El Correo Gallego

Tecnoloxía

Google presenta os seus novos smartphones

Os Pixel 4 e Pixel 4 XL chegarán este mes ao mercado, mentres que os auriculares sen fíos de Google non estarán dispoñibles até primavera

MARCUS FERNÁNDEZ  | 15.10.2019 
A- A+

Esta tarde Google realizou unha presentación de produtos de elaboración propia, entre os que claramente quería destacar o seu novo smartphone insignia, o Pixel 4, que chegou sen sorpresas, xa que leva meses sendo obxecto de filtracións nas que incluso podía verse o produto en vídeo.
Como era de prever, o Pixel 4 ten unha actualización da súa cámara importante, sendo a primeira vez que un móbil Pixel inclúe cámara traseira dual que, en vez de apostar polo grande angular como os últimos smartphones, tira polo lado do obxectivo telefoto para conseguir uns mellores retratos e poder presumir de tecnoloxía Super Res Zoom que permite grandes fotografías a longa distancia. En rango dinámico o Pixel 4 mellora as opcións de axuste de brillo e nivel de detalle para conseguir o mellor balance nas fotografías máis complexas (como os retratos ao solpor) e tamén conta con Live HDR+ no visor (de xeito que pode verse exactamente como vai verse a fotografía cando se dispara).
O novo móbil presenta Motion Sense, un sensor radar en miniatura que axiliza o desbloqueo facial e permite usar xestos rápidos para facer cousas como controlar a música ou silenciar o móbil sen tocalo.
Amais o móbil tamén chega con 6 GB de RAM, pantalla cun refresco de 90 Hz, Pixel Neural Core (motor de aprendizaxe automático que fai que o sistema mellore o seu rendemento paulatinamente) o chip de seguridade Titan M (para protexer os datos máis sensibles) e a última versión de Android.
Pero tamén hai que salientar certas carencias iniciais, xa que o móbil que presume do novo Asistente de Google terá que agardar até o ano que vén para poder gozar de tal servizo, como tamén acontece coas novas aplicacións que contan con funcións de transcrición de voz a texto, que polo momento só están dispoñible sen inglés e haberá que agardar para que estean dispoñibles en máis idiomas. Temos así un móbil que probablemente sexa bastante mellor dentro duns meses que no momento da súa presentación.
Este teléfono chegará ao mercado o 21 de outubro, podendo xa reservarse. Estará dispoñible en dous tamaños de pantalla, de xeito que o Pixel 4 conta cunha pantalla OLED Full HD+ de 5,7 polgadas (e batería de 2.800 mAh), mentres que o Pixel 4 XL ten unha pantalla OLED QHD+ de 6,3 polgadas (e batería de 3.700 mAh). O Pixel 4 con 64 GB de almacenamento custará 759 euros, mentres que o modelo con 128 GB de almacenamento interno custará 859 euros; pola súa banda o Pixel 4 XL de 64 GB custará 899 euros, mentres que o modelo con 128 GB chega até os 999 euros.
Podemos asegurar que este esquema de prezos está totalmente fóra de mercado, pero Google non pretende competir cos seus socios, de xeito que estes teléfonos van dirixidos principalmente para os que queren a mellor experiencia de Android posible, con actualizacións moi áxiles e cunha das cámaras máis competentes do mercado, e non para os que busquen a mellor relación calidade-prezo.

Google Pixel Buds

Se ben o Pixel 4 vai tardar en recibir o novo Asistente de Google e funcións de transcrición de texto a voz en linguas distintas do inglés, máis frustrante pode resultar o xeito de que o seu complemento máis atractivo, os auriculares sen fíos Google Pixel Buds, non vaian estar dispoñibles até a primavera de 2020, na liña do que aconteceu o seu día cos AirPods de Apple (que adiaron bastante a chegada ao mercado).
Estes novos auriculares prometen unha grande calidade de son (grazas aos seus altofalantes dinámicos de 2 milímetros), chamadas moi nítidas (os sensores detectan se o usuario está a falar para centrarse na voz e reducir o ruído de fondo) e un uso óptimo do Asistente de Google (chega con dicir «Ok, Google» para invocar ao asistente, así como facilitan a tradución en tempo real); tamén son resistentes á auga e á suor; e a súa batería permite até 5 horas de uso, que co seu estoxo de carga pode ampliarse até 24 horas.
O seu prezo nos EE.UU. será de 179 dólares, e para os usuarios interesados en España xa hai unha listaxe de agarda, dando a entender que estamos ante un produto de elevada demanda e fabricación bastante limitada.