante a xornada de hoxe até ás 22:00 horas e durante a xornada do sábado de 10:00 a 22:00 horas.