El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Google presenta o seu novo smartphone: o Pixel 3

O Google Pixel 3 chega en dous tamaños, dúas capacidades e tres cores, destacando o software da súa cámara como elemento diferenciador

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.10.2018 
A- A+

O evento de presentación dos novos móbiles de Google foi como era de esperar, e finalmente temos oficialmente os novos Google Pixel 3 e Google Pixel 3 XL, que poden reservarse dende hoxe e que enviaranse dentro de 3-4 semanas aos seus compradores partindo dun prezo de 849 euros (para o modelo con 64 GB de almacenamento). O Google Pixel 3 con 128 GB de capacidade custará 949 euros, mentres que o Google Pixel 3 XL custará 949 e 1.049 euros para as versións con 64 e 128 GB de capacidade respectivamente. Aparte das capacidades, os móbiles tamén venderanse en carcasas de distintas cores (negro, branco e case rosa). Poderá mercarse na tenda en liña de Google ou a través de Orange.
Estes novos smartphones son bastante continuistas con respecto á anterior xeración, de xeito que volven destacar pola calidade da súa cámara traseira, que sen ter que incorporar un obxectivo dual consegue un dos mellores resultados do mercado incluso ao aplicar o desenfoque de fondo.
A cámara do Pixel 3 volve centrar as súas melloras no software, o que supón que continuará a mellorar nos vindeiros meses (como aconteceu co seu predecesor), permitindo que poidamos empregar funcións como Mellor Toma, que emprega a intelixencia artificial para procurar seleccionar o momento no que as persoas que vaiamos retratar teñan os ollos abertos e estean mirando a cámara (á vez que tamén captura alternativamente as fotos en calidade HDR+, de xeito que se a captura non foi perfecta, a cámara suxerirá unha mellor antes de gardala); mellora o zoom da cámara; con pouca iluminación é capaz de capturar imaxes cun aspecto natural (sen ter que utilizar o flash); a nova función Selfie de Grupo ofrece un 184% máis de espazo nas instantáneas para que saian o maior número de amigos posible sen utilizar pau de selfie; no modo Fotomatón podemos capturar fotografías de xeito automático, de xeito que non haberá que premer o disparador, xa que o móbil detectará cando esteamos a sorrir ou teñamos unha expresión divertida para rexistrala; no modo Retrato poderemos non só mudar o desenfoque do fondo, senón tamén elixir os elementos que queremos que estean enfocados e incluso poder destacar un suxeito en cor poñendo o fondo en branco e negro; o modo Playground permitirá disparar fotografías e gravar vídeos inserindo elementos divertidos entre os que destacan personaxes do universo cinematográfico da Marvel; e incluso o vídeo tamén mellora cun Autoenfoque en Movemento realmente áxil, que mantén sempre enfocado un elemento que non pare de moverse e mesmo aplicará estabilización cando gravemos un selfie de vídeo mentres camiñamos.
Como vén a ser habitual na gama Pixel, quen compre un Pixel 3 terá almacenamento de balde e ilimitado de fotografías e vídeo na súa resolución orixinal el Google Photos. Outro servizo incluído será YouTube Music Premium, que será de balde durante 6 meses para compras realizadas antes do remate do ano.
Nos vindeiros meses tamén se activará a función Smart Compose de Gmail en español, que suxerirá frases para axilizar a escritura de correos electrónicos dende o móbil, mentres que o teclado Gboard tamén recomendaría imaxes GIF, adhesivos e outros elementos para facer máis divertidas as conversas.
O Pixel 3 tamén incorpora Benestar Dixital, un conxunto de ferramentas creadas para facer un uso moderado da tecnoloxía, de xeito que nun panel de control poderemos coñecer o tempo que pasamos co teléfono, podendo establecer límites de tempo a aplicacións específicas, así como contar cun modo Descanso que axudará a durmir pola noite, atenuando suavemente a pantalla antes da hora de deitarnos.
Outra novidade moi interesante é que o Pixel 3 inclúe na caixa un cargador rápido de 18 watts, que permite achegará carga 7 horas de uso en só 15 minutos. Amais, os novos móbiles tamén son compatibles con carga por indución co estándar Qi, para o que tamén poñen á venda un interesante Pixel Stand, soporte que custa 79 euros e que durante a carga transforma o smartphone nunha ferramenta de grande utilidade, xa que pasa a comportarse dun xeito semellante a un Google Home, ou sexa, que activa o Asistente de Google para que podamos darlle ordes coa voz. Deste xeito o teléfono pode facer de marco de fotos, de reprodutor musical ou de reloxo espertador, o que consegue dun xeito bastante natural, xa que 15 minutos antes das alarmas iluminará a súa pantalla e irá reproducindo as cores dun amencer.
Aparte do mencionado cargador rápido, o Pixel 3 tamén inclúe uns auriculares USB-C de calidade e un adaptador de USB-C a 3,5 milímetros para suplir a ausencia de jack para auriculares.
Sobre a diferenza entre modelos, o Pixel 3 ten unha pantalla OLED Full HD+ de 5,5 polgadas, mentres que o Pixel 3 XL conta cunha pantalla OLED QHD+ de 6,3 polgadas cunha pronunciada pestana superior, de xeito que a elección entre un ou outro terminal deberá basearse na preferencia do tamaño de pantalla. Ambos modelos veñen equipados cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 4 GB de RAM, cámara traseira de 12,2 Mpíxeles con apertura f/1.8, cámara frontal dual de 8 Mpíxeles (con campos de visión de 107 e 75 graos), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e NFC.