El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os Huawei Mate 20 inclúen cámara traseira tripla

Os novos smartphones insignia de Huawei estrea tecnoloxía de fabricación de procesadores de 70 nm e destacan polo grande tamaño das súas pantallas

MARCUS FERNÁNDEZ  | 17.10.2018 
A- A+

Tras situarse á cabeza do mercado no apartado das cámaras co Huawei P20 Pro, o fabricante chinés tiña pendente anunciar os seus móbiles insignia de grande tamaño, como fai habitualmente na segunda metade do ano, e finalmente presentou a súa familia Mate 20, composta por 4 smartphones con 3 tamaños de pantalla distintos (6,39, 6,53 e 7,2 polgadas) levando a un novo nivel o concepto de tabletófono e chegando incluso a presentar dimensións superiores ás de algunhas tabletas.
Estes novos teléfonos de Huawei funcionarían co procesador Kirin 980 fabricados con tecnoloxía de 7 nm, colocándose na vangarda dos smartphones con Android, sendo os primeiros produtos comerciais en integrar núcleos baseados en Cortex A76 e con gráfica Mali-G76. Os procesadores Kirin 980 tamén serían os primeiros en contar unha NPU dual. A maiores tamén soportan o estándar LTE Cat. 21 (que algúns chaman 4.5G) e as conexións Wi-Fi máis rápidas do mercado.
O móbil de referencia sería o Huawei Mate 20, con pantalla de 6,53 polgadas cunha resolución de 2.244 x 1.080 píxeles (cunha pestana superior moi reducida), 4/6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira tripla certificada por Leica (un grande angular de 12 Mpíxeles, un ultra grande angular de 16 Mpíxeles e un telefoto con 8 Mpíxeles), unha cámara frontal de 24 Mpíxeles con apertura f/2.0, lector de pegadas dixitais traseiro, NFC e batería de 4.000 mAh con carga rápida (que promete completar o 58% da batería en só 30 minutos). Chegaría con EMUI 9.0 (baseado en Android 9.0) e entre as súas funcionalidades tamén destaca a proxección sen fíos mediante Miracast, que tamén pode aproveitarse nun modo PC, ideal para realizar presentacións en pantalla grande á vez que poden continuar a recibirse mensaxes e chamadas no teléfono. Está xa á venda por 799/849 euros nas súas versións con 4/6 GB de RAM.
O Huawei Mate 20 Pro sería un terminal máis ambicioso, cunha pantalla de 6,39 polgadas cunha resolución de 3.120 x 1.440 píxeles (cunha pestana superior pronunciada), 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla certificada por Leica (grande angular de 40 Mpíxeles con apertura f/1.8, ultra grande angular de 20 Mpíxeles e telefoto de 8 Mpíxeles), cámara frontal de 24 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais integrado na pantalla, desbloqueo facial, NFC, resistencia ao po e á auga (IP68) e batería de 4.200 mAh con carga rápida por cable e sen fíos. Como curiosidade a súa carga sen fíos pode empregarse de xeito inverso, ou sexa, que o propio móbil pode cargar a batería doutros dispositivos que soporten carga por indución. Pode mercarse por 1.049 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
O Huawei Mate 20 RS sería un produto da liña Porsche Design, ou sexa, unha versión do Mate 20 Pro con acabados de maior calidade (de xeito que véndese por 1.695 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ou por 2.095 euros con 8 Gb de RAM e 512 GB de almacenamento), mentres que o produto máis rechamante para moitos sería o Huawei Mate 20 X, por ter a ousadía de vir equipado cunha pantalla OLED de 7.2 polgadas con resolución Full HD+ (cunha pestana superior moi reducida). Este último móbil contaría con 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, NFC, a mesma configuración de cámaras que o Mate 20 Pro, un sistema de refrixeración baseado en cámara de vapor e unha xigantesca batería de 5.000 mAh. Este móbil permite o uso do Huawei M-Pen, un lapis dixitalizador con 4.096 niveis de presión que dá a entender que este móbil quere competir cos Samsung Galaxy Note9. Este último móbil non chegará ao mercado até o vindeiro día 26 a un prezo de 899 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.