El Correo Gallego

Tecnoloxía

Fujifilm presenta unha nova cámara compacta para viaxeiros

A Fujifilm XF10 ten un sensor APS-C de 24 Mpíxeles e un obxectivo con distancia focal fixa

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.07.2018 
A- A+

Aínda que os smartphones practicamente borraron do mercado ás cámaras compactas, existen fabricantes que atrévense con este tipo de produtos, apostando por unha grande calidade de imaxe, o que claramente non é un produto para calquera consumidor, pero si pode resultar moi atractivo para usuarios que queren simplemente unha cámara para disparar fotografías cando van de viaxe sen ter que cargar cunha pesada reflex e, aínda así, conseguir unhas instantáneas dignas e moi superiores ás das cámaras dos móbiles.
Nesta liña temos a nova cámara Fujifilm XF10, cámara compacta que integra un sensor APS-C de 24 Mpíxeles (ou sexa, cun tamaño de sensor 14 veces maior que dun smartphone estándar), ten un obxectivo con focal fixa de 18,5 milímetros con apertura f/2.8, pantalla táctil de 3 polgadas, comunicación sen fíos (para transferir imaxes ou para o seu disparo remoto) e un peso duns 280 gramos, que incluso ten un acabado coidado, e que sería ideal para fotografar paisaxes e persoas (aínda que conta tamén con modo macro).
A cámara incluso ten un conversor dixital para poder conmutar entre distancias focas de 28, 35 e 50 milímetros, facendo doado así adaptarse aos distintos tipos de instantáneas que podemos disparar sen ter que mudar de obxectivo como faríamos cunha cámara sen espello ou unha réflex. Tamén permite alternar entre relacións de aspecto 3:2 (a tradicional nas cámaras fotográficas), 16:9 (propia dos smartphones) ou 1:1 (pensando en plataformas sociais como Instagram).
Aínda que pode xerar vídeo 4K a 15 cadros por segundo, a cámara debería considerarse Full HD, que é a resolución á que pode traballar en progresivo até 59,94 imaxes por segundo.
Está previsto que a cámara saia á venda en cor negra e dourada no mes de agosto a un prezo de 499,95 dólares.