El Correo Gallego

Tecnoloxía

Por fin preséntase o segundo Pocophone

O Poco F1 por fin ten sucesor, o Poco X2, un smartphone que aspira a ser líder da gama media dos móbiles 4G, para o que terá que competir duramente con Realme.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.02.2020 
A- A+

Cando no verán de 2018 Xiaomi estreou a marca Poco co seu Poco F1 converteuse en todo un revulsivo para o sector, ao ofrecer un smartphone con prestacións propias dun gama alta, pero cun prezo máis propio dunha gama media, forzando a competencia ao máximo, de aí que houbese moita expectación ante o posible Poco F2, que finalmente veu a luz na India como Poco X2, converténdose para moitos nunha grande decepción ao ser basicamente unha variante do Redmi K30 presentado en decembro (chegando incluso a uns prezos moi semellantes).
Temos así que o anuncio da segregación da marca Poco de Xiaomi atende máis a unha estratexia comercial da compañía chinesa (probablemente de cara ao mercado da India) que a unha diversificación do seu catálogo, e como constatación diso temos que desta volta están a comparar o novo smartphone co Realme X2, ou sexa, que a gama económica de Xiaomi compite claramente coa gama económica de Oppo, nunha loita bastante dura na que as especificacións e os prezos están demasiado igualados.

O Poco X2 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 730G con tecnoloxía LiquidCool, 6/8 GB de RAM LPDDR4X e 64/128/256 GB de almacenamento interno UFS 2.1, polo que estamos ante un terminal que responde ás tendencias do mercado (de ofrecer grandes capacidades para tranquilidade dos usuarios). O smartphone ten unha pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal Sony IMX686 de 64 Mpíxeles, a súa cámara frontal dual de 20 Mpíxeles está situada nun orificio en pantalla, o seu lector de pegadas dixitais está situado nun lateral, ten unha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 27 watts, conta con Bluetotoh 5.0, Wi-Fi AC e conector para auriculares.
No que a prezos se refire, o Poco X2 sae á venda por 15999 rupias (204 euros) con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno; custa 16.999 rupias (217 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno; e con 8 GB de RAM e 256 GB chega até as 19.999 rupias (255 euros); polo que poderiamos esperar que a versión máis completa do Poco X2 chegase a España a un prezo de 299 euros, conseguindo así facer fronte ao Realme X2.